Venres 19 Abril 2024

Os nomes do mal

Os exemplos de denominacións estigmatizadas das doenzas infecciosas son abundantes no pasado

Cando a comezos deste ano o nome de coronavirus comezou a facerse frecuente apareceu unha nova que adiantaba que as consecuencias da pandemia ían ir máis alá da saúde das persoas. Nos Estados Unidos as vendas da cervexa mexicana Corona (antes para nós Coronita) estaban descendendo pola vinculación establecida polos consumidores entre a denominación do virus e o nome comercial da bebida: o 38% dos estadounidenses non consumían esta marca por medo a contraer o mal. 

Non tardou en coñecerse que esta noticia, moi difundida en medios e redes sociais, tiña ben pouco de certa. Nacera dunha interpretación moi apurada de datos de distintas fontes. Por unha banda, o consumo da cervexa diminuíra no inverno, aínda que non de forma extraordinaria, pois ocorría todos os anos, como sucedía con outros produtos vinculados a ciclos estacionais. Por outra, no mes de febreiro unha empresa de relacións públicas americana, achegada a grupos da dereita, difundiu os resultados dunha enquisa inzada de preguntas que alimentaban prexuízos interesados (Cre que a cervexa Corona está relacionada co coronavirus?, Por causa do coronavirus, vai deixar de consumir cervexa Corona?, Compraría vostede Corona nas circunstancias actuais?). E como adobo engadíanse as declaracións dun responsable da axencia afirmando que “non hai ningunha dúbida de que a cervexa Corona está a sufrir por causa do coronavirus”. Poucos medios se resistiron ó engado. 

Publicidade

Nas notas da conferencia de prensa de Trump coronavirus foi cambiado para "Chinese Virus" (19/3/2020).
Nas notas da conferencia de prensa de Trump coronavirus foi cambiado para “Chinese Virus” (19/3/2020).

Resulta curioso como foi aproveitada a semellanza de nomes, pois calquera das dúas formas usuais para referirse ó virus cumpre as recomendacións da OMS para a denominación de enfermidades infecciosas: están formados por termos descritivos xenéricos e eluden referencias a lugares xeográficos, nomes de persoas, profesións, especies animais e grupos culturais ou relixiosos. A OMS anunciara en febreiro que o nome oficial recoñecido para o novo coronavirus era COVID-19 (acrónimo de coronavirus disease-2019), que a pesar da aparencia estraña axiña se difundiu nos medios de comunicación. Con todo, o  nome que se acabou por facer máis común, coronavirus, é o xenérico dun grupo de virus que afectan a mamíferos e paxaros. Está composto de dúas palabras latinas ben recoñecibles, corona ‘coroa’ e virus veleno, e foi acuñado en 1968 por dous virólogos británicos. Ademais, no caso do galego e doutras linguas da familia, a estrutura da palabra cadra cos padróns fonéticos máis comúns (catro sílabas formadas por consoante máis vogal e unha final rematada nunha consoante ben común nesa posición) e non se presta moito á actuación da etimoloxía popular (ese proceso polo que os falantes modifican a forma das palabras para facelas máis familiares e transparentes no sentido: mondarina, vagamundo, tos fariña, penecelina) 

O bautizo anunciado pola OMS semella que chegou a tempo para atallar outras denominacións que se estaban a facer populares e que contraviñan todas as boas prácticas que a organización acordou en 2015: virus da China, virus de Wuhan, virus cinese, Coronavirus chinois, Wuhan flu, etc. Os exemplos de denominacións estigmatizadas son abundantes no pasado e mostran que as regras que seguen os falantes para nomear están lonxe da univocidade requirida pola ciencia. O zica tomou o nome do bosque de Uganda onde se detectou por primeira vez. O río Ébola (adaptación francesa do nome en lingua ngbandi) da República Democrática do Congo deulle nome a un virus e a un xénero vírico. A gripe porcina (gripe suína, swine influenza, grippe porcine, influenza suina) tomou parte do nome dos animais en que é común e que llela poden transmitir ós humanos; a pouca querenza polos porcos levou a xudeus e musulmáns de Israel a propoñer como alternativa gripe mexicana, que pouco lle agradou ó embaixador de México naquel país. A cidade universitaria alemá de Marbug serviu para bautizar un virus moi temido e mortal que hoxe recibe o nome redundante de Marburg marburgvirus. A encefalopatía esponxiforme bovina, a pesar de extenso e estirado de aparencia, non cumpre de todo as normas da OMS, pero aínda menos o nome popular, enfermidade das vacas tolas (mad cow disease, doença da vaca louca, maladie de la vache folle, morbo della mucca pazza, malaltia de les vaques boges), que combina nome de animal con adxectivo de carga negativa.  

A 'gripe española' chega a Bélxica (1918).
A ‘gripe española’ chega a Bélxica (1918).

Unha pandemia que nestes días se lembra para comparar as súas consecuencias co coronavirus, a da gripe de 1918 (virus H1N1), ten unha historia de denominacións ben interesante. Esta infección respiratoria causada por un virus era coñecida xa de vello e denominada na maioría das linguas europeas a partir do francés grippe e do italiano influenza: gripe (galego, portugués, español, vasco), grip (catalán), griep (neerlandés), influenza (inglés, alemán), flu (inglés), etc. O francés grippe deriva do verbo gripper, co sentido orixinario ‘agarrar con forza’, ‘tremer’ (de aí vén tamén que falemos de motor gripado); o italiano influenza provén dun derivado verbal (de influire) e explícase pola crenza no influxo dos fenómenos naturais e os astros na expansión das enfermidades infecciosas. O italiano reparou nas causas, o francés nas consecuencias.  

O nome común co que nos referimos a este andazo, que tantas mortes causou en Galicia e en todo o mundo hai un século, infrinxe as recomendacións actuais da OMS: gripe española. Aínda hoxe a orixe do virus é escura, pero sábese con seguridade que non estivo en Europa e que á península puido chegar por medio dos emigrantes portugueses e españois provenientes de Francia 

O virus H1N1 estendeuse durante a Primeira Guerra Mundial favorecido polos movementos de tropas. A maioría dos países europeos estaban en guerra e os seus xornais censuraban a información sobre a pandemia, entre outras razóns, para non debilitar a moral das tropas. En España, país neutral na contenda, os periódicos informaban da extensión e consecuencias do andazo en todo o país e referíanse a el como gripe, gripe francesa, soldado de Nápoles e enfermedad de moda. Os xornais estranxeiros non tardaron en dar conta das novas publicadas en España sobre aquela enfermidade tan virulenta 

A gripe do 1918 no xornal O Tío Marcos d'a Portela.
A gripe do 1918 no xornal O Tío Marcos d’a Portela.

A mediados de 1918 nos xornais europeos comezaron a aparecer referencias á Spanish flu, grippe espagnole, gripe espanhola, influenza spagnola, Spanische Grippe. Nada tiña que ver o nome coa orixe do andazo, pero a interpretación popular estaba facilitada. En inglés todas as outras etiquetas competidoras, moitas delas baseadas na nacionalidade ou na raza, fixéronse cada vez máis raras: Spanish Lady, French Flu, Purple Death, Black Man’s Disease; e pouco duraron tamén aqueloutras acuñadas nos países aliados por motivos ligados ó conflito como German plague, Flanders grippe, Hun flu ou a máis elaborada e explícita Turco-Germanic bacterium criminal entreprise. En Portugal a epidemia é coñecida popularmente aínda hoxe tamén como gripe penumónica ou simplemente pneumónica. A prensa galega da época, escrita en galego ou en castelán, referíase á doenza mortífera que asolaba o país como gripe, gripo e grippe. 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Coidar a saúde e o medio ambiente: dúas razóns para incluír pescado azul na nosa dieta

A nivel mundial, el consumo anual per cápita de peixe nos últimos 50 años case se duplicou, cun crecemento exponencial en países como China