Martes 19 Marzo 2024

Hai futuro na ciencia galega

Nos últimos anos as noticias relacionadas coa ciencia, tanto en Galicia como en España, non son positivas. Un par de titulares como exemplo. “Galicia, entre las comunidades que menos dedican a I+D+i“, “El rector de Vigo denuncia una «fuga de cerebros sistemática» por los recortes”. Mesmo GCiencia tivo que facerse eco dos famosos “recortes” e da súa repercusión nos índices de excelencia das nosas universidades.

Non podemos negar o descenso do investimento público en I+D, que está a provocar a emigración dos nosos investigadores, polo que se isto se prolonga o futuro pinta bastante negro. Por se fora pouco os profesores universitarios quéixanse de que os alumnos chegan cada vez menos preparados e son menos maduros, teñen moi pouca motivación e están pouco dispostos a esforzarse.

Publicidade

Presentación en Galiciencia do proxecto de xeración de biodiése a partir de aceite usado.
Presentación en Galiciencia do proxecto de xeración de biodiése a partir de aceite usado.

No pasado mes de novembro celebrouse no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense a oitava edición de Galiciencia, un certame no que estudantes de ESO e bacharelato expoñen os seus experimentos científicos. Por terceiro ano actuei de xurado e tiven a ocasión de ver con ledicia o excelente nivel de innovación, o rigor científico de moitos deles e a súa capacidade para enfrontarse aos problemas. Este ano puiden ver un sistema de freo automático para carriños de bebés, unha excelente análise da calidade medioambiental dun treito de río e mesmo un dispositivo para comprobar experimentalmente o tiro parabólico. Saín exultante, esperanzado, orgulloso dos nosos colexios, dos nosos profesores e dos nosos alumnos. Durante varios días non me cansei de contarlle aos meus amigos e compañeiros o que alí vira e decidín que tiña que escribir algo sobre iso.

banner-web-galiciencia

O pasado día 10 celebramos en Ourense as segundas xornadas de difusión da investigación e a transferencia INOU. Nestas xornadas os investigadores novos, gañadores dos proxectos financiados pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, expoñen os resultados dos mesmos. De novo esta xornada supuxo para min unha inxección de enerxía e un aumento da miña confianza na ciencia galega. Historiadores, expertos en marketing e mesmo informáticos amosáronos que en Ourense hai capacidade científica e hai vontade de traballo e polo tanto hai resultados.

Cal é a conclusión de todos isto? A mellor maneira de facer fronte ás noticias negativas sobre a ciencia galega, de loitar contra o desánimo e de recargar pilas cando a moral estea baixa é acudir a algún evento onde os nosos científicos ou futuros científicos nos amosen as súas ideas e o seu traballo. Dende logo para min non hai mellor remedio.

Isto mesmo lle recomendaría aos nosos gobernantes, así verían que merece a pena inverter en ciencia, que cerebro non falta e gañas de traballar tampouco, e que sería unha mágoa que todo ese talento tivese que emigrar.

Sen ningunha dúbida hai futuro na ciencia galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...