Xoves 28 Marzo 2024

Xeneralidades da Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida

A científica Ana Borrajo, investigadora sobre a sida, analiza neste artigo as liñas básicas do virus e da enfermidade

Nos anos 80 comezou a “era da sida” cando os CDC (Centers for Disease Control and Prevention: Centros para o Control e Prevención de Enfermidades) dos Estados Unidos describiron cinco casos de aparición conxunta de pneumonía por Pneumocystis carinii con sarcoma de Kaposi en Los Ángeles.

A maioría destes pacientes eran homes homosexuais  sexualmente activos que á súa vez sufrían doutras infeccións oportunistas. Neles detectáronse diferentes feitos característicos da enfermidade como unha diminución notable dun tipo de células sanguíneas chamadas linfocitos T CD4+ e a aparición dunhas manchas de cor rosáceo no corpo.

Publicidade

A partir destes achados a prensa comezou a chamar á sida, a “peste rosa”, causando un gran balbordo e confusión e atribuíndoa ao colectivo homosexual. Pronto se deixou notar que outros grupos poboacionais que padecían a enfermidade eran usuarios de drogas inxectables, receptores de transfusións sanguíneas así como inmigrantes haitianos en Estados Unidos. En 1982, a nova enfermidade foi bautizada oficialmente co nome de Síndrome da Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA).

Desde que apareceu a enfermidade xurdiron varias teorías de cando, como, onde e por que se orixinou aínda que a maioría delas sen ningún tipo de base científica. Os máis retrógrados consideraron á sida como un castigo de Deus polo “pecado da homosexualidade”. Tamén adquiriu fama pasaxeira como posible axente causal, o nitrito de anilo, que posúe acción inmunosupresora e utilizábase co fin de activar o proceso sexual, pero se desbotou a idea cando se descubriron casos en persoas que non usaban esta substancia.

A teoría recoñecida actualmente sostén que a enfermidade é producida polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) que provén dun virus chamado “virus de inmunodeficiencia en simios” ( SIV, en inglés), o cal é idéntico ao VIH e causa síntomas similares á sida noutros primates.

O achado do virus permitiu o desenvolvemento dun anticorpo, o cal se comezou a utilizar para identificar aos infectados. Tamén posibilitou o inicio de investigacións sobre posibles tratamentos e unha vacina.

A día de hoxe, os avances científicos no estudo e a abordaxe da VIH conseguiron cronificar a enfermidade, pero só en España en 2017 notificáronse case 10 novos casos ao día dos cales a maioría foron en homes e a vía de transmisión máis frecuente, a sexual.

Segundo datos da OMS, “o VIH continúa sendo un dos maiores problemas para a saúde pública mundial xa que se cobrou máis de 35 millóns de vidas. En 2016, un millón de persoas faleceron no mundo por causas relacionadas con este virus e tamén se detectaron 1,8 millóns de novas infeccións”.

Para a diagnose da infección polo VIH adoitan empregarse análises rápidas que permiten detectar a presenza ou ausencia de anticorpos contra o virus. O proceso é rápido xa que na maioría dos casos, os resultados obtéñense no mesmo día. É primordial o diagnóstico precoz dos afectados e o inicio do tratamento canto antes.

Hai grupos poboacionais de risco que merecen especial atención ao ser sensibles a un maior risco de infección por VIH, con independencia do tipo de epidemia e da situación local: os homes que teñen relacións homosexuais, os consumidores de drogas inxectables, os presos e persoas que están recluídas noutras contornas, os traballadores sexuais e os seus clientes, e os transexuais.

A miúdo, os comportamentos das persoas que pertencen a estes grupos cáusanlles problemas sociais ou xurídicos que aumentan a súa vulnerabilidade ao VIH e reducen o seu acceso aos programas de diagnóstico e tratamento.

O Tratamento Antirretroviral de Gran Actividade (TARGA) é, comunmente, a combinación de tres fármacos antirretrovirais que actúan bloqueando varias encimas ou proteínas para que o virus non poida reproducirse na célula infectada.

Aínda que o TARGA non consegue a erradicación do virus e por tanto non é capaz de curar a infección, si que consegue controlar a replicación do virus no organismo.

O inicio precoz do tratamento, que se produce antes de que o VIH produza unha gran alteración no sistema inmunitario, achega beneficios clínicos e profilácticos mellorando a calidade de vida das persoas con VIH, permitindo unha supervivencia próxima á poboación xeral e reducindo a incidencia da infección na comunidade.

Por ese motivo é crucial iniciar o tratamento canto antes e ter unha boa adherencia ao mesmo. É fundamental que a abordaxe non farmacolóxica do paciente inclúa a información-educación do mesmo, medidas de soporte, valoración das necesidades emocionais, posta en contacto con grupos de apoio, consellos profesionais sobre todo de médicos e psiquiatras, así como consellos legais, financeiros e laborais.

É necesario que o paciente teña unha visión positiva da vida e que se propoña metas realistas despois do diagnóstico da enfermidade. Ademais os progresos científicos nesta enfermidade son notables e nos últimos anos está a estudarse unha liña de investigación prometedora que é a de destruír os reservorios ocultos de VIH nas persoas que están a recibir un tratamento antirretroviral o que abriría o camiño para curar a enfermidade.

Seguro que teremos melloras científicas e tecnolóxicas proximamente que poderemos usar na loita contra esta e outras enfermidades. Como dicía Albert Einstein: “O crecemento intelectual debe comezar no nacemento e só cesar coa morte”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os 10 termos que debes evitar ao falar do VIH

A científica Eva Poveda presenta un "dicionario inclusivo" para desestigmatizar as persoas co virus da inmunodeficiencia humana

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH

A Unidade de Fibrose Quística do hospital de Vigo, distinguida pola súa excelencia

A Sociedade Española de Fibrose Quística acredita unha atención con maiores garantías e e valida os seus protocolos

Epidemias activas en 2022: como combater os gromos?

Ademais da sida e da covid-19, nestes momentos hai gromos epidémicos doutras seis infeccións humanas: gripe, VRS, polio, ébola, varíola do mono e cólera