Venres 29 Marzo 2024

Liñas e aparellos para o futuro

Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 18 de xullo de 2016
Latitude: 57,01 graos Norte
Lonxitude: 27,88 graos Oeste
Aproximadamente 4.000 kms dende o porto de saída en Vigo

Escrito a bordo por José Antonio Padín Álvarez, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)

Despois de varios anos sen achegarme a un buque oceanográfico e sen aventurarme máis alá das Rías Baixas, síntome de novo en marcha. Sexa nun barco grande ou pequeno sempre me gustou traballar no mar e disfrutar da miña profesión. Pero aquí a bordo do Sarmiento de Gamboa vivo a excitación e responsabilidade que adiviño nos músicos que disfrutan dun instrumento de óptima feitura ou nas persoas diante dalgúns obxetos máxicos. Tocar a Fender Stratocaster branca de Hendrix, empuñar o Balabushka de Eddie Felson ou… Este buque é unha plataforma espectacular ben deseñada e con infraestructura suficiente, dotación e persoal técnico máis que capacitado no que desenvolver investigación de primeiro nivel. O noso papel é non desafinar e traducir os días de mar nos obxetivos marcados nesa partitura que para nós é o plan de campaña.

Publicidade

Bosquexo e foto do equipo GASPAR.
Bosquexo e foto do equipo GASPAR.

A campaña BOCATS persoalmente representa unha volta ás campañas oceánicas que acompañaron o traballo durante a miña Tese de Doutoramento. Viaxes as máis delas que me levaron ata a Patagonia, ou me trouxeron de volta a bordo do popular BIO Hespérides ou no case mitolóxico remolcador Las Palmas. “Ustedes sí que son Quijotes” berrábannos asombrados en portos remotos ben lidos mentras nos achegábamos pesadamente nese barco no que difícilmente se adiviñaría un transatlántico. Cargaba comigo caixas e botellas de diferentes patróns de CO2, todo o material necesario para montar en cada ocasión un equipo analítico deseñado en 1997 polo grupo de Oceanoloxía do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e coñecido como GASPAR (Fig. 1). De vidro, metal e plástico era toda unha “instalación” no sentido máis artístico da palabra que sostido por múltiples liñas de vida aos mamparos, fregadeiros e calquera asideiro perenne aguantaba a bordo cada golpe de mar.

“Oiste meu (xa sabendo que un era do Grove), esto… esto non servirá para facer licor café” preguntaban os galegos. Lonxe de ser un alambique, e aínda que sen lume, sí servía para destilar o CO2 da agua de mar a través dun equilibrador e levalo ata un analizador de infravermellos que nos indicaba a concentración deste gas na superficie do mar. Con esta información e outra complementaria como o vento, presión atmosférica, temperatura e salinidade puidemos calcular o intercambio de CO2 entre o océano e a atmósfera ao longo do Océano Atlántico. Estas campañas coñecidas como FICARAM representaron unha modesta contribución ao esforzo internacional para cuantificar a captación de CO2 atmosférico dos océanos (Fig. 2). Cunha absorción algo inferior ás 2 GtC ano-1, aproximadamente un 25% das emisións de orixe antropoxénica, os nosos mares xogan un papel decisivo no clima planetario minimizando o efecto invernadoiro e reducindo o quencemento do noso planeta.

Mapa coa contribución ao proxecto SOCAT de medidas de CO2 na superficie oceánica.
Mapa coa contribución ao proxecto SOCAT de medidas de CO2 na superficie oceánica.

Con todo GASPAR, aínda que máis pantalleiro que ningún e competente no seu traballo, non era o único da súa especie. Outros centros de investigación tiñan aparellos propios similares a GASPAR, e como o noso amigo, unha funcionalidade e apariencia ben persoal en cada caso que non casaban de todo ben cunha estratexia internacional común. Sabendo que a precisión, reproducibilidade e repetibilidade son características a considerar en calquera medida analítica, a comunidade científica en coordinación co proxecto International Ocean Carbon Coordination (IOCCP) decideu no 2002 normalizar a diversidade destos equipos e os métodos de traballo. Así estableceuse un canon das súas prestacións e requerimentos tomando como referencia os esforzos e as experiencias previas de grupos de investigación como o noso que garantizasen unha elevada precisión. Vaia por diante o miña gratitude a GASPAR pero o resultado final sería similar ao logrado nos coches nos últimos vinte anos. Máis instrumentalizado, con opción de teléfono satelital, rutinas automáticas (para, arranca, lávase (nesto vai superando á automoción), calíbrase, lanza avisos…) e as máis das veces tamén sabe mellor ca ti que facer.

Este buque é unha plataforma espectacular ben deseñada

O grado de esixencia na creación desta ferramenta avanzada e autónoma estivo baseada en boa parte na incapacidade para completar a estimación global da captación oceánica de CO2 e reducir a súa incertidume utilizando únicamente buques oceanográficos. Os buques de oportunidade, na súa gran maioría mercantes en rutas comerciais fixas, son a única alternativa viable hoxe en día para para abordar esta enorme labor. Ademáis estos barcos teñen outras virtudes en comparación con outras plataformas de observación como por garantizar a seguridade dos equipos, un suministro eléctrico permanente e un mínimo mantemento suficiente para un instrumental robusto supervisado en moitos casos desde terra. Con todo, lonxe de ser unha estratexia novedosa, a meteoroloxía e a oceanografía desde fai máis dun século ven nestos barcos a mellor das vías para, entre outros obxetivos, validar as previsións meteorolóxicas en rexións oceánicas ou tomar mostras de plancton por todo o planeta.

Equipo analítico de CO2 de General Oceanics a bordo do Sarmiento de Gamboa
Equipo analítico de CO2 de General Oceanics a bordo do Sarmiento de Gamboa

Un destos equipos analíticos fabricado por General Oceanics (Fig. 3), unha empresa oceanográfica recoñecida internacionalmente, gárdase nun pañol de pouco máis de 2 metros cadrados da cuberta principal do Sarmiento de Gamboa. A miña misión a bordo ademáis de colaborar nas medidas de pH e alcalinidade coas miñas talentosas e vigorosas compañeiras, Elisa e Maribel, é facer o control de calidade e procesado das medidas de CO2 da superficie mariña ao longo da nosa ruta. BOCATS como vedes aborda o estudo completo do sistema do carbónico e a súa transferencia ao longo da columna de agua desde a mesma superficie. Esta ollada ao estado do intercambio de CO2 no Atlántico Norte será nas próximas semanas unha liña máis no atlas de CO2 que aglutina o proxecto SOCAT (www.socat.info), a día de hoxe a maior base de datos destas medidas a escala global.

A caracterización máis detallada posible dos fluxos de CO2 entre o océano e atmósfera achegaranos a coñecer con maior precisión a súa variabilidade temporal (estacional, anual e de longa escala) e espacial así como a identificar os forzamentos ambientais que a controlan. Non sendo esta tarefa en ningún caso tan penosa como a de Sísifo, igualmente semella unha penitencia que deberá ser completada en tempos vindeiros unha e outra vez. Estos aparellos seguirán mellorando e algún día nin apoiaremos a man na pedra mentras observamos desde a distancia os océanos a través de satélites e drons pero o que non cambiará seguro, será o seu decisivo impacto no clima do planeta. Profundizar na capacidade de colaboración dos nosos mares para paliar o quencemento global será aínda máis importante mentras as emisións de CO2 antropoxénicas sigan mendrando e nos afasten dun relativo equilibrio climático cara uns cambios difícilmente sospeitados. A escasas millas da costa de Groenlandia e con Islandia na proa para nós só conta teimar neste labor e seguir sumando.

Ver o post anterior:
Groenlandia á vista!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún