Acadar a inmunidade de rabaño non é posible agora co novo coronavirus, afirman os expertos.

Inmunidade de rabaño? Non, por favor. Coronavirus

O biólogo Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC) analiza o fracaso de tentar acadar a inmunidade de grupo

Nunha carta aberta, 80 expertos en saúde cualifican á procura de inmunidade colectiva á Covid-19 como “unha perigosa falacia non apoiada pola evidencia científica”.

A inmunidade colectiva, poboacional ou de rabaño recibiu unha grande atención desde o comezo da pandemia da Covid-19. Varios países esperaban que a inmunidade colectiva ofrecese protección contra o virus, e algúns mesmo chegaron a relaxar as restricións para permitir a propagación natural do virus. Nunha carta aberta publicada en The Lancet, decenas de expertos en saúde pública criticaron abertamente os enfoques de inmunidade colectiva para retardar a Covid-19 como defectuosos e perigosos.

A inmunidade colectiva baséase en alcanzar un número axeitado de individuos inmunes dentro dunha poboación, de modo que un patóxeno non poda propagarse. A inmunidade colectiva difire moito dunha enfermidade a outra. As vacinas ofrecen un grande exemplo de como a inmunidade colectiva pode controlar a propagación dunha enfermidade. Por exemplo, unha taxa de vacinación contra o sarampelo superior ao 95% é dabondo para deter a propagación do virus do sarampelo.

Con todo, a dependencia da inmunidade colectiva para unha enfermidade como o sarampelo vese subliñada por anos de datos científicos que apoian a eficacia da vacina e a durabilidade da inmunidade conferida. Apenas sete meses despois da pandemia da Covid-19, este nivel de certeza científica simplemente non existe.Os 80 autores da carta publicada en The Lancet argumentan que os enfoques de inmunidade colectiva para deter Covid-19 son profundamente inexactos e potencialmente perigosos.

O enfoque de inmunidade colectiva para deter Covid