Semella que os cativos transmiten menos o coronavirus aínda que poden contaxiar.

Que sabemos sobre o impacto da Covid-19 nos cativos?

O biólogo Antonio Figueras, profesor de investigación do CSIC en Vigo, analiza os últimos estudos que relacionan o coronavirus e os nenos

Os nenos pequenos adoitan ser “superpropagadores” de xermes respiratorios, polo que é desconcertante que non semellen ser os principais transmisores da Covid-19. Tamén son poucos os nenos hospitalizados. Os estudos realizados a día de hoxe suxiren que cando menos os de idade escolar primaria contraen menos o virus. Un artigo publicado en The Lancet afirmaba: “A taxa máis alta de mortes por cada 100.000 nenos foi rexistrada en España (0,64 para nenos de 0 a 9 anos; 0,53 para nenos de 10 a 19 anos)”. Isto, segundo o Ministerio de Sanidade era froito dun erro, explicado así: “aconteceu ao introducir ás persoas de máis de cen anos, que quedaban rexistradas como que eses falecidos tiñan 1 ano, ou 2, ou 3 en lugar de 101, 102 ou 103″. Aínda así, a porcentaxe de nenos afectados polo coronavirus SARS-CoV-2 respecto do total foi medrando e houbo falecementos de nenos moi pequenos.

1. Que posibilidades hai de que os nenos contraian a Covid-19?
Segundo a Organización Mundial da Saúde, de todos os casos de Covid-19 notificados en todo o mundo no 2020, os menores de 18 anos representaron arredor do 8%, a pesar de ser o 29% da poboación mundial. Os nenos con Covid-19 teñen máis probabilidades de non ter síntomas ou, se teñen, que sexan leves limitados ao nariz, gorxa e parte superior das vías respiratorias. De cando en cando requiren hospitalización.

2. Por que os nenos poderían ser menos susceptibles?
Hai varias razóns. Talvez o seu sistema inmune innato é máis forte, despregando mecanismos de defensa inespecíficos pouco tempo despois de ser infectados. É importante destacar que os nenos poden non ter moitos dos factores que se cre que poñen aos adultos, especialmente aos anciáns, en risco de que COVID-19 sexa máis grave, como:
– dano no revestimento dos vasos sanguíneos e maior facilidade para a formación de coágulos;
– unha maior abundancia do receptor de superficie que permite ao coronavirus infectar as células;
– envellecemento do sistema inmune relacionado coa idade;
– condicións crónicas como obesidade, diabetes e hipertensión así como enfermidade pulmonar, cardíaca ou renal crónica.

3. Poden os nenos enfermar gravemente?
Si. A morte é extremadamente rara en nenos cunha infección por SARS-CoV-2, aínda que pode acontecer naqueles que xa están moi enfermos de cancro ou por outras afeccións potencialmente mortais. Relativamente máis común é unha enfermidade grave, coñecida como síndrome inflamatorio pediátrico multisistema (PIMS) ou síndrome inflamatorio multisistémico, que afectou a máis de 2000 nenos só nos Estados Unidos.

Esta condición potencialmente letal é similar á enfermidade de Kawasaki e aparece cunha taxa aproximada de 2 por 100.000 persoas menores de 21 anos. Unha pequena fracción dos 322 por 100.000 diagnosticados nese grupo de idade. Aínda que esta situación se pode tratar de xeito doado, algúns pacientes poden sufrir anomalías cardíacas de significado variable.

4. Algo máis?
É posible que algúns nenos sufran Covid posaguda ou “prolongada” con síntomas moi similares á fatiga, dor muscular e articular, respiración con dificultades e palpitacións do corazón como en adultos. Os datos son aínda poucos. Un pequeno estudo realizado en Roma atopou que a metade dos nenos que padecían a enfermidade tiñan polo menos un síntoma persistente despois de 120 días, dos que un 43% sufría doenzas que interferían coas ocupacións diarias.

5. Os nenos transmiten o virus?
Si. Son capaces de transmitir o SARS-CoV-2 a outros nenos e aos adultos. Con todo, diversos estudos describiron que os nenos máis pequenos, non son os principais responsables da transmisión dentro dos fogares e das comunidades.

Despois da reapertura das escolas en outubro de 2020 nos Estados Unidos, os adultos entre 20 e 49 anos representaron case 3 de cada 4 infeccións por SARS-CoV-2, mentres que menos do 5% chegou de nenos de 0 a 9 anos e menos do 10% das idades entre os 10 e os 19, segundo un estudo publicado na revista Science. Os nenos menores de 10 anos poden ser menos susceptibles á infección. Iso reflicte unha maior frecuencia de brotes notificados en bacharelato en comparación coas escolas primarias ou elementais e as garderías, nos países onde permaneceron abertas.

6. As novas variantes cambian algo?
Non está claro. A variante B.1.1.7 descuberta no Reino Unido en setembro de 2020 é moito máis transmisible que as que circulaban anteriormente e foi asociada cun incremento na propagación en todos os grupos de idade, incluídos os nenos menores de 15 anos.

Os casos de Covid-19 poden cambiar a medida que os programas de vacinación dan prioridade ás persoas maiores. Israel, onde a variante proliferou desde decembro de 2020, informou dun forte aumento nas infeccións por SARS-CoV-2 entre os mozos en xaneiro do 2021. Máis de 50.000 nenos e adolescentes deron positivo en xaneiro de 2021: máis do que a nación rexistrou en calquera mes durante a súa primeira e segunda ondas e a proporción de novos casos diarios entre os nenos menores de 10 anos aumentou nun 23%.

7. Que risco teñen as escolas?
Os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades dos Estados Unidos afirmaron en febreiro de 2021 que os datos dispoñibles amosan que “a aprendizaxe presencial nas escolas non se asociou cunha transmisión comunitaria substancial “, con todo a súa contraparte europea afirma que SARS-CoV-2 pode ser espallado dentro das escolas, e que se teñen rexistrado grupos de casos de Covid-19 en preescolares, escolas primarias e secundarias. A frecuencia dos casos semella reflectir os niveis de transmisión comunitaria; cando esta é baixa e cando se aplican as medidas de mitigación axeitadas, non é probable que as escolas sexan os principais impulsores da propagación da Covid-19, segundo a OMS. O persoal e outros adultos que pasan períodos longos nas escolas non semellan ter un risco maior de padecer Covid-19 que outros traballadores.

8. Por que pechar as escolas?
Os funcionarios de saúde din que tal decisión non debe ser tomada a chou por mor do impacto negativo que teñen os peches de escolas na educación e a saúde mental dos nenos, senón máis ben como derradeiro recurso. Aínda que manter aos nenos fóra das aulas pode axudar a reducir a transmisión, esta medida non evitará os casos de Covid-19 na comunidade en ausencia doutras medidas, como restricións ás reunións e levar máscara.

9. Como afectou a pandemia á aprendizaxe?
A interrupción non tivo precedentes e afectou a máis de 1.600 millóns de estudantes en máis de 190 países só en 2020, segundo a UNESCO. A maioría dos estudantes continuaron a verse afectados por peches de escolas e universidades en xaneiro de 2021, incrementando o risco de perda de aprendizaxe, abandono da educación e illamento. Aínda que se introduciron alternativas á aprendizaxe presencial, uns 470 millóns de alumnos non poden acceder a Internet ou outros contidos necesarios para a educación a distancia.

10. Que efecto terá iso?
O peche prolongado de escolas parece seguro que dará como resultado un dano económico e psicolóxico, sendo os grupos desfavorecidos e marxinados os máis afectados.

11. Por que son tan importantes as escolas?
Ademais de ser un lugar de aprendizaxe, as escolas adoitan se lugares seguros, así como apoio social, emocional e nutricional. Segundo UNICEF, non acudir á escola ou faltar a clases aumenta o risco de embarazo na adolescencia, explotación sexual, matrimonio infantil, violencia e inseguridade alimentaria. Os nenos dos fogares máis pobres teñen case 5 veces máis probabilidades de non poder acudir á a escola que os dos máis ricos. Os nenos de países con economías débiles serán os máis afectados, existen grandes desigualdades tamén en países ricos. Os peches de escolas tamén poden interromper servizos importantes, como vacinación e o apoio psicosocial.

12. Existen medidas que poidan mitigar o risco para as escolas?
Si. O uso axeitado de máscaras, distanciamento social, limpeza estrita das aulas, rastrexo rápido de contactos, orientación sobre como levar a cabo tarefas de prevención e manexo de gromos, tests de diagnóstico, asegurando unha ventilación e hixiene axeitadas, comunicación frecuente con pais, estudantes, profesores e persoal non docente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.