Venres 29 Marzo 2024

Nano-robots que traballan para nós a diario

Vanme deixar que faga uso da metáfora da robótica agora que está tan de moda para explicar un dos  seres vivos que me fascinan: as bacterias.

Entrei en contacto co mundo das bacterias, nalgunha materia da especialidade da enxeñería química. Fascinoume  que poidamos modelar -é dicir, describir con fórmulas matemáticas (a vida descrita con fórmulas, non lles alucina?!)- o seu comportamento vital na comunidade: a velocidade a que se reproducen, canto comen… pero as bacterias, non son un só tipo e xa está, o número de especies dentro do reino monera – no que  adscribimos a estes microorganismos- é altísimo.

Publicidade

É por iso que dende algúns ámbitos,  como o da enxeñería química, se quixo aproveitar esta variabilidade para conseguir que ‘traballen’ no noso beneficio. Refírome a ‘traballar’ con aproveitar a súa gran capacidade para alimentarse de diferentes substratos (tipos de comida). Aproveitan para comer dende o amonio procedente das proteínas que excretamos na ouriña, a outros derivados do átomo do nitróxeno, entre outros moitos. Esta capacidade resulta moi beneficiosa  para eliminar aqueles detritos das augas residuais dunha maneira ‘ecolóxica’. Acontece a diario nas nosas depuradoras. Esas lamas que vemos, son colonias inmensas de bacterias -nano-robots que traballan a diario para nos beneficiar.

Este é un sistema moi coñecido no ámbito da enxeñería e da construción civil, pero diferentes colonias de bacterias están a ser isoladas e cultivadas para mellorar o sistema de depuración. Explicado en termos sinxelos, existen investigacións que xa acadaron a obtención de bioplásticos (é dicir, plásticos non derivados do petróleo) a partires das augas residuais; investigacións que se están a dar aquí ao lado, na Universidade de Compostela. Si, obtéñense plásticos a partir de residuos! Outras liñas de investigación van cara a optimización de obter biogás (combustible) tamén grazas ao traballo das nosas amigas; cara á eliminación de medicamentos cada vez máis presentes nestas, á de nanocontaminantes das augas residuais…

Destacan as investigacións con bacterias para producir bioplásticos e biogás

Unha das cousas impresionantes deste mundo, é ser consciente da capacidade de coñecemento profundo que o ser humano pode ter da materia de unha forma íntima grazas tanto ao desenvolvemento matemático existente-xunto co aumento da capacidade de cálculo dos computadores para ser capaces de modelar – como aos métodos analíticos cada vez máis avanzados e precisos que nos permiten analizar se os resultados previstos coinciden coas nosas predicións matemáticas.

Pero, por que é tan importante a depuración das nosas augas? A pesares da evidente presenza de auga no noso planeta: en océanos, glaciares, apenas un 0,02 % de auga é doce, é un ben escaso. Os principais cambios percibidos na auga debido a verquidos son o de diminuír o osíxeno, o que afecta negativamente a fauna e flora propios ecosistemas acuáticos. Tamén afecta á proporción en que  están os nutrintes (referíndonos principalmente ao nitróxeno e fósforo, procedentes estes da urea da ouriña), causando resultado do crecemento excesivo de algas e doutras plantas (nun proceso chamado eutrofización). Ademais, hai o perigo de propagación de organismos patóxenos e substancias tóxicas, que pode ser responsable da transmisión da enfermidades, ao que podemos engadir a aparición de lamas, e a consecuente xeración de mal cheiro e degradación dos leitos dos nosos ríos. É por iso, que duns seres vivos invisibles ao ollo humano podemos obter grandes beneficios que nos axuden a paliar algúns dos efectos da sobre-explotación de recursos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nova estratexia para separar moléculas nocivas nas augas residuais

O investigador da UVigo Noel Escudero aborda na súa tese de doutoramento métodos que poden evitar a chegada de contaminantes emerxentes ás depuradoras

Unha tese investiga novos procesos eficientes nas depuradoras

Alba Pedrouso presentou na USC unha investigación sobre procesos de nitritación e anammox que permiten eliminar o nitróxeno

Furelos: miles de troitas mortas no “río da vergonza” en Melide

Un novo episodio de contaminación procedente do polígono da Madanela esperta a indignación veciñal despois de anos sen solucións

Unha enxeñeira de Vigo propón un tratamento alternativo para depurar augas residuais

A investigadora Aida María Díez Sarabia demostra na súa tese a eficacia dos Procesos de Oxidación Avanzada nestes procedementos