Venres 29 Marzo 2024

Contradictio in terminis: cando o inglés é a mellor opción

Hai cousa dun mes que publicamos nesta bitácora un apuntamento en que aconsellabamos non usar palabras inglesas para nomear conceptos que se poden describir perfectamente cunha forma galega. Viña a conto dos distintivos, pero o argumento vale para a tecnoloxía poñible, para a nube, e para outros moitos exemplos.

Pero… que facer cando esa palabra galega non existe?

Publicidade

Nese caso, que adoita darse cando o inglés —ou a lingua que sexa— crea unha expresión nova (skyscrapperwebinar, podcast…), moitas veces podemos imitar (calcar é a palabra técnica) o procedemento do inglés para construírmos unha forma galega. Grazas a ese calco falamos de rañaceos ou de webinarios.

Pero outras veces ese método non funciona, normalmente porque a palabra creada en inglés ten particularidades moi difíciles de reproducir noutra lingua. Poden ser metáforas (como en microchip, que se basea na identificación da peza electrónica cunha pequena estela), ou outros procedementos (como en copyleft, formado a partir copyright xogando coa polisemia do segundo elemento da palabra). Cando isto ocorre, o único factible é aceptar a palabra estranxeira e incorporala directamente ao léxico propio: como diciamos no título, “o inglés é a mellor opción”.

Outro caso en que iso ocorre é podcast, o termo en que nos queremos fixar hoxe. É unha palabra creada en inglés como resultado dun elaborado proceso de montaxe: colleuse por un lado unha marca rexistrada (iPod) e polo outro un substantivo composto (broadcast); eliminouse o comezo desas dúas palabras e empalmouse o resto para crear un novo termo composto.

Parece case imposible reproducir un procedemento así noutra lingua e obter un resultado funcional. Por iso, o castelán, o catalán, o portugués ou o italiano aceptan o anglicismo sen modificación ningunha: só en francés se intenta crear e difundir unha expresión propia (balado) cun éxito moi relativo.

E en galego? Pois aquí tamén houbo quen creou e intentou difundir unha expresión propia (falangullo), inspirada moi libremente no procedemento seguido en inglés, e combinando as palabras falar e bagullo. Pero hoxe en día é tamén a forma inglesa a que se recolle en dicionarios, e medios de comunicación.

Xa que logo, é mellor asumir que hai ocasións en que o inglés é a mellor opción, e empregar podcasting para referirse ao sistema que permite gravar, editar e publicar periodicamente a través de internet ficheiros multimedia, e podcast para os ficheiros publicados a través dese sistema (aínda que hai que recoñecer que falangullo tamén tiña o seu aquel, a que si?).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:04:50

Teñen os mosquitos as súas cores de predilección?  

Ir vestidos de negro nun día de calor pode aumentar as probabilidades de que nos pique un mosquito, pero será o noso olor corporal o que determine a nosa condición de vítima
00:04:54

É o limón o remedio contra todos os males?

O froito do limoeiro forma parte da nosa dieta e da nosa farmacia doméstica desde hai séculos, pero o avance da ciencia négalle hoxe os seus poderes de superalimento

Pódcast | O CIM desenvolve sistemas de alerta para evitar a mortalidade do marisco

Falamos co investigador José González Cao, quen busca poder previr a diminución de salinidade das augas debido ás fortes chuvias