Coronavirus: que sabemos da teoría da súa orixe nun laboratorio chinés?

O biólogo Antonio Figueras, profesor de investigación do CSIC en Vigo, analiza neste artigo as iniciativas para determinar como apareceu o SARS-CoV-2

Instituto de Viroloxía de Wuhan, en China.

A maioría dos científicos coinciden en que o SARS-CoV-2 probablemente ten unha orixe natural por transmisión dun animal aos humanos. Con todo, non se descartou que alguén infectado nun laboratorio poida ter contaxiado a persoas fóra desa contorna. Moitos piden unha investigación máis profunda sobre a hipótese de que o virus teña a súa orixe no Instituto de Viroloxía de Wuhan (WIV), situado na cidade chinesa onde se reportaron os primeiros casos de Covid-19 . O 26 de maio, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, encargou á comunidade de intelixencia un estudo para atopar as orixes deste coronavirus, calquera que sexa, e informar en 90 días.

Australia, a Unión Europea e Xapón tamén pediron unha investigación sólida sobre as orixes do SARS-CoV-2 en China. A OMS aínda ten que revelar a seguinte fase da súa investigación. Pero China pediu que a investigación examine outros países. Tal reticencia, e o feito de que China ocultase información no pasado, alimentou as sospeitas dunha “fuga de laboratorio” (na miña opinión ‘fuga’ implica ou que o virus é moi listo ou que hai malas intencións por parte de alguén). Por exemplo, os funcionarios do goberno chinés suprimiron datos cruciais de saúde pública ao comezo da pandemia de Covid-19 e durante a epidemia de síndrome respiratoria aguda severa SARS) de 2002-04, segundo informes de alto nivel.

Aínda non hai ningunha evidencia sólida dunha “fuga de laboratorio”. Por que os científicos están a considerar esta posibilidade?

Os científicos non teñen evidencia dabondo sobre as orixes do SARS-CoV-2 para desbotar a hipótese da orixe nun laboratorio, ou para confirmar que o virus ten unha orixe natural. Moitos investigadores de enfermidades infecciosas están de acordo en que o escenario máis probable é que o virus teña evolucionado de xeito natural e que se propagase dun morcego directamente a unha persoa ou a través dun animal intermedio. A meirande parte das doenzas infecciosas emerxentes comezan cunha propagación na natureza, como se viu co VIH, as epidemias de influenza, os brotes de ébola e os coronavirus que causaron a epidemia de SARS a partir de 2002 e o brote de síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS) a partir de 2012.

Os investigadores teñen algunhas pistas que apoian unha orixe natural. Os morcegos son portadores coñecidos de coronavirus, e os científicos determinaron que o xenoma do SARS-CoV-2 é moi similar ao de RATG13, un coronavirus que se atopou por primeira vez nun morcego de ferradura (Rhinolophus affinis) na provincia de Yunnan, no sur de China, no 2013. Pero o xenoma de RATG13 é só un 96% idéntico ao do SARS-CoV-2, e por tanto non se coñecen parentes máis próximos do virus que se transmitiu aos humanos.

Aínda así, existe a posibilidade de que o SARS-CoV-2 saíse dun laboratorio. Aínda que as filtracións de laboratorio nunca causaron unha epidemia, deron lugar a pequenos gromos ben documentados que involucran virus. Un exemplo relevante aconteceu no 2004, cando dous investigadores foron infectados polo virus que causa o SARS nun laboratorio de viroloxía en Beijing que estudou a enfermidade. Transmitiron a infección a outras sete persoas antes de que se contivese o gromo.

Cales son os argumentos chave para a “saída” dun laboratorio?

En teoría, COVID-19 podería provir dun laboratorio de varios xeitos. Os investigadores poderían colleitar o SARS-CoV-2 dun animal e mantelo no seu laboratorio para estudalo, ou poderían crealo mediante técnicas de enxeñería xenética. Nestes escenarios, unha persoa no laboratorio podería ser infectada accidental ou deliberadamente polo virus e logo transmitilo a outras persoas, o que provocou a pandemia. Actualmente non hai evidencia clara que apoie estes escenarios, pero non son imposibles.

Algúns investigadores empregan unha serie de argumentos a favor dunha orixe de laboratorio para o SARS-CoV-2 que actualmente son conxecturas.

Un sostén que é sospeitoso que, case un ano e medio despois da pandemia, o parente máis próximo do SARS-CoV-2 aínda non se atopou nun animal. Outro suxire que non é unha coincidencia que a Covid-19 se detectase por primeira vez en Wuhan, onde se atopa un laboratorio de alto nivel que estuda os coronavirus, o WIV.

Algúns defensores da teoría do laboratorio sosteñen que o virus contén características inusuais e secuencias xenéticas que indican que foi deseñado por humanos. E algúns din que o SARS-CoV-2 se propaga entre as persoas con tanta facilidade que debe ser creado con esa intención. Outro argumento suxire que o SARS-CoV-2 podería derivarse dos coronavirus atopados nunha mina non utilizada onde os investigadores de WIV colleitaron mostras de morcegos entre 2012 e 2015.

É sospeitoso que ningún animal fose identificado como transmisor do virus aos humanos?

As investigacións sobre a orixe dos brotes necesitan moitos anos e descoñécense algúns. Necesitáronse 14 anos para determinar a orixe da epidemia de SARS, que comezou cun virus nos morcegos que se propagou aos humanos, probablemente a través das civetas. Ata a data, nunca se illou un virus do Ébola completo dun animal na rexión onde aconteceu o gromo máis grande do mundo entre 2013 e 2016.

As investigacións sobre a orixe dunha pandemia son complicadas porque os gromos entre animais que non son os principais hóspedes dun virus en particular, como as civetas no caso do SARS, a cotío son esporádicos e adoitan pasar desapercibidos. Os investigadores deben atopar o animal axeitado antes de que morra ou desapareza a infección. E mesmo se o animal dá positivo na proba, os virus que se atopan na saliva, as feces ou o sangue a miúdo degrádanse, o que dificulta a secuenciación do xenoma completo do patóxeno.

Con todo, os científicos lograron algúns avances desde que comezou a pandemia. Por exemplo, un informe, subido ao servidor de preimpresión bioRxiv o 27 de maio, suxire que RmYN02, un coronavirus en morcegos no sur de China, podería estar máis relacionado co SARS-CoV-2 que o RATG13.

En canto á procura dun animal hóspede intermediario, os investigadores en China buscaron o virus en máis de 80.000 animais salvaxes e domesticados; ningún foi positivo para SARS-CoV-2. Pero este número é unha pequena fracción dos animais do país. Están a valorar utilizar probas de anticorpos para identificar animais que foron previamente infectados co virus.

É sospeitoso que o WIV estea en Wuhan?

Os laboratorios de viroloxía tenden a especializarse nos virus que os rodean. O WIV especialízase en coronavirus porque se atoparon moitos en China e os seus arredores. Hai outros laboratorios que se enfocan a enfermidades virais endémicas: laboratorios de influenza en Asia, laboratorios de febre hemorráxica en África e laboratorios de dengue en América Latina… e moitas veces hai gromos nas proximidades.

Os investigadores sinalan que un gromo de coronavirus en Wuhan non é sorprendente, porque é unha cidade de 11 millóns de persoas nunha rexión onde se atoparon coronavirus. Ten aeroporto, estacións de tren e mercados que venden produtos e animais salvaxes de toda a rexión , o que facilitaría que un virus podería chegar á cidade e propagarse rapidamente.

Ten o virus características que suxiran que foi creado nun laboratorio?

Varios investigadores pescudaron se as características do SARS-CoV-2 indican que foi deseñado mediante bioenxeñaría. Un dos primeiros equipos en facelo determinou que isto era “improbable” por algunhas razóns, incluída a falta de “sinaturas” de manipulación xenética. Desde aquela, outros se preguntaron se o lugar de escisión da furina do virus, unha característica que o axuda a entrar nas células, é evidencia de manipulación xenética, porque o SARS-CoV-2 ten esas características, pero o seu parente máis próximo non os ten. O lugar de escisión da furina é importante porque está na proteína do bico do virus, e a escisión da proteína nese lugar é necesaria para que o virus infecte as células.

Pero moitos outros coronavirus teñen sitios de división de furina, como os coronavirus que causan arrefriados.

Outra característica de SARS-CoV-2 que chamou a atención é unha combinación de nucleótidos que subxacen a un segmento do sitio de escisión da furina: CGG (que codifican o aminoácido arxinina). Con todo, no SARS-CoV-2, aproximadamente o 3% dos nucleótidos que codifican a arxinina son CGG. E ao redor do 5% dos que codifican a arxinina no virus que causou a epidemia de SARS orixinal tamén son CGG.

