Exemplar de raposo.
Exemplar de raposo.

Os tabús que agocha o raposo

Os estudosos da opinión pública adoitan dicir que moitos dos grandes debates que axitan ás sociedades son, en realidade, máscaras tras as que agroman os instintos incómodos e vergonzantes. Que molesta, realmente, aos partidarios e detractores da caza que ten por obxecto o raposo e os campionatos que exaltan esta actividade? É un debate sobre ciencia e conservación da natureza (como o eucalipto, por exemplo)? Ou máis ben unha reacción incómoda e recíproca contra un determinado modo de vida?

Nos últimos anos está de moda preguntarse que é o que pasa co rural e no rural. Un lugar que para moitos habitantes das cidades é hoxe máis exótico ca autóctono. Máis unha despensa e un lugar para desconectar ca un fogar. Ensaios como Galicia, un pobo con futuro? de Manuel Blanco Desar, e La España vacía de Sergio del Molino; novelas como Terradentro de Xosé Benito Reza e outras que xa avisaron hai tempo, como La lluvia amarilla, de Julio Llamazares, son o síntoma dunha fractura da que moitas veces dá vergonza falar.

A fractura maniféstase, por exemplo, cando nos sorprende que a Federación Galega de Caza é, despois do omnipresente fútbol, a que máis licenzas ‘deportivas’ ten no país. Máis ca o baloncesto ou o balonmán. Sosteñen que hai agrupacións nos 313 concellos do país. En todos e cada un deles. E iso conleva influencia. “Existen eses 20.000 afiliados? Onde están, se nós non os vemos?”, pregúntase a xente desde Vigo, Santiago ou A Coruña.

A fractura está, tamén, na imaxe que chega do mundo da caza. Un mundo eminentemente masculino (con excepcións, por suposto, mais abonda con ver as imaxes) ao que se abeiran, por desgraza, actitudes e discursos doutro tempo: ninguén se pode molestar por dicir que a ultradereita está acadando notables apoios neste colectivo.

A fractura agrándase igualmente cando alguén chega a unha aldea e berra “Paletos!” e “Menos escopetas e máis bibliotecas!”. A ignorancia e o odio pouco teñen que ver con vivir rodeados de vacas ou de centros comerciais, e hai quen aínda non o ten claro. O que acaba léndose é que alguén está facendo unha emenda á totalidade do que é vivir no rural, aínda que despois lance un alegato romántico sobre o ideais que son as aldeas. E tampouco é categórico que toda a poboación urbana deteste as cacerías, ou que toda a poboación rural as defenda. Porén, as tendencias son claras.

E a fractura está tamén nos tics animalistas cos que se pretende humanizar a outras especies. E iso é facerlles pouco favor.

E a ciencia?

A evidencia, o repouso e a investigación venden menos ca o ruído e o morbo das trincheiras, e por iso reciben menos atención. Mais cabe preguntarse que di a ciencia sobre o raposo e a pertinencia da súa caza. Varias entidades ecoloxistas reaccionaron estes días, con datos na man (ou denunciando a ausencia deles) pedindo á Xunta que puxese fin á celebración dos campionatos á caza do raposo. Adega argumentou o importante papel do Vulpes vulpes como depredador de roedores que actúan como vector de transmisión da enfermidade de Lyme, unha doenza que se está a converter nun problema de saúde pública en Europa.

A Sociedade Galega de Historia Natural, outra entidade de referencia, subliñou noutro comunicado que “a Xunta carece de datos propios que avalíen as densidades dos raposos tanto a nivel local como a nivel global galego”, e engadía que “solicitou á Xunta información sobre este extremo, que estudos ten desenvolvido, de que ano, autores e tendencia das poboacións desta especie”. Esta é unha eiva fundamental. Se non existen datos propios sobre densidades, como sostén a SGHN, como se pode xustificar a morte de milleiros de raposos? Matizaba tamén a entidade que a caza do raposo é “matar por matar, sen ningún tipo de aproveitamento, pois a diferencia doutras especies, o raposo non ten interese culinario”.

O ano pasado, co gallo dos campionatos que se repiten estes días, o biólogo Xabier V. Pumariño publicaba en Praza o artigo Os raposos e a ciencia, e falaba dos estudos que confirmaban a influencia do raposo no control do número das carrachas que transmiten a borreliose.

A Federación de Caza argumenta, pola súa parte, que existen evidencias para xustificar as batidas. E pola mesma razón: evitar enfermidades que transmiten os raposos. Fálase tamén de que o control cinexético é necesario “para evitar sobrepoboacións (de raposo) que incidiran negativamente no desenvolvemento doutras especies por predación ou transmisión de enfermidades”. E faino con estudos apoiados por institucións académicas como a Universidade de Santiago de Compostela (ver PDF).

Que cómpre facer, entón? Dubidar dun e doutros estudos? Aceptar os dous? Cabe abrir o debate de considerar a caza como un deporte? Non poderían buscarse outros métodos de xestión de especies que non supoñan levar a escopeta ao lombo? Ou estamos a falar, realmente, dunha ferida máis na fractura aberta da sociedade?

4 COMENTÁRIOS

  1. Outro fake usado pola dereita e os cazadores subvencionados para cada vez ter o rural mais controlado. Deixan moitisimas mais ganancias en hostelería os visitantes desarmados que os que se autoproclaman os donos do monte. O Fidalgo da Universidade é un profesor procaza coñecido por todos. Os datos que manexa é coñecido que son sesgados e utilizados de forma irresponsable. A Universidade o sabe pero non fai nada. Lamentable. Manuel Rey investiga por favor e publica un artigo mais obxetivo.

  2. Así e, é insostible a falacia de asociar a actividade cinexética coa vida rural, pois actualmente a caza é un divertimento de élites, urbanitas xeralmente, que, para poder desenrolar a súa afición precisan dun rural sen “molestos habitantes” que, co paso do gando “espanten” as perdices, ou non lles permiten soltar rehalas de cans “de agarre” por ser perigosos para gando e persoas, ou se poñan en perigo “paseando polo campo” mentres o señorito “practica tiro” co seu potente rifle que manda “balas perdidas” a un kilómetro de distancia…. Exemplos no estado español hai a esgalla, como aquel “famoso” calador maior da rrc da montaña Palentina que, preguntado por si lle mataba mastíns ós gandeiros porque “molestaban á caza (deixando desprotexido o gando fronte ó lobo) tras vacilar respondeu, si pero CON-TA-DI-TOS

  3. Non é un confilcto rural-cidade, posto que moitos destes escopeteiros son urbanitas. É un conflicto moral porque moita xente non pode aceptar a crueldade da matanza indiscriminada de seres vivos por puro placer, porque a estas alturas quen crea que a xente que participa na caza pensa no ben da natureza é máis inxenuo ca un adulto que crea nos reis magos.

    Non hai exceso de raposos, non hai exceso de ningún animal en Galicia, nin de gaivotas, é simple afición de disparar a todo o que se menea.

  4. Moi interesante artigo, grazas. À maioria dos cazadores actualmente viven en cidades e vilas con vida “urbanita”. Non existe conflicto cazador-rural vs urbanita.
    De feito moita da envellecida poboacion rural se Galicia, incluida a do interior de Lugo e Ourense non defende a caza e frecuentemente critica as batidas nos seus montes polos malos comportamentos e o desastroso uso de coches e armas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.