Venres 29 Marzo 2024

Enxeñeira(s): Día da Muller e a Nena na Ciencia

Existe unha preocupación pola baixada de estudantes nas facultades de enxeñería.1. O certo é que me soprende por unha banda pero por outra non.

Explícome. Eu tiven sempre motísima sorte cos compañeiros e compañeiras de clase, e co profesorado do secundario que me (nos) encoraxaron a todas e todos a facer deporte, a facer teatro, a aprender cousas novas. Nalgún momento de pequena decidín que quería ser cientista. Ben porque a veciña veterinaria me acollía polas tardes na súa casa, ben porque atopara un brinquedo perdido do meu irmán maior que se chamaba Quimicefa e coma toda crianza curiosa tentei misturar cousas ata ver se algo ardía, ben porque daquela na TVG á hora da merenda botaban o mundo de Beakman.

Publicidade

Un cientista que explicaba como funcionaban as cousas. Non sei se por educación ou por personalidade, fun sempre ben curiosa. Non foi ata segundo de bacharelato cando me decidín a facer unha enxeñería, animada polo meu profesor de matemáticas, que comentara que era unha mágoa que non aplicase a miña facilidade para adquirir coñecemento abstracto, cunha carreira práctica e con futuro.

A carreira en si non é sinxela. Matemáticas, cinco materias no meu plan, son a base para construír o resto da carreira, xunto ca programación informática e así ata 60 materias cando o plan era de 5 anos. E unha materia que no instituto accedía a un sobresaínte sen problemas, na carreira, querendo levar algo de vida parelela convertíanse en cincos con esforzo de meses. Pero o ambiente co profesorado, pedíannos o mesmo a todos e todas era un reto estimulante na maioría dos casos.

Foi á hora de enfrontarme ao mercado laboral despois de pasar pola investigación onde me (nos) atopamos con máis problemas. O mundo da empresa privada despois da crise non quedou fácil. Os salarios desceron2, a competitividade en empresas é alta, as horas extras aumentaron3 e a conciliación familiar e laboral especialmente cando hai crianzas ou membros dependentes, faise a veces mastodóntica segundo me contan compañeiras. Enxeñeiras traballadoras e brillantes atópanse cos mesmos problemas que en todos os ámbitos nos atopamos as mulleres 4.

As enxeñeiras teñen practicamente os mesmos problemas que o resto das mulleres, porque seguimos marcadas polo noso sexo. Mudámolo xa?

Como atender á nena que está hospitalizada se o teu xefe che pide que recuperes as horas? Cando? Se o teu compañeiro ou compañeira ten un traballo no que poida pedir redución de xornada, ou poda estar uns anos sen traballar sen que lle supoña un custo no ascenso da súa carreira; invertimos os papeis tradicionais e xa está na teoría. Na práctica as mulleres seguimos no foco por todo: que se renunciamos á nosa esencia por traballar fóra a xornada completa, que se o pediatra só se dirixe a nós, pese a que o compañeiro sexa o que fique na casa, que se non nos contratan pola baixa de maternidade…(todo isto son casos reais).

A nosa propia educación fai que nos sintamos máis responsables dos coidados de crianzas e maiores e seguramente máis culpables por non ser ubicuas. Que grandes referentes da nosa historia coma Hypatia de Alexandría, Ada Lovelace, Mary Winston Jackosn, Heidy Lamar, Margaret Hamilton, Grace Hopper, Rosalind Franklin, Valentina Tereshcova, Margarita Salas, Emmy Noether, Marie Curie, Mina Fleming… (isto só no campo da ciencia) non estiveran nos currículos tampouco axuda a considerarnos suxeitos de pleno dereito e suxeitos históricos nin a sermos consideradas coma iguais.

