Este paxaro non é un 'vencello': é un birrio.

Este paxaro non é un 'vencello': é un birrio.

Vencellos, mantiños… outra de castelanismos travestidos

Ás veces lemos palabras que, cunha apariencia galega, intentan disfrazar a súa esencia castelá

Ao longo dos anos escribimos en varias ocasións sobre castelanismos travestidos: palabras como carrileira ou arpilleira que, cunha aparencia galega, intentan disfrazar a súa esencia castelá. Estes días batemos con outros dous que queremos compartir con vós.

Hai só un par de días que descubrimos que unha colonia de vencellos fai os seus niños na Muralla de Lugo. Vencellos? En serio? Ataduras de palla adquirindo vida? Evidentemente, non. Alguén decidiu que con coller o nome do paxaro en castelán (vencejo Apus apus-) e aplicarlle polas bravas a suposta equivalencia “castelán -j- <> galego -ll-” xa tiña o nome en galego. Pero resulta que esta ave xa ten nome de seu (birrio ou cirrio).

Por outra parte, preguntáronnos hai uns días que palabra se debía usar en galego para nomear a ‘capa de materiais orgánicos, parcial ou totalmente descompostos, situada debaixo da follasca e inmediatamente encima do solo mineral’, á que en castelán se lle chama mantillo. Ao comezarmos a consultar documentación atopamos propostas moi parecidas á que acabamos de ver:

  • Hai quen parte do castelán e substitúe o seu compoñente máis identificativo (-illo) pola súa suposta equivalencia en galego (-iño). O que nos leva a mantiño, un castelanismo disfrazado de libro, que deberiamos rexeitar.
  • Algúns dicionarios parten do suposto de que xa existe unha palabra galega que se refire ao mesmo concepto e recomendan o uso desa forma. O Dicionario castelán-galego da RAG, aconsella usar humus, e o Léxico panlatino dos biocarburantes, propón broza ou mulime.
    Pero na nosa opinión, o suposto de partida está equivocado: calquera destes tres termos refírese a algo parecido, pero diferente, daquilo que estamos buscando. Por iso, usalos como equivalente de mantillo pode provocar problemas de ambigüidade que na linguaxe especializada cumpriría evitar. Temos, xa que logo, que seguir buscando.
  • Se desbotamos o castelanismo disfrazado, e asumimos que non se poden reutilizar palabras preexistentes en galego, só nos queda a opción de facer neoloxía mirando para as linguas próximas a nós. Con ese enfoque traballaron os autores do Vocabulario forestal, que recomendan as expresións manta de descomposición ou manta morta (esta última, idéntica á empregada en portugués).

Estas últimas propostas (manta de descomposición ou manta morta) son —na nosa opinión— as máis recomendables, a pesar de que teren un uso moi pequeno na documentación. E sono porque evitan os problemas das outras dúas alternativas: o castelanismo evidente de mantiño, e a falta de precisión que comporta tratar como iguais conceptos que non o son… E non esquezades que esta bitácora chámase Un idioma preciso.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.