Persoal científico a bordo do 'Sarmiento de Gamboa'.
Persoal científico a bordo do 'Sarmiento de Gamboa'.

Por alusións

Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 7 de xullo de 2016
Latitude: 52,06 graos Norte
Lonxitude: 23,99 graos Oeste
Aproximadamente a 1.570 kms do porto de saída en Vigo

Escrito a bordo por Guillermo Francés, da Universidade de Vigo

Nunha entrada recente fun directamente aludido ao comentar que na sala de televisión non tardo máis de dez minutos en caer nun soño profundo. Esta afirmación é unha esaxeración manifesta. Non creo que tarde máis de tres minutos en entrar no “estado de relaxación” ao que elegantemente aluden os autores da entrada. Ben é certo que durante esta campaña aínda non batín a miña marca, cifrada en oito intentos frustrados de ver Matrix.

Cambiando de tema, ao que eu quero aludir nesta entrada é a unha noticia que vin hai uns días en varios medios dixitais. Os titulares apuntaban que o ano pasado case 100.000 cidadáns abandonaran o país, batendo, esta vez si, o récord existente. Un número nada irrelevante destes migrantes son científicos, o cal me leva a varias reflexións que quero compartir convosco. Podémonos permitir que concidadáns cun nivel altísimo de formación, cunha traxectoria investigadora relevante e no momento máis produtivo das súas carreiras teñan que abandonar o sistema científico nacional? Que futuro depara a un país que desinviste en ciencia e forza unha perda de talento? É un bo negocio investir na formación de especialistas cualificados cuxa actividade reverterá noutros países?

‘Que futuro depara a un país que desinviste en ciencia e forza unha perda de talento?’

Para cinguirnos a esta campaña, a metade do equipo está formada por novos doutores aos que día a día vexo traballar con entusiasmo e rigorosidade durante tempo prolongado. Con moitos tiven o pracer de compartir as aulas, polo que me consta o seu nivel de formación e dos méritos que conseguiron co seu esforzo e dedicación. Aínda teñen moito máis que achegar á ciencia nacional. Con todo, algúns deles teñen un futuro incerto e é posible que teñan que seguir os pasos de tantos outros que lles precederon. A miña resposta concisa ás interrogantes capciosas expostas máis arriba pode expresarse cuns vellos versos do noso patrimonio literario: Dios, qué buen vasallo si oviesse buen señor.

A ciencia moderna non só require talentos, senón tamén medios materiais. Uns sucintos datos para ilustralo: o buque que nos acolle, o Sarmiento de Gamboa, consome durante esta campaña uns 4000 L de gasoil ao día e 800 L de aceite ao mes. Botando contas moi simples alguén pode pensar que é un luxo que non nos podemos permitir, que hai cuestións de maior prioridade. É lexítimo crelo, pero difícil de compartir. Basta pensar nos postos de traballo que o Sarmiento xera de forma directa (tripulación, técnicos) e indirecta. A iso engadamos que os datos que aquí se xeran constitúen o embrión de contribucións científicas, de colaboracións con outros grupos de traballo ou a contribución española a programas internacionais.

Non cabe reincidir na mentalidade que denunciase D. Miguel a principios do século pasado: ¡Que inventen ellos! Iso que se dá en chamar a marca España non só se constrúe con éxitos deportivos (por certo, a maioría deles cultivados a partir de que se aumentaron os investimentos neste terreo), nin cun puñado de empresas multinacionais con facturacións millonarias. A marca tamén se labra pola creación literaria e artística, polo número e a relevancia das publicacións científicas,  polas patentes rexistradas, etc.

Inmunes ao desalento e escapando das borrascas que nos pisan os talóns, seguiremos con ánimos a campaña porque temos a sorte de que, ademais de formar parte do noso traballo, apaixónanos e permítenos compartir vivencias con excelentísimas (estas si) persoas.

Ver o artículo anterior
No ‘Sarmiento de Gamboa’ non todo vai ser traballar

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.