Estou súper a favor de todas as inicitivas que deixen de poñer límites á nosa realización na vida polo noso sexo; pero pensar que só coa educación se pode mudar isto, sen atender ás circunstancias materiais do mercado laboral é un pouco iluso. Para que facer un esforzo para facer unha enxeñería e non quedarse xa na casa a coidar bebés? Eu téñoo moi claro, a realización persoal que me deu a carreira e o poder entender cousas que estarían totalmente fóra do meu alcance e o pracer intelectual cando o consigues é inexplicable se non pasaches por iso e che gusta.

O pracer de compartir con enxeñeiras e cientistas os fitos de investigación nos que están colaborando pese aos malabarismos que fan ca súa vida persoal e laboral é moi grande.

Voltaría a estudar enxeñería unha e outra vez. Pero non nos enganemos, a realización profesional nun mundo capitalista desaforado onde a idea que se nos inculca é que se non o fas ti, haberá outra que fará o mesmo máis barato, non é sinxela porque xogan co medo.

Cientistas contratadas para desenvolver fórmulas e formar técnicxs de laboratorio despois botadas á rúa para contratar a técnicxs que saen máis baratxs tamén é un caso real. Enxeñeiras ás que o seu xefe despide (mellor dito non renova contrato) por quedar embarazadas. As enxeñeiras estamos indo de fronte co que se espera tradicionalmente dunha muller5, que sexa emocional e non racional; como se estas cualidades foran excluíntes e non parte de todo ser humano.

A invisibilización dos coidados no mundo fai que esa parte quede á marxe da ‘vida laboral’ transformándoo aparentemente nun problema individual pero que ten custos sociais como o descenso da maternidade, sobrecarga emocional nas mulleres…

Ademáis neste mundo onde se está a convertir moralmente errado falar dos problemas, fai que a soidade aumente e só na intimidade as persoas se atrevan a contar a realidade que viven onde parece que as mulleres desaparecen maxicamente do mundo laboral marabilloso e cor de rosa. É dicir, as enxeñeiras teñen practicamente os mesmos problemas que o resto das mulleres nos outros ámbitos, porque seguimos marcadas polo noso sexo. Mudámolo xa? E xa agora, por que hai tanto interese en que as mulleres nos incorporemos á ciencia e non tanto en que os homes se corresponsabilicen da súa parte dos coidados ou adaptar os horarios laborais cunha vida máis amorosa e máis humana, con tempo fóra do traballo?

P.D: Grazas a todas esas mulleres que confían en min para contar a intrahistoria dos grandes números e palabras bensoantes que me fan saber de realidades que non sempre coñezo en primeira persoa.

Bibliografía:

1.https://www.xataka.com/otros/tres-decadas-vaciando-las-clases-de-informatica-de-mujeres

2.https://www.elconfidencial.com/economia/2018-03-13/masa-salarial-espana-crisis-beneficio-empresarial_1532809/

3..https://www.publico.es/economia/laboral-mitad-horas-extra-espana-no-pagan.html

4. An ambivalent alliance. Hostile and Benevolent sexism as complementary Justification for Gender Inequality. P. Glick and S. Diske. American Psycologist vol. 56. N.2 109-118

5. Las relaciones humanas. Psociología Social teórica y aplicada. Capítulo XV. Esterotipos de género y la discriminación de la mujer. Anastasio Ovejero Bernal (1998) Madrid: Biblioteca Nueva

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

Quen era Eunice Newton? Un proxecto galego recupera a figura da pioneira da ciencia climática

Un equipo da UVigo replica os experimentos da científica que xa alertara en 1856 do impacto da concentración de CO2 na atmosfera

A Foto 51, divulgación con perspectiva de xénero para o Día da Muller e a Nena na Ciencia

A matemática Elena Vázquez Cendón abre cunha charla-coloquio con estudantes a celebración do 11F do Concello de Pontevedra

Volve o túnel de Xibraltar que soñou Comerma

O enxeñeiro establecido en Ferrol deseñou unha vía submarina de 19 quilómetros para comunicar Europa e África