Xoves 25 Abril 2024

Tocando fondo a 4.000 metros baixo do mar

Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 29 de xuño de 2016
Latitude: 45,41 graos Norte
Lonxitude: 18,7 graos Oeste
Aproximadamente a 533 millas náuticas do porto de saída en Vigo

Escrito a bordo por Irene Alejo, Susa Álvarez Fernández e Guillermo Francés, do equipo científico da Universidade de Vigo

09:00 h (GMT): O grupo encargado da mostraxe de sedimentos entra en acción e empezamos a preparar a draga “box-corer” para ser lanzada.

Publicidade

Hoxe a estación de mostraxe tocounos a unha boa hora, o que nos permitiu levantarnos e almorzar tranquilamente antes de empezar coa etiquetaxe e rotulado de bolsiñas e botes para a mostraxe do sedimento que esperamos ansiosos recolla a box-corer… Cada estación é unha sorpresa… Qué cantidade de material traerá esta vez?

A draga Box-corer empregada no buque.
A draga Box-corer empregada no buque.

Nunca estamos seguros de cando vai tocar a mostraxe, cada día vai variando, pero iso non é un problema. Sempre estamos preparados! E se toca pola noite, algúns aproveitamos os tempos de espera de baixada e subida da box-corer tentando aprender a facer chaveiros de bólas de coiro e cabos con Juan, o contramestre… É un artista… Quizais ao final da campaña consigámolo!

9:25 h: Box corer preparada para saír! Cargamos a caixa da draga onde virá o sedimento. Mario e Iván, os técnicos mecánicos da UTM, son os encargados de poñer a draga na auga. Os mariñeiros de cuberta son os responsables de manexar o chigre e o persoal da ponte encárgase de manter o barco na súa posición grazas ao sistema de posicionamento dinámico. Como vedes, cada manobra require que tripulación, técnicos e científicos esteamos perfectamente coordinados.

‘Cada manobra require tripulación, técnicos e científicos perfectamente coordinados’

Unha vez que a draga está na auga, o resto da manobra pasa á sala de control e todo queda en mans da pericia de Mario e Iván. Nesta fase a pantalla da ecosonda convértese nos nosos ollos para seguir a viaxe ao fondo de nosa box-corer.

10:43 h: A 4005 metros de profundidade a draga toca fondo. Este momento é crucial posto que hai que decidir a cantidade de cable que hai que seguir largando para asegurar que a caixa da draga se peche. Un exceso de cable podería supoñer que se enrede e perdamos o sedimento. Fronte á pantalla da ecosonda esforzámonos por axustar os parámetros para evitar ruídos na columna de auga e poder visualizar con nitidez o fondo.

O monitor recolle o traballo da ecosonda.
O monitor recolle o traballo da ecosonda.

Mentres a draga sobe a tensión flota no ambiente… Pecharía ben?… Qué espesor de sedimento recuperaría? Nestes momentos percibimos o apoio dos compañeiros que non puideron embarcar. Unha manobra errada ou un mal funcionamento da draga a esta profundidade supoñen tirar pola borda  5 ou 6 horas de traballo. Se isto ocorre, teremos que decidir se repetimos a manobra ou iniciamos o tránsito ata a seguinte estación. Evidentemente esta decisión ten consecuencias no noso plan de traballo e no dos compañeiros encargados de realizar os outros mostraxes.

11:55 h: Box-corer a bordo e pechada ¡A operación foi un éxito! Agora todo o “equipo lodo” está listo para empezar a segunda parte do noso traballo, da cal vos falaremos nunha seguinte entrada a este blog. Continuará

Ler o post anterior de ‘A bordo do Sarmiento de Gamboa’

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos