Onte non foi posible ver a eclipse en moitos puntos de Galicia. Imaxe: wjarrettc - CC BY SA 2.0.

Onte non foi posible ver a eclipse en moitos puntos de Galicia. Imaxe: wjarrettc - CC BY SA 2.0.

A eclipse foi o de menos

Familias, amigos, parellas, veciños... saíron aí fóra a contemplar o ceo, algo que xa pagou a pena aínda que as nubes taparan a Lúa en moitos lugares

Somos ananos subidos aos ombros de xigantes. Se hoxe gozamos deste benestar e coñecemento do noso mundo foi porque moitos e moitas antes ca nós decidiron facerse as preguntas que case ninguén facía e procurar as respostas que ninguén era quen de atopar. O mundo no que viviron os nosos devanceiros tiña moitas eivas, si. Pero de cando en vez xurdían mentes que recoñecían a súa ignorancia e intentaban buscar algo máis alá (que ben se conta en Cosmos); non se conformaban co que lles viña dado polos dogmas. E por iso estamos aquí, e seguimos medrando.

Nas eclipses, como en tantas outras cousas, caeron na conta os gregos. Crese que se fala dunha eclipse na Odisea (“E o sol apagouse no ceo, e unha maligna tebra invádenos”) e din que o fenómeno influíu na Guerra do Peloponeso. Outros, os primeiros astrónomos, intentaron buscar outras explicacións, e aprenderon, seguro, a interpretar e comprender mellor o mundo, como aprenderon Sócrates ou Platón da natureza humana escoitando aos seus semellantes.

Agora moitos de nós xa non observamos tanto o ceo. A sobredose de estímulos que temos ao alcance da man separounos da contemplación, do silencio e da reflexión. A maioría dos humanos de hoxe en día estariamos máis perdidos sen GPS e smartphone do que estaría calquera pastor do século XIX. Pero onte á noite aconteceu algo diferente. Familias, amigos, parellas, veciños… saíron aí fóra. Con mantas, bocadillos, cadeiras desmontables, prismáticos e telescopios foron á busca da Lúa vermella.

Neste recuncho do mundo, as nubes impedíronnos ver ben a que foi a eclipse de Lúa máis longa da vida de gran parte das persoas que estean lendo isto. Sempre nos quedarán os memes. E, por riba, quedamos aterecidos co vento que sopraba nos montes aos que subimos para intentar vela. É a peaxe a pagar por vivir aquí. Peor é ter que pagar a AP-9.

As nubes taparon a eclipse, sobre todo no oeste de Galicia, e quedou no aire unha sensación como de derrota, de non poder coller un tren que non pasará de novo. Pero vela ou non vela foi o do menos. A esos montes xélidos en pleno verán subíronse entusiastas divulgadores a explicarlles aos seus veciños e amigos o que a ciencia di sobre este fenómeno: non hai deuses todopoderosos que botan maldicións sobre nós; non son sinais de grandes desgrazas. Son cousas que pasan ás veces, e que debemos ver, gozar e comprender para comprendernos mellor.

Mañá no ceo seguiremos tendo milleiros de estrelas para contemplar; e estes días, ademais, varios planetas a simple vista. E xa logo chegan as Perseidas. Os máis pequenos lembrarán dentro duns anos aquela noite de verán na que organizaron unha excursión ao monte na que ao final non viron nada e volveron decepcionados e aterecidos para casa. Pero seguro que algo aprenderon. E os pais e avós levarán consigo o amor e a gratitude que lles deron os rapaces cando os protexeron do frío. E así seguiremos sendo ananos a ombros de xigantes, pero un pouquiño máis altos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.