Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 24 de xullo de 2016
Latitude: 63,02 graos Norte
Lonxitude: 24,73 graos Oeste
Aproximadamente 5.200 kms dende o porto de saída en Vigo
Escrito a bordo por Susa Álvarez e Irene Alejo, da Universidade de Vigo
Sempre que teñas a oportunidade de ver unha embarcación por dentro, non dubides en mergullarte nos pasillos e recunchos que son tan descoñecidos por moitos. O que máis se soe visitar é a ponte de mando, ademais de ser un lugar tranquilo e con vistas de 360 graos, é onde recae toda a responsabilidade. No noso caso, María é a capitá. Muller sen antecedentes familiares no gremio decidiu estudar o que sempre lle gustou… e aquí está, dende que se inaugurou o Sarmiento de Gamboa, ela é a parte fundamental deste “cerebro” flotante. Ademais de María, nas outras quendas de traballo na ponte tamén están Arnau e Juan Carlos, como primeiro e segundo oficial. Nesta singladura os tres sempre van acompañados da mirada atenta dos tres intrépidos estudantes da Universidade da Coruña: Ilonia, Alejandro e Carlos.
Durante a quenda de traballo de Juan Carlos e Ilonia, tivemos a sorte de poder facer unha visita guiada, onde Juan Carlos con paciencia e acento gaditano, explicounos en detalle cada trebello e o seu funcionamento.
O que fai verdadeiramente especial este buque é o sistema de posicionamento dinámico (DP) onde, “dándolle a un botón”, é capaz de manterse no mesmo punto ata que se lle diga o contrario. Isto sucede grazas á simbiose que existe entre a ponte e as salas de máquinas que están na parte baixa do buque. Para a nosa mostraxe, isto é un elemento fundamental xa que nos asegura que o buque manterá a súa posición exactamente nese punto, con un rango de erro que non supera os dous metros. Hai que ter en conta, que a profundidades de 5000 metros, unha mostraxe completa da columna de auga (coa roseta) e do sedimento do fondo (coa box-corer) pode durar polo menos 6 horas.
O posicionamento dinámico permite ao barco materse nun punto fixo
Se por algo se caracterizan os de máquinas é porque se ven pouco en cuberta e tamén porque cando os ves, levan cascos nas orellas ou gafas de seguridade. Eles están metidos noutra cidade dentro do buque, alí abaixo hai máis salas e pasillos que pasan desapercibidos. Mario, o xefe de máquinas, convidounos a una ruta polo seu hábitat, explicando cada secreto do Sarmiento. Sen esta parte do buque, non podería funcionar nin tería as comodidades coas que podemos contar. É “o corazón do Sarmiento”: Tres motores diesel son os xeradores de corrente eléctrica para todo o funcionamento do buque, incluíndo os equipos científicos. Unha peculiaridade é que conta con dous motores de propulsión eléctrica que son os que moven a élice principal, isto fai que diminúa o nivel de ruído que teñen alí abaixo. Contamos con outras dúas élices máis: unha en proa, coñecida como “de volta a casa” e outra en popa, con isto a maniobra nos 360 graos está asegurada. Cousas tan obvias como é a desalinización da auga ou a eliminación de residuos tamén se xestionan neste sector do buque.
Un pode imaxinar as salas de máquinas cheas de graxa e óxido, con esos cheiros que che fan saír pitando á borda, pero nada máis lonxe da realidade, neste buque “poderíase comer no chan”. O equipo encargado de que todo esto funcione está integrado polo propio Mario como xefe de máquinas, Pablo é o primeiro oficial, Alejandro e Gabriel son os engraxadores e tamén hai dous estudantes en prácticas: José e Mariana. Hai que ver a ansia que teñen por aprender e desenvolverse con soltura como se eles tamén tiveran unha chea de días a bordo. É admirable que se aproveite a profesionalidade dos veteranos para formar ós estudantes.
Ó equipo de máquinas tamén acudimos cando é necesario facer algunha reparación ou axuste na draga. De feito, nos primeiros días de campaña, a nosa box-corer tivo un “aterrizaje forzoso” no fondo do océano e foron necesarios os coidados de Alejandro e Pablo para a súa rápida recuperación, da cal saíu suficientemente reforzada como para asegurarnos o éxito que estamos tendo.
Xa estamos na recta final da travesía, 37 días a bordo con máis de 100 puntos de mostraxe realizados e con ganas de pisar terra firme en Reikjavik. É probable que esta sexa unha das últimas entradas a este blog, pero se tendes curiosidade por saber en que latitude está o Sarmiento de Gamboa, podedes consultar o blog de Mario (panolgrande.blogspot.com), o cal vai actualizando periodicamente.
Pola nosa parte, xa nos despedimos, foi un pracer divulgar a ciencia para todos os públicos neste diario de abordo.
Vémonos nos portos, a primeira está pagha !
Gracias por estas explicacions tan ven expostas
Penso leervos sempre Aparte hoxe doi un lujo ver as fotos
En ese barco vai un cachiño meu
Coidadeo moito
Gracias boa viaxe