Venres 19 Abril 2024

As reservas mariñas e a pesca

As reservas mariñas de interese pesqueiro créanse cun obxectivo claro: aumentar o beneficio para os pescadores. Este beneficio pode ser pescar máis individuos, ou maiores exemplares, ou ambos os dous. Este proceso adoita funcionar en dous pasos: en primeiro lugar aumenta a densidade e o tamaño dos individuos dentro da reserva mariña; despois a reserva queda sen recursos para todos estes novos individuos polo que se ven obrigados a saír da reserva onde xa poden ser pescados. Aínda que isto xa podería considerarse beneficioso para os pescadores, o beneficio neto (real) dunha reserva mariña debe empezar a contarse cando o incremento de capturas no exterior da reserva compensa a perda do caladoiro que supoñía o espazo onde agora sitúase a reserva. A teoría é clara, pero a estas alturas o certo é que a evidencia de que isto sexa así en reservas mariñas reais é extremadamente escasa.

O primeiro paso descrito arriba (aumento de densidade e tamaño dentro) é bastante lóxico e disto se hai evidencia empírica (Halpern 2003). E moita. En todo tipo de reservas e con todo tipo de organismos. Por exemplo, dentro da rede de pequenas reservas mariñas da costa de Noruega, o bacallau e o lumbrigante están a aumentar en número e en tamaño (Moland et al. 2013) e a súa mortalidade redúcese rapidamente en comparación coas zonas pescadas (Fernández-Chacón et al. 2015). En España, o efecto da reservas das Columbretes é semellante na comunidade de peixes aumentando a abundancia, diversidade e tamaño dos habitantes da reserva (Stobart et al. 2009).

Publicidade

O complicado de demostrar é o paso 2. En primeiro lugar é necesario demostrar que hai un movemento neto de dentro da reserva cara a fóra. Isto non quere dicir que non entren individuos na reserva; se non que os que saen, son máis que os que entran. Deste proceso tamén hai evidencia, aínda que menos. Un dos mellores exemplos provén de novo da reserva de Columbretes, onde se demostrou un fluxo neto cara ao exterior da reserva na lagosta Palinurus elephas (Goñi et al. 2010). O complicado é demostrar que esa exportación neta compensa e supera a perda de espazo dispoñible para a pesca. Disto non hai tanta evidencia, pero cabe mencionar o traballo de Kerwath et al. en 2014.

Un recente traballo complica máis a historia e engade un grao de complexidade aos procesos que poden determinar a efectividade das reservas mariñas. O traballo, titulado Potential of contemporary evolution to erode fishery benefits from marine reserves  vén de ser publicado na revista Fish and Fisheries. Nel combínanse conceptos de pesquerías, comportamento e evolución, e proponse que cando se crean reservas mariñas demasiado pequenas para a especie/s a protexer, o resultado pode ser nefasto. O razoamento baséase en que o comportamento dos peixes non é aleatorio, se non individual e moi probablemente hereditario (podes volver ler como se moven os peixes no noso post, e a personalidade dos peixes aquí). Se nos fixamos no home range dunha especie (a súa área de campeo), observouse que nalgúns individuos é maior que noutros unha vez descontados outros efectos como o tamaño do peixe, o seu sexo ou a época do ano (aquí presentan evidencia disto).

É dicir, nun escenario de protección espacial (como unha reserva mariña), algúns peixes moveranse sempre por dentro da reserva e outros, nalgún momento do día ou do ano, sairán cara á zona pescada. Os que saen expóñense á pesca (especialmente deses barcos que faenan preto do bordo da reserva porque alí se espera un maior efecto da reserva) e teñen por tanto maior posibilidade de morrer en comparación cos que nunca saen. É máis, a probabilidade de ser capturado vai ser maior canto maior sexa a área de campeo do individuo.

A figura mostra como os peixes cun home range (en rosa) pequeno en relación ao tamaño da reserva mariña (en amarelo), pasan todo o tempo protexidos da pesca (caso a); en cambio, a medida que o home range é maior (casos b e c), o risco de pasar tempo fóra da reserva aumenta, e con iso a probabilidade de ser pescado. Este é un estudo real realizado con bacalao nunha reserva de Noruega.
A figura mostra como os peixes cun home range (en rosa) pequeno en relación ao tamaño da reserva mariña (en amarelo), pasan todo o tempo protexidos da pesca (caso a); en cambio, a medida que o home range é maior (casos b e c), o risco de pasar tempo fóra da reserva aumenta, e con iso a probabilidade de ser pescado. Este é un estudo real realizado con bacalao nunha reserva de Noruega.

Dende un punto de vista evolutivo, o que o traballo expón é que os peixes cunha maior área de campeo poden ser progresivamente eliminados da poboación, alcanzándose un punto no que todos os individuos (e os seus xenes) que podían saír da reserva xa se eliminaron reducindo así (ou eliminando por completo) os beneficios da reserva para os pescadores. Dentro da reserva quedarán os individuos que se moven menos e con poucas ou nulas posibilidades de facer excursións tan grandes que os expoñan á pesca fóra da reserva. É dicir, pouco ou nada interesantes para os pescadores (quizais si para outros usuarios da reserva).

Non hai que descartar, en todo este mecanismo, outros factores que poden afectar (acelerar ou reducir) o proceso arriba descrito como factores denso-dependentes ou fluxo xenético, e que o lector interesado poderá descubrir lendo todo o traballo. Como case sempre en ciencia, a teoría avanza moito máis rápido que a evidencia empírica, e neste caso futuros traballos determinarán se o que propón este traballo está a ocorrer no medio e é detectable, e a súa importancia para a conservación das poboacións e o medio de vida dos pescadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Berete, a innovación de non transformar os alimentos

Felipe Velasco, o director desta comercializadora de produtos do mar, sinala que a maior I+E da empresa é a aposta polo alimento natural

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Un consorcio europeo reducirá a captura accidental de especies mariñas ameazadas

O obxectivo é minimizar o dano en animais en perigo de extinción ou que na actualidade están protexidos para evitar que desaparezan

De Vigo a Xapón: así se adaptan as comunidades pesqueiras ao cambio climático

A investigadora da UVigo Xochitl É. Elías Ilosvay participa xunto a un grupo de expertos nun estudo na illa xaponesa de Shikoku