Xoves 28 Marzo 2024

Os nosos datos persoais, os nosos dereitos

Se cadra alguén de entre vós recibiu estes últimos días correos electrónicos con títulos como Adaptamos a nosa política de privacidade.- Adaptación ao Regulamento Xeral de Protección de Datos, ou cousa parecida (risas e gargalladas)… Agora que por fin o tal Regulamento entra en vigor e as empresas van deixar de saturar a nosa caixa de correo parece un bo momento para salientar os seus termos esenciais, sobre todo os referidos aos dereitos que temos en relación cos nosos datos persoais.

Pero comecemos polo principio… Cando falamos de datos persoais ou de datos de carácter persoal (ES: datos personales. PT: dados pessoais. EN: personal data. CT: dades personals), referímonos a calquera información tocante a persoas físicas identificadas ou identificables, sexa numérica, alfabética, gráfica, fotográfica, acústica ou de calquera outro tipo.

Publicidade

O Regulamento que este 25 de maio comeza a aplicarse establece que as persoas temos —en relación cos nosos datos persoais— unha serie de dereitos, entre os que salientan:

  • Dereito de acceso (ES: derecho de acceso. PT: direito de acesso. EN: right of access. CT: dret d’accés). É o dereito a sermos informados/das sobre os datos de carácter persoal propios en poder de terceiros, nomeadamente sobre a súa orixe, tratamento e finalidade; e tamén a saber se se cederon no pasado ou poden ser cedidos no futuro.
  • Dereito de rectificación (ES: derecho de rectificación. PT: direito de retificação. EN: right to rectification. CT: dret de rectificació). É o dereito de modificar e actualizar os datos de carácter persoal propios, sobre todo se na actualidade non son exactos.
  • Dereito de supresión (ES: derecho de supresión. PT: direito ao apagamento dos dados. EN: right to erasure. CT: dret de supressió). É o dereito a que os datos de carácter persoal propios sexan eliminados sen ningunha dilación indebida.
  • Dereito de oposición (ES: derecho de oposición. PT: direito de oposição. EN: right to object. CT: dret d’oposició). Temos dereito a que os datos de carácter persoal propios non sexan utilizados para determinados temas.
  • Dereito ao esquecemento (ES: derecho al olvido. PT: direito a ser esquecido. EN: right to be forgotten. CT: dret a l’oblit). Dereito a que os datos de carácter persoal que afecten a un individuo sexan suprimidos, e se impida a súa difusión a través de internet.
  • Dereito á limitación do tratamento (ES: derecho a la limitación del tratamiento. PT: direito à limitação do tratamento. EN: right to restriction of processing. CT: dret a la limitació del tractament). Dereito a restrinxir o tratamento dos datos de carácter persoal propios; establecendo, por exemplo que se garden sen tratar de cara a unha futura reclamación.
  • Dereito á portabilidade dos datos (ES: derecho a la portabilidad de los datos. PT: direito de portabilidade dos dados. EN: right to data portability. CT: dret a la portabilitat de les dades). Dereito a recibir os datos de carácter persoal propios nun formato estruturado, de uso común e de lectura mecánica.

Como a nosa man é máis rápida ca a nosa vista, e calca no botón Aceptar antes de que leamos esas mensaxes que nos chegan ao correo electrónico, non nos ha sobrar retermos os nosos dereitos básicos (e os seus nomes en galego) para estar un pouco máis protexidos e saber o que podemos facer cando comecemos a recibir ofertas, promocións e anuncios remitidos por entidades ás que non lembramos darlles nunca teléfono nin enderezo electrónico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario