Os gatos galegos rosman de contentos?

De moitos animais sempre se di que “só lles falta falar“, ou que son coma a xente “fóra a alma“, por iso sorprende que ás veces nos enleemos ao darlles nome aos sons con que se comunican con nós ou cos seus conxéneres.

Isto vén a conto de que en galego non temos claro como chamarlle a este son tan típico dos gatos e doutros felinos, que é a súa forma de manifestar confianza e tranquilidade en relación co seu contorno (outros gatos, humanos…).

Na maior parte das linguas románicas o seu nome constrúese a partir dunha onomatopea (“ron”), que intenta reproducir ese son. Así, en castelán fálase de ronroneo (e de ronronear, para a acción de emitilo), en portugués de ronrom (e ronronar), en francés de ronron ou ronronnement (e ronronner) e en catalán de ronc (e roncar). No entanto, linguas que non proveñen do latín, empregan denominacións de orixes distintas, como o purr do inglés ou o Schnurren do alemán.

En galego, a Real Academia aconséllanos no Dicionario castelán-galego o uso de rosmar ou roñar, que tamén parecen querer reproducir o son do animal. Pero cando imos comprobar no Dicionario da lingua galega a coherencia desta recomendación batemos cunha sorpresa: na definición de ambos os verbos destácase que ese son é ‘xordo e áspero’ e que se emite cando o animal está ‘en actitude de defensa’. Se a iso lle unimos que ofrece sinónimos como gruñir, non parece que estean describindo o son que puidemos escoitar antes.

Se desbotamos, logo, o uso de calquera deses dous verbos, debemos buscar unha alternativa. E, posiblemente, a mellor sexa ronronar, unha forma documentada en galego, polo menos desde o Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, e totalmente coherente coas formas empregadas no noso contorno lingüístico.

Resumindo: pensamos que ronrón e ronronar poderían empregarse en galego para definir ese son tan característico do gato e doutros felinos no canto das formas que neste momento se están recomendando desde os dicionarios académicos.

O SNL da USC publicou este texto no seu sitio web o 29/10/2013

8 COMENTÁRIOS

  1. Dúbida para o SNL: ¿”locos de contentos” ou “locos de contento” (contento como sustantivo)?

  2. Arroaz. Golfín ou delfín. Viene de roás que significa murmullo o ruido. (Diccionario galego 1876 Barcelona.
    Eu creo que con roar chega e sobre .

  3. A ver se imos diferenciando escoitar de oír. Interesante por outra banda. Saúde.

  4. A ver se imos aprendendo a diferenciar escoitar de oír. Interesante por outra banda. Saúde.

  5. Na aldea da miña nai (concello de Antas de Ulla), sempre lle chamamos “rezar”. Saúdos.

  6. Ler que no galego non temos claro como lle chamar ao son que fan os gatos produce unha sensación entre noxo e lástima. Quen non o ten claro????? Os chupóns do idioma, ha ser. En calquera aldea onde o idioma manteña certa vizosidade úsase RONRONAR, como acaba por recoñecer o autor do artiguiño. Claro, como é común co portugués parece que dá alerxia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.