É certo que o SARS-CoV-2 ten que ser deseñado, porque é perfecto para causar unha pandemia?

Moitos científicos afirman que non. O feito de que o virus se propague entre os humanos non significa que fose deseñado para facelo. Tamén se estende entre os visóns e infecta a unha gran cantidade de mamíferos carnívoros. E non foi óptimamente transmisible entre humanos durante a maior parte do ano pasado. Máis ben, desenvolvéronse variantes novas e máis eficientes en todo o mundo. Por nomear un exemplo, a variante altamente transmisible de SARS-CoV-2 reportada por primeira vez na India (B.1.617.2, ou Delta) ten mutacións nos nucleótidos que codifican o seu lugar de escisión de furina que semellan facer que o virus infecte mellor as células.

Os investigadores recolleron mostras de SARS-CoV-2 nunha mina?

Os investigadores do WIV recolleron centos de mostras de morcegos nunha mina entre 2012 e 2015, despois de que varios mineiros que traballaban alí desenvolvesen unha enfermidade respiratoria descoñecida. (O ano pasado, os investigadores informaron que as mostras de sangue tomadas dos mineiros deron negativo en anticorpos contra o SARS-CoV-2, o que significa que a enfermidade probablemente non era Covid-19 . Ao chegar ao laboratorio, os investigadores de WIV detectaron case 300 coronavirus nos morcegos, pero só puideron obter secuencias xenómicas completas ou parciais de menos dunha ducia, e ningunha foi SARS-CoV-2 . Durante a investigación dirixida pola OMS a principios deste ano, os investigadores de WIV declararon que cultivaron só tres coronavirus no laboratorio, e ningún estaba estreitamente relacionado co SARS-CoV-2.

Aínda que os investigadores non examinaron os conxeladores do WIV para confirmar esta información, o baixo número de xenomas e cultivos non sorprende aos virólogos. É extremadamente difícil extraer coronavirus intactos de mostras de morcegos. Os niveis de virus tenden a ser baixos nos animais e os virus a miúdo degrádanse nas feces, a saliva e as pingas de sangue. Ademais, cando os investigadores queren estudar ou alterar xeneticamente virus, necesitan mantelos vivos, e dispoñer de liñas celulares (células que se manteñen en cultivo indefinidamente) axeitadas para que os virus se dividan nelas no laboratorio.

No caso de que o SARS-CoV-2 proviñese desa mina de China, os investigadores de WIV terían que superar algúns desafíos técnicos serios, e manterían a información en segredo durante varios anos e enganado aos investigadores da OMS. Non hai evidencia disto, pero non se pode descartar.

Que vén a continuación?

Biden pediu á Comunidade de Intelixencia de Estados Unidos que lle informase en 90 días. Quizais esta investigación botará luz sobre a información dque apareceu no The Wall Street Journal que suxire que tres membros do persoal da WIV estaban enfermos en novembro de 2019, antes de que se informasen os primeiros casos de Covid-19 en China. O artigo afirma que os funcionarios estadounidenses teñen opinións diferentes sobre a calidade desa información. E os investigadores do WIV sostiveron que o persoal do instituto deu negativo nas probas de anticorpos que indicarían unha infección por SARS-CoV-2 antes de xaneiro de 2020.

A semana pasada, Anthony Fauci, o asesor médico en xefe de Biden, pediu aos funcionarios chineses que divulgasen os rexistros do hospital dos membros do persoal de WIV. Outros pediron mostras de sangue aos membros do persoal de WIV e acceso a mostras de virus e morcegos de WIV, cadernos de laboratorio e discos duros. Pero non está claro que producirán tales solicitudes porque China non aceptou as demandas dunha investigación de laboratorio completa. Un portavoz do Ministerio de Relacións Exteriores da República Popular de China, Zhao Lijian, dixo que os laboratorios estadounidenses deberían ser investigados, e que algunhas persoas nos Estados Unidos “non se preocupan polos feitos ou a verdade e non teñen ningún interese nun estudo serio das orixes baseado na ciencia”.

A medida que avance a investigación solicitada por Biden e a OMS realice a seguinte fase no seu estudo de orixe, os expertos en pandemias prepáranse para un longo camiño por diante. Todos queren respostas pero estas tardarán moito en chegar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.