Equipo español que participará na Olimpíada Matemática Internacional. O galego Santiago Vázquez é o segundo pola esquerda. Imaxe: Twitter da OME.

Equipo español que participará na Olimpíada Matemática Internacional. O galego Santiago Vázquez é o segundo pola esquerda. Imaxe: Twitter da OME.

A miseria

Esta semana hai outro Mundial; ninguén lles berrará "A por ellos!", porque nin xogan ao fútbol nin van baterlle no lombo á xente

Esta semana hai outro Mundial. Mozos e mozas cheos de talento levan meses preparándose para representar ao seu país, dar o mellor de si mesmos e poder volver a casa cun triunfo que encha de ledicia aos paisanos. Por riba da miseria, a pobreza e as desigualdades, das guerras, da violencia e das ditaduras, mozos e mozas de Siria, Iemen ou Irak conseguiron chegar ata Cluj, en Romanía, para disputar a Olimpíada Internacional de Matemáticas.

Tamén estarán alí seis mozos españois. Ninguén lles berrará “A por ellos!”, porque nin xogan ao fútbol nin van baterlle no lombo á xente. Van facer unha cousa moi aburrida, que consiste en calcular, darlle aos miolos e buscar solucións a problemas que, no día de mañá, contribuirán a mellorar a vida dos cidadáns non só dun país, senón de todo o mundo. Estes mozos, entre os que está o coruñés Santiago Vázquez, viaxan a Rumanía despois de clasificarse entre os mellores nas fases autonómica e estatal destas olimpiadas.

No caso de Galicia, a Olimpíada está impulsada pola Facultade de Matemáticas da USC, que acolle todos os anos as probas. Esta facultade impulsa tamén o programa Estalmat (Estímulo do Talento Matemático): todas as fins de semana, os rapaces seleccionados polo programa fan centos de quilómetros para acudir ás clases que se imparten en Santiago. Ás veces, son os propios profesores os que os levan e traen de volta á casa, pagando do seu peto un bocadillo e un refresco nunha área de servizo. Da Olimpíada e de Estalmat saíron, e están saíndo, algúns dos científicos galegos máis destacados neste eido.

Delegación galega na Olimpíada Matemática Española celebrada en marzo en Jaén. Santiago Vázquez (no centro) viaxou a Romanía co equipo español. Foto: Olympia.

Delegación galega na Olimpíada Matemática Española celebrada en marzo en Jaén. Santiago Vázquez (no centro) viaxou a Romanía co equipo español. Foto: Olympia.

O profesor da USC Felipe Gago é o encargado da realización da Olimpíada en Galicia e o preparador do equipo galego que compite na fase estatal, xunto cos membros do club Sementeira, creado este ano na Facultade de Matemáticas. Conta que este ano, como é habitual, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta pagoulles a viaxe á fase española, que este ano se celebrou en Jaén. Alí foi onde Santiago Vázquez, alumno do CPR Maristas da Coruña, gañou a medalla de ouro.

A ‘gran recesión’ que comezou hai uns anos provocou, como en tantas outras cousas, que a miseria chegara tamén ata a Olimpíada. “Orixinalmente, por un convenio asinado co Ministerio de Educación, as tres persoas gañadoras de cada universidade tiñan matrícula gratis para estudar a, entón, licenciatura en matemáticas. Como queira que entre estas persoas comezaron a aparecer outras vocacións alternativas, cambiáronse estes premios por outros en metálico: 360€, 270€ e 210€, que pagaba o Ministerio de Educación a través do Servizo de Becas e Promoción”, conta a GCiencia o profesor Gago.

No curso 2011-12, o Ministerio decidiu deixar de pagar os premios aos gañadores da Olimpíada

Pero chegaron as tesoiras dos recortes, que facían números dependendo para que. Nesa moeda lanzada ao aire, a Olimpíada caeu do lado da miseria. “No curso 2011-2012, despois de seren realizadas as probas cunhas bases prorrogadas ano tras ano, o entón ministro, o señor Wert, decidiu que non se pagaban máis estes premios, tampouco os de aquel ano, quedando a axuda do ministerio circunscrita ás viaxes ás Olimpíadas Internacionais do equipo olimpico resultante da Fase Nacional”, lembra o docente da USC.

Así chegamos ata esta edición. A noticia publicada esta semana por El Confidencial, que denunciaba que os futuros talentos das Matemáticas en España tiñan que pagar do seu peto a viaxe a Rumanía, non deu máis que para algunha pequena réplica nalgún periódico rexional, ao tempo que todos nos laiabamos a páxina completa e nas aperturas dos telexornais da eliminación da selección de fútbol. Alí, en Rusia, Maradona nadaba en fariña nun palco pagado pola mafia da FIFA. O mesmo Mundial para o que a federación española cancelara, por vergonza ou por falta dela, unha viaxe de dous millóns de euros para os amiguiños.

Volvemos á miseria: “En virtude do convenio ao que aludín antes”  – segue contando Felipe Gago – “o Ministerio pagaba, ata o 2013 os premios das Fases Locais, daba un premio de 1.000 euros a cada unha das 6 medallas de ouro da Fase Nacional, e sufragaba os gastos das viaxes ás Olimpíadas Internacionais e Iberoamericanas. Este ano, como se recolle na nova publicada por El Confidencial, tras multitude de intentos sen éxito, levados a cabo pola presidenta da Comisión de Olimpíadas da RSME, María Gaspar, e mesmo polo presidente da Real Sociedad Matemática Española, Francisco Marcellán, para que pagasen os billetes, finalmente a Comisión de Olimpíadas tivo que mercar e pagar as viaxes”.

A situación provocou que en maio deste ano, os presidentes das Reais Sociedades Españolas de Matemáticas, Química e Física, tamén afectados por esta miseria, publicasen unha carta dirixida ao goberno presidido entón por Mariano Rajoy, titulada Olimpiadas científicas y el menosprecio de la ciencia. De pouco serviu. “Esperemos que os novos responsables do Ministerio amosen máis sensibilidade cara estes temas”, di, esperanzado, Felipe Gago.

Para intentar afrontar os gastos dunha viaxe dunha semana a Rumanía, que non son asumibles para moitas familias, os propios preparadores do equipo tiveron que ir á procura de patrocinadores para a viaxe. Non é o único caso: o equipo de Nicaragua, por exemplo, lanzou en 2015 unha campaña de micromecenado para poder ir á Olimpíada. Este ano, o equipo español tivo que procurar, ante a inacción de quen debía actuar, que algún particular puxera o seu gran de area para que ningún dos rapaces se vira obrigado a ficar na casa por non ser rico. Unha miseria vergonzante para un país que se presume no século XXI e no pelotón de cabeza do desenvolvemento mundial.

Unha resposta a “A miseria

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.