O mansplaining refírese á explicación que un home lle dá a unha muller facendo ostentación dos seus coñecementos e cun talante condescendente e paternalista.
O mansplaining refírese á explicación que un home lle dá a unha muller facendo ostentación dos seus coñecementos e cun talante condescendente e paternalista.

Deixade que vos explique que é o “mansplaining”

O autor propón o uso de "homexplicación" a "homescarranchamento" no canto das formas inglesas "mansplaining" e "manspreading"

Se fósemos coherentes, este artigo debería escribilo e asinalo unha muller, pero hai que conformarse cun home falando de mansplaining (o que se cadra é un exemplo de mansplaining de libro, non si?).

Este termo inglés describe a ‘explicación que un home lle dá a unha muller facendo ostentación dos seus coñecementos e cun talante condescendente e paternalista’ e —aínda que se usa moito entre nós— parece difícil que acabe sendo aceptado dentro do léxico galego, por causa desa terminación -ing.

Algo semellante ocorre nas linguas veciñas, que tamén intentan substituílo por expresións alternativas que usen elementos propios. Así, en portugués falan de homexplicanismo, en castelán de machoexplicación, condescendencia machista ou machorragia, en francés de mecsplication ou penisplication, e en catalán de explicació masculina condescendent.

En galego, unha forma acaída podería ser o homexplicación que lanza Emma Pedreira no seu Glosario feminista de peto, porque conserva o ton informal e ten o orixinal inglés e describe perfectamente a idea que hai detrás. E ademais, crea un patrón de formación de palabras que pode aplicarse a outros termos relacionados, como por exemplo manspreading.

Con esta palabra faise referencia ao ‘hábito masculino de sentar en lugares públicos (asentos de medios de transporte, paradas de autobús, bancos públicos…), coas pernas moi abertas, abranguendo así máis espazo do que sería necesario e invadindo o que ocupan outras persoas’. Como o verbo galego escarranchar describe perfectamente esta acción, poderiamos aplicarlle o modelo anterior, para construír homescarranchamento como substituto do anglicismo. Algo semellante é o que se fai en castelán con despatarre ou despatarre masculino e en catalán con eixancarrament masculí.

En resumo, propoñemos usar en galego os neoloxismos homexplicación e homescarranchamento no canto das formas inglesas mansplaining e manspreading. Son perfectamente descritivas, manteñen o ton informal e evitan a terminación en -ing da que o léxico galego en xeral intenta escapar.

1 comentario

  1. -“Homexplicación” non respecta a sintaxe galega nin as regras de formación de palabras da nosa lingua. É simplemente un decalque impronunciábel do inglés.

    -O galego e o inglés tampouco son comparábeis en termos de permeabilidade dos rexistros. Un médico inglés, por exemplo, falará de “smallpox” nos seus estudos… quero pensar que un médico galego non o denomina “mal das vexigas” cando escribe un paper. Digo isto independentemente de que noutras linguas se teñan proposto traducións que manteñen o ton coloquial.

    -O problema do galego son os empréstimos do español, non os do inglés. Non parece que vaiamos ser absorvidos por esa lingua. Todo o mundo utiliza esa terminoloxía en inglés noutras linguas sen grandes dramas; tampouco é unha prioridade.

    -Se queremos ter equivalentes en galego, “condescendencia machista” paréceme mais acertado. Teño máis dúbidas canto ao segundo termo… se cadra “estiramento machista”, “espalhamento machista”? “Escarranchamento” paréceme demasiado coloquial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.