A medida da lonxitude foi un grave problema nas rutas con América.

Tomándolle a medida ao océano: o problema da lonxitude

En tempos de conquista e descubrimento marítimo, a determinación precisa e sinxela da lonxitude era un serio problema que as coroas francesa e española tentaban solucionar outorgando premios a inventores. Pero foron os ingleses os que levaron o gato á auga co descubrimento de diversos métodos, a cada cal máis preciso.

Calquera mariño pode calcular a latitude mediante a duración do día ou a altitude do Sol, ou ben segundo as estrelas indicadoras coñecidas por encima do horizonte. Cristóbal Colón seguiu un camiño recto ao atravesar o Atlántico cando “navegou polo paralelo” na súa travesía de 1492, e non cabe dúbida de que con este método chegaría ás Indias se non se tiveran interposto as Américas.

Por cada 15 graos que un se despraza cara ao Leste, adiántase unha hora con respecto á orixinal. Da mesma forma, cando nos desprazamos cara ao Oeste, perdemos unha hora con respecto á hora do lugar de partida.

Consecuentemente se se sabe a hora local en dous puntos da Terra, podemos usar a diferenza entre elas para calcular a distancia en lonxitude entre eses dous puntos. Esta idea era sumamente importante para os navegantes do século XVII. Eles podían coñecer a hora local observando o Sol, pero para navegar debían coñecer a hora dalgún punto de referencia, por exemplo Greenwich, para calcular a lonxitude do punto onde se atopaban. Aínda que no século XVII xa existían reloxos de péndulo precisos, os movementos dun barco e os cambios en humidade e temperatura impedían que estes reloxos mantivesen a súa precisión no mar.

Naqueles tempos de conquista e descubrimento marítimo, a determinación precisa e sinxela da lonxitude era un serio problema. Obrigados a navegar unicamente coa guía que lles proporcionaba a latitude, baleeiros, buques de guerra e barcos piratas apiñábanse en rutas moi transitadas onde uns facían presa dos outros. Tanto a Coroa española como a francesa ofreceran premios para aqueles que conseguisen resolver esta cuestión. Naquela época, a determinación da lonxitude era tan importante como serían moitos anos máis tarde a bomba atómica ou o xenoma humano, e os países máis importantes pretendían ser os primeiros en resolver este asunto. Pero foi Inglaterra, illa e potencia marítima de crecente importancia, a que levou o gato á auga.

Co fin de resolver o problema de determinar a lonxitude no mar, o rei Carlos II de Inglaterra fundou o Real Observatorio en 1675. Se se puidese conseguir establecer un catálogo preciso das posicións das estrelas, e se se puidese determinar con precisión a posición relativa da lúa con respecto ás estrelas, poderíase utilizar a posición da Lúa como un reloxo natural para calcular o tempo en Greenwich.

Os navegantes podían determinar a posición relativa da Lúa con respecto ás estrelas e usar táboas da posición da Lúa compiladas no Observatorio Real para calcular o tempo en Greenwich. Esta forma de calcular a Lonxitude coñecíase como o Método da Distancia Lunar. Era un método complicado e que se vía en dificultades por exemplo cando o ceo estaba cuberto. Ademais as táboas onde estaban compilados estes datos eran de manexo complicado.

O método do can ferido foi un dos máis absurdos dos creados no século XVII

Nas postrimerías do século XVII, mentres os eruditos discutían os medios para atopar unha solución ao problema da lonxitude, apareceron innumerables falabaratos e oportunistas que publicaron opúsculos de divulgación dos seus disparatados proxectos para calcular a lonxitude no mar.

Sen dúbida, a máis pintoresca das teorías era a do can ferido que viu a luz en 1687. Baseábase no “po da simpatía”. Este po podía curar de lonxe. Tratábase de subir a bordo un can ferido cando o barco partise, deixando en terra a un individuo de confianza que mergullase diariamente a venda do animal na solución da simpatía, sempre ao mediodía. Por suposto, o can reaccionaría cun gañido, e con iso proporcionaría ao capitán unha indicación horaria.

O ouvido do can significaría: “O Sol está sobre o meridiano de Londres”. Entón o capitán podería comparar esa hora coa hora local e calcular a lonxitude.

Outra magnífica idea, menos cruenta que a anterior, consistía en establecer unha rede de buques de sinais sonoros (canonazos) ancorados en puntos estratéxicos en todos os mares. Podería calcularse a distancia desde estes canoneiros estacionados cotexando a hora coñecida do sinal esperado coa hora en que se oíse dita sinal a bordo do buque. E así se propuxeron solucións en grao sumo inverosímiles.

En 1714, o Goberno Inglés ofreceu, mediante un Decreto do Parlamento, 20.000 libras a quen puidese determinar a lonxitude cun erro de medio grao (que equivale a 2 minutos de tempo). Hai que ter en conta que 4 segundos equivalen a 1 milla náutica: chegar a bo porto ou ir ás rochas. O método proposto tiña que se probar nun barco en navegación.

O decreto establecía que “sobre o Océano, desde Gran Bretaña ata calquera porto nas Indias Occidentais sinalado polo Comité… sen perder a lonxitude por encima dos límites establecidos”. O método tiña que ser “probado e ser útil no Mar”.

Constituíuse o “Comité da Lonxitude” para xulgar e adxudicar o Premio da Lonxitude. Recibiron unhas cantas proposicións estrañas e marabillosas, como a cadratura do círculo ou a invención dunha máquina de movemento perpetuo. A frase “determinar a lonxitude” pasou a ser sinónimo de lunático ou de tolo. Case todo o mundo pensou que era imposible determinar a lonxitude.

En breve: a solución do problema… John Harrison e o seu reloxo.

1 comentario

  1. Hai que ter en conta que 4 segundos equivalen a 1 milla náutica…
    No es cierto. Una Milla náutica = 1852 m es exáctamente un (1) minuto, que se compone de 60”. Pregúntale a cualquier Piloto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.