Martes 16 Abril 2024

Rexeitar as vacinas non é san (nin ecolóxico)

Un artigo de Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses

Pouco antes de publicar Charlie e a fábrica de chocolate, Roald Dahl perdeu á súa filla Olivia, de sete anos, vítima do sarampelo. A morte da pequena marcou a vida da familia do escritor, pero foi unha traxedia inevitable, porque en 1962 aínda non existía unha vacina eficaz contra esta enfermidade. 24 anos máis tarde, cando esa vacina xa existía, Dahl publicou un texto no que rogaba aos seus concidadáns que vacinasen aos seus fillos.

Publicidade

“Aquí, en Gran Bretaña, debido a que tantos pais rexeitan, por obstinación, ignorancia ou medo, que os seus fillos sexan inmunizados, aínda temos cen mil casos de sarampelo cada ano. Deles máis de 10.000 terán consecuencias dun ou outro tipo. Uns vinte nenos morrerán”.

As vacinas protexen hoxe ao 86% da poboación mundial e, segundo os datos da OMS, evitan a morte de dous millóns de persoas ao ano, especialmente nenos e nenas. Grazas ás vacinas logramos erradicar unha enfermidade tan terrible como as vexigas, e moitas outras desapareceron das nosas vidas.

Roald Dahl, xunto á súa filla Olivia, a súa muller e o seu outro fillo.
Roald Dahl, xunto á súa filla Olivia, a súa muller e o seu outro fillo.

Pero a súplica de Roald Dahl segue vixente porque o rexeitamento ás vacinas non deixou de crecer, especialmente nos países máis ricos. Só en Europa os casos de sarampión multiplicáronse por catro en 2017, causando 35 mortes. A difteria e a tose ferina volven causar vítimas e se esta tendencia non se reverte, volveremos ver nos nosos colexios os estragos da polio.

Resulta difícil imaxinar a dor dunha persoa que perde un fillo por negarlle a protección que proporcionan as vacinas. Pero máis aló dos sentimentos de compaixón e de rabia, convén reflexionar sobre os motivos da súa obstinación, a súa ignorancia e o seu medo. En particular, debemos analizar o papel que están a xogar os activistas do movemento antivacunas, cada vez máis organizado.

Que mecanismos ten a sociedade para defenderse do perigo que supoñen? Podemos esixirlles algunha responsabilidade polas consecuencias dos seus actos? Que relación hai entre o rexeitamento crecente ás vacinas e a proliferación de terapias que nunca demostraron a súa efectividade e que en ocasións se dispensan ao amparo dos propios colexios oficiais de médicos e farmacéuticos?

“Que mecanismos ten a sociedade para defenderse do perigo que supoñen os antivacinas?”

Na Coruña vivimos estes días un par de situacións que exemplifican os termos nos que se está producindo este debate. Por unha banda, un hotel da cidade decidiu atender ás protestas de moitos cidadáns e cancelou unha conferencia de Josep Pàmies, un empresario agrícola que, entre outras cousas, incita a substituír os tratamentos de quimioterapia por unha combinación de plantas medicinais e lixivia.

Uns días máis tarde o Concello anunciaba en rolda de prensa o patrocinio de BioCultura, unha feira que suma 75 edicións entre Sevilla, Valencia, Bilbao, Barcelona e Madrid, onde en novembro do ano pasado ocupou dous pavillóns do recinto de IFEMA con máis de 800 expositores e 74.500 visitantes.

Xavier Uriarte, durante unha das charlas antivacinas na edición de BioCultura de 2016 en Madrid. Fonte: YouTube.
Xavier Uriarte, durante unha das charlas antivacinas na edición de BioCultura de 2016 en Madrid. Fonte: YouTube.

Pouco despois da presentación o Concello comezou a recibir queixas porque, xunto a talleres de compostaxe, cooperativismo enerxético ou comedores escolares sustentables, a feira programaba varias charlas impartidas por recoñecidos activistas do movemento antivacinas. Entre elas, unha titulada “Presentación da nova teoría infecciosa ecolóxica”. Ao día seguinte a organización da feira aceptou a demanda municipal de retirar estas charlas, aínda que outras sobre os perigos das redes WIFI, as bondades da xeometría sacra (sic) ou a medicina cuántica (sic) mantéñense no programa.

Estes casos demostran que tanto empresas privadas como administracións públicas son sensibles ás críticas e saben reaccionar ante as protestas nas redes sociais e os medios de comunicación. Demóstrase así que o debate público segue sendo unha ferramenta eficaz para achicar o espazo social a quen instigan o rexeitamento ás vacinas, e ao mesmo tempo axuda a informar o público dos beneficios da vacinación.

Ir máis aló e pretender que a apoloxía antivacinas se converta nun delito contra a saúde pública parece máis efectivo, pero esta opción non está exenta de riscos. En primeiro lugar porque consolidaría o discurso victimista e conspiranoico que tan convincente lle resulta a unha parte da poboación. Pero, sobre todo, porque supoñería engadir un novo límite ao dereito á liberdade de expresión. Non en balde, estes días asistimos con preocupación á condena de cárcere para un músico polo contido das súas cancións, mentres que responsables do IFEMA –que nada parecen obxectar ás conferencias antivacinas– forzaban a retirada dunha obra de arte de carácter político que se ía a expoñer en ARCO.

Convertir a apoloxía antivacinas en delito é unha opción que “non está exenta de riscos”

Paralelamente, a programación destes actos no marco de eventos cuxo obxectivo é “promover a agricultura ecolóxica e a alimentación sa como base para unha sociedade máis xusta e respectuosa co medioambiente” convídanos a analizar o rexeitamento ás vacinas no marco dun contexto máis amplo. O interese de amplos sectores da sociedade polo consumo de produtos máis “naturais” e menos contaminantes deu lugar a un puxante sector económico que goza de recoñecemento oficial e está regulado por normativas específicas.

É precisamente neste ambiente (feiras “eco”, tendas de produtos “orgánicos”, etc.) onde conflúen sen aparente contradición alimentos producidos con criterios de responsabilidade ambiental con pseudoterapias e produtos milagrosos que nunca demostraron a súa efectividade. Como era de esperar, tamén atoparemos aquí os maiores índices de rexeitamento aos cultivos transxénicos, que por máis que superen todas as esixencias de seguridade alimentaria, seguen experimentando en Europa unha forte oposición.

Sería un grave erro atribuír a totalidade deste complexo conglomerado de opcións persoais a unha simple cuestión de ignorancia ou de sentimentos anticientíficos, pretendendo que a ciencia pode resolver todos os problemas e que a súa autoridade debese ser suficiente para resolver todos os dilemas e contradicións que xorden da aplicación de calquera tecnoloxía.

A ciencia está moi lonxe de posuír o monopolio da razón, e mesmo alí onde as evidencias proporcionadas polo método científico son incuestionables (as vacinas protexen de enfermidades, o tabaco provoca cancro e este non se cura con lixivia) necesitamos de consensos sociais para traducir estes achados en normas que todos podamos cumprir.

Artigo publicado pola Axencia Sinc.

Marcos Pérez Maldonado é director dos Museos Científicos Coruñeses. Experto en museografía científica e didáctica das ciencias en entornos non formais; ciencia en educación infantil; produción de proxectos de divulgación, interactivos, exposicións e programas de planetario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen evidencia científica para a aromaterapia e o Tai Chi: esta é a nova lista de pseudociencias

O ministerio de Sanidade realizou novos informes para combater as pseudoterapias que sea basean en estudos de baixa calidade

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias festexa 30 anos de coñecemento compartido

O seu presidente, Julio Casal, reivindica o compromiso coa divulgación científica para achegar información de calidade á sociedade

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia