Sábado 20 Abril 2024

A vacina do sentidiño

Non é só Lidia Senra. Son tamén as ministras que lle piden á virxe que baixe o paro ou os ministros que lle dan medallas. Quen leva ao Parlamento Europeo trolas sobre chemtrails tan grandes como unha catedral. Ou quen recibe, replica e difunde falsidades a través das redes, cautivados polo sesgo de confirmación. Mentres unha vaga de odio percorre Europa, os representantes elixidos polos cidadáns seguen cargando de razóns a quen chega para destruír o acadado nas últimas décadas.

Cando un representante democrático comete algunha temeridade dun esténdese como a pólvora cara a todo o espectro político ao que representa (aínda que con distintas escalas e intensidades, tamén é certo). Moitas das persoas que votaron a Lidia Senra en 2014 séntense, sen dúbida, indignadas e avergoñadas polas cousas que defende. E, probablemente, cando o ano que vén chegue o día das eleccións europeas, deixen na casa a papeleta da coalición que Senra representou (se é que aínda queda algo dela).

Publicidade

Mentres, en toda Europa, os mesmos estrategas do odio que conquistaron os Estados Unidos, Brasil ou Reino Unido avanzan cunha meta: aproveitarse do medo cerval dos que sempre perden e a cobiza dos que sempre van gañar. E aprovéitanse, tamén, do silencio dos bos. Nuns meses, cando haxa que votar, veremos que pasa.

Nos últimos meses acumúlanse os sinais de que vivimos tempos convulsos. E, en moitos casos, seguimos analizando os problemas do século XXI coas ferramentas do século XX. Todo parece líquido, cuestionable e exposto ao vilipendio en canto dá o salto ás redes sociais.

De nada serven as evidencias. Vivimos, con todas as eivas, que son moitas, no mellor mundo posible desde que o ser humano existe. Nunca tanta xente viviu tantos anos; nunca tan pouca xente pasou fame nin penalidades. Pero, de súpeto, reaparece o sarampelo. A xente deixa a quimioterapia e entrégase á auga con azucre. E multiplícanse a obesidade e a depresión. Estamos enfermos de tanta boa saúde?

O progreso tampouco é de balde. O cambio climático é evidente, aínda que os apóstolos do odio se empeñen en negalo (e estaría ben preguntarse por que o fan). Que debemos facer cando nos suben os combustibles, ou cando nos din que non podemos seguir queimando carbón e petróleo como ata agora? En outubro, o catedrático Xavier Labandeira, un dos expertos que participan na elaboración do sexto informe do IPCC contra o cambio climático, era claro nunha entrevista con GCiencia. Vai haber que tomar medidas pouco populares, como xa se está vendo.

“O que non vale é dicir que os políticos non fan nada, que isto é un desastre, e despois protestar porque suban uns céntimos os carburantes ou a electricidade por políticas correctoras do cambio climático. Estas transicións poden ter custos, sobre todo a curto prazo, pero no medio prazo o seu efecto será moito máis positivo. E, por suposto, garantirán que os nosos descendentes teñan unhas condicións de vida aceptables”.

Xavier Labandeira: “Levamos 20 anos sen abordar correctamente o cambio climático”

Hai pasos nese sentido, aínda que tampouco se libran do vilipendio. Se o Goberno crea un Ministerio para a Transición Ecolóxica, hai quen di que non serve para nada. Ou se pon as cartas sobre a mesa co problema do carbón, o custo político é innegable. Máis do mesmo acontece, a escala local, por exemplo, cando se poñen en marcha políticas de peonalización para reducir a contaminación nas cidades.

Habería que pedir, se é que aínda a reparten, unha vacina para o sentidiño?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen evidencia científica para a aromaterapia e o Tai Chi: esta é a nova lista de pseudociencias

O ministerio de Sanidade realizou novos informes para combater as pseudoterapias que sea basean en estudos de baixa calidade

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro