O autor considera que se está a crear alarmismo cos efectos secundarios das novas vacinas.

Vacina de Astra Zeneca, efectos secundarios, risco e beneficio

O biólogo Antonio Figueras analiza neste artigo a polémica cos efectos secundarios de vacinas como a de Oxford ou a de Janssen

Hai unha semana vacináronme coa vacina de Astra Zeneca. Ao cabo de, aproximadamente, un día tiven febre alta e malestar xeral pero, como me indicaban, tomei paracetamol e leveino como todos os que recibiron esta ou outras vacinas fronte a este coronavirus e tiveron algún efecto secundario.

Todos os días, as persoas toman medicamentos con efectos secundarios coñecidos. Vostedes leron os posible efectos secundarios dalgúns medicamentos que están a tomar ou que lle están dando aos seus fillos? O risco acéptase cando se compara co beneficio. Pero non estamos tan familiarizados coas vacinas fronte ao virus causante da Covid como o paracetamol ou a pílula anticonceptiva. Non hai datos do seu uso ao longo do tempo para xerar confianza na opinión pública. Aínda así, probáronse e demostrouse que ofrecen protección contra o virus. Segundo todos os estándares médicos habituais, son seguras. Iso é certo para a vacina AstraZeneca, a pesar da mala imaxe por mor de que, entre os efectos secundarios escasos, está un trastorno pouco común da coagulación do sangue. Por certo este efecto está tamén noutra vacinas fronte ao mesmo virus.

As vacinas teñen efectos secundarios, do mesmo xeito que todos os medicamentos. A meirande parte das veces, as picadas causan dor nos brazos, dor de cabeza ou un pouco de náuseas, ningunha das cales sería moi significativa se se comparan coas vítimas dun virus grave como o que provoca a Covid-19.

Pero ás veces o cálculo de risco-beneficio pode parecer menos simple, como no caso da picada Covid de Oxford-AstraZeneca e a trombose do seo venoso cerebral (CVST), os coágulos de sangue no cerebro que provocaron mortes no Reino Unido e Europa.

Non hai dúbida de que as persoas con alto risco de Covid deben recibir calquera vacina dispoñible aprobada polas axencias reguladoras. Pero agora semella que os coágulos de sangue danse principalmente nun grupo específico que poida que non estea no alto risco de Covid: mulleres novas.

Os primeiros casos que saíron á luz provocaron pánico, o que levou a algúns países europeos a suspender para toda a poboación a vacinación co preparado de AstraZeneca, o que pode ser o equivalente a un gol en propia meta. Francia e Alemaña pronto lamentaron a súa escasa cobertura de vacinas, o que deixou a millóns en risco de enfermidade e morte por Covid.

No Reino Unido despois de declaracións minimizando os riscos recoñeceron que se produciron casos de coágulos sanguíneos raros (cinco nese momento en 11 millóns de persoas vacinadas). Ademais, detívose unha proba da vacina AstraZeneca en nenos mentres continúan as investigacións da Axencia Reguladora do Reino Unido. A Autoridade Reguladora de Medicamentos e Produtos Sanitarios do Reino Unido aínda está a investigar a ligazón entre estes efectos secundarios, pero o Comité Conxunto de Vacinación e Inmunización (JCVI) recomendou, como precaución, que se usen outras vacinas para os menores de 30 anos. A Axencia Europea de Medicamentos recomendou quue se engada a xeración de trombos á lista de efectos secundarios “moi raros” da vacina AstraZeneca; pero non é dabondo para requirir un cambio nos patróns de uso.

Os médicos, os científicos e os organismos reguladores instan a que as persoas sigan recibindo a vacina AstraZeneca, que demostrou ser segura e eficaz en millóns de persoas. No Reino Unido, máis de 18 millóns vacináronse coa vacina producida por Astra Zeneca. Entre eles, houbo 22 casos de CVST e outros oito nos que, como en CVST, se desenvolveron coágulos de sangue en asociación con plaquetas baixas no sangue. É unha afección moi rara, que tamén se observou ocasionalmente co fármaco anticoagulante heparina. Ata o momento no Reino Unido morreron sete persoas.

Segundo o JCVI, houbo 30 casos de tromboses do seo venoso cerebral (CVST), incluídas sete mortes, no período ata o 24 de marzo, dun grupo de 18 millóns de persoas que recibiron a vacina de AstraZeneca. Os afectados semellan ser na súa maioría mulleres menores de 65 anos, aínda que a EMA afirmou que a idade e o sexo non puideron ser confirmados como factores determinantes nas reaccións adversas segundo a evidencia dispoñible. O conxunto de datos medra a diario. Sempre é factible modificar as pautas sobre a vacina con nova información. Así é como procede a ciencia.

A Organización Mundial da Saúde e a Axencia Europea de Medicamentos están de acordo en que existe un argumento abafador para usar a vacina de AstraZeneca.

No Reino Unido están a levarse a cabo investigacións urxentes sobre calquera factor común entre os casos: se tiñan unha condición de saúde subxacente, por exemplo, ou se estaban a tomar algún tipo de medicación. E os médicos xa foron alertados sobre os síntomas de CVST, os principais son dor de cabeza, visión borrosa e desmaios, coa esperanza de detectalos de xeito temperán e tratalos antes de que as persoas enfermen gravemente.

A probabilidade dunha reacción grave probablemente non sexa superior ao 0,0001%. Iso non é un consolo para os afectados, pero cando se trata de políticas públicas, a perspectiva estatística é importante. Un número moi pequeno que non é cero, pero (na miña opinión) tampouco é unha razón para rexeitar a vacinación.

A mente humana non é boa para procesar riscos. Prestamos unha atención desproporcionada aos eventos raros precisamente porque son excepcionais. A política a cotío explota esa debilidade cognitiva. A emoción e o drama desprazan a reflexión e a razón. Iso foi un perigo durante toda a pandemia. É especialmente problemático cando se trata de tranquilizar á opinión pública, que podería desconfiar das vacinas en xeral e das novas en particular. Non é irracional ter dúbidas sobre un medicamento que non existía hai un ano.

Existe unha distinción importante entre a indecisión fronte as vacinas e a desinformación maliciosa contra as vacinas que se alimenta das dúbidas e da información morbosa. Aos políticos gústanlles as certezas; os científicos prefiren as probabilidades. O desafío das vacinas é aceptar a existencia do risco e mantelo nunha perspectiva adecuada. Ata o de agora a ciencia foi unha guía fiable. Sempre que os feitos comuníquense de forma transparente e de forma que se entenda, debería ser posible manexar o risco sen traizoar a confianza da opinión pública.

*Antonio Figueras é Profesor de Investigación do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo

2 COMENTÁRIOS

  1. Sobre o paracetamol, unha pregunta: existen casos documentados de persoas con boa saúde e que non cumplan ningunha das contraindicacións do paracetamol que morresen por ter tomado unha dose recomendada de paracetamol? Porque con vacinas de AstraZeneca, semella que si. Se co paracetamol non existisen casos entón, por favor, deixade de usar ese argumento, porque é chamarnos tontos á cara.

    Sobre o risco/beneficio: podería ser asumible se non existisen outras vacinas, pero tendo outras posibilidades de vacinación que causan unha taxa de trombos unhas 10 veces menor, non o vexo tan claro. Desde logo, se fose muller, non me vacinaría con AZ. Igual isto tamén ten que ver xa que, desde sempre, na medicina semella que hai máis tolerancia cos efectos adversos producidos nas mulleres que nos homes.

    Por outra banda, que nos tenten tratar como se fosemos parvos (non o digo por este artigo, aínda que o do paracetamol penso que algo diso ten, como comento arriba) tampouco axuda. A que vén dicir que a taxa de trombos que produce AZ é a normal na poboación xeral? Se a vacina de Pfizer produce unha taxa 10 veces inferior á de AZ entón, que pasa, que a vacina de Pfizer protexe contra os trombos?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.