Sábado 20 Abril 2024

‘Os Outros’

Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 26 de xullo de 2016
Latitude: 63,44 graos Norte
Lonxitude: 23,46 graos Oeste
Aproximadamente 5.400 kms dende o porto de saída en Vigo

Escrito a bordo por Mercedes de la Paz, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC)

Derradeiro fin de semana a bordo do Sarmiento de Gamboa desde que deixamos o porto de Vigo fai seis semanas. As fins de semana xeralmente aproveitamos o tempo entre rosetas para visionar algunhas películas, unha pequena concesión para manter as sás costumes de terra e socializar con este magnífico grupo. Seguindo o misterio da famosa película de Amenábar, hoxe imos contarvos unha historia sobre “Os Outros“. Xa sabedes, elementos que, aínda que non se podían ver, si tiñan a súa propia vida e conseguían ter un impacto na nosa realidade maior que unha simple sospeita. Neste caso, os clorofluorocarbonos (CFCs), o óxido nitroso (N2O) e o metano (CH4) son “Os Outros”. Outros gases moito menos coñecidos e estudados que o CO2 que certamente tamén viven entre nós e que someten ao clima a unha tensión que por desgraza non é soamente narrativa. En concreto, teñen unha capacidade para intensificar o efecto invernadoiro  que supera en varias ordes de magnitude á do CO2. Con todo a súa menor concentración sitúaos xusto por detrás do CO2 en canto ao impacto no quencemento global.

Publicidade

Para saber algo máis deles, imos facer un retrato máis polo miúdo de cada unha das pantasmas que protagonizan esta historia.

Figura 1

Os CFCs, tamén coñecidos como gas Freon, non existiron na natureza ata 1930. Nesa data foron creados para substituír refrixerantes químicos industriais tóxicos, tales como óxido de xofre e amoníaco, e desde os 50 teñen diversas aplicacións tanto como propulsores de aerosois e refrixerantes. Con todo, anos máis tarde a nosa creación amosou unha peaxe que o noso coñecemento daqueles anos nos impidía ver. A destrución da capa de ozono a e expansión do seu burato obrigou a prohibición da súa produción tras o Protocolo de Montreal de 1986.

Eran tan claras as evidencias, que a súa desaparición industrial foi o primeiro acordo unánime asinado por todos os países nun Cumio do Clima. Pero segue aquí entre nós e a súa búsqueda sírvenos a día de hoxe para coñecer a idade de formación de masas de auga, é dicir, a data na que entraron en contacto por última vez coa atmosfera.

Esta marca é inestimable en oceanografía, xa que ao tempo que nos fala do nacemento das augas fondas tamén nos permite distinguir as súas diferenzas na intensidade de formación e na velocidade de transformación das súas propiedades bioxeoquímicas.

Os CFC foron prohibidos por todos os países no Protocolo de Montreal de 1986

Outro dos nosos inimigos íntimos sería o óxido nitroso que algúns de vós recoñeceredes seguro que de lonxe como o gas da risa. Ao finais do s. XVIII estaban de moda na “jetset” británica as “Laughting Gas Party”, onde os nosos aristócratas “ían polo aire” cos efectos eufóricos da súa inhalación. A diferenza dos CFCs, as principais fontes de nitroso son de tipo natural e delas unha terceira parte procede do océano. A medida que avanza esta nosa película, a súa ameaza será cada máis tanxible por mor da eutrofización das nosas costas e da anoxia das augas profundas, situación que aumentará a súa formación elevando o estrés do noso clima.

Figura 2

O terceiro protagonista, o metano polo momento ten un papel menor nesta historia aínda que se sinte á espera dun maior protagonismo.  Aparece en escena impulsado por actividades humanas (combustibles fósiles, agricultura e gandería) pero existen grandes cantidades ocultas no fondo do mar e baixo o permafrost das altas latitudes. Pendente de escoitar “acción” pode aparecer por sorpresa e de xeito masivo tras un movemento masivo de sedimentos ou polo desxeo dos casquetes polares mariños. Toda unha aparición para a atmósfera e un bo susto para nós.

Estudar os mecanismos de control actuais do nitroso e o metano no océano é esencial para desenvolver e mellorar a nosa capacidade de predición sobre como responderá o noso planeta á unha maior presenza destos gases na atmósfera.

O equipo responsable de perseguir a “Os Outros” nesta campaña compoñémolo Susana e Merche. O noso traballo, tamén durante a fin de semana, consiste na toma de mostras para CFCs, nitroso e metano. “Os Outros” son compostos moi sensibles e o contacto coa atmosfera actual contaminaría as mostras. Esto obríganos sempre a inaugurar a roseta cando chega a bordo.

Figura 3

En cada estación par tomamos mostras en 10 ou 15 profundidades en función do perfil de salinidade, temperatura e osíxeno polo que antes de comezar temos que visitar aos compañeiros franceses e ao persoal técnico para identificar as augas das que queremos obter mostras.

Comezamos polas ampolas de vidro de 100 ml (como na foto) para os CFCs e tras a mostraxe de osíxeno, continuamos tomando mostras para nitroso e metano en frascos de vidro oscuro evitando sempre deixar burbullas antes de pechar as mostras. As análises de CFCs, metano e nitroso realizaranse en terra unha vez rematada a campaña polo que debemos garantizar a súa condición e coidado. Esto conseguímolo selando as mostras dos CFCs cun facho e deixando un pequeno volumen de N2 ultrapuro mentres que ás botellas N2O e CH4 engadímoslles unha pequena dose de cloruro de mercurio, un potente veleno que paraliza toda actividade microbiológica. En concreto, as mostras destos outros gases importantes no efecto invernadoiro serán analizados por cromatografía de gases no laboratorio do doutor Reiner Steinfeldt na Universidade de Bremen e no caso dos CFCs no laboratorio de IIM-CSIC en Vigo para óxido nitroso e metano.

Ver o post anterior
O corazón e as veas do Sarmiento de Gamboa

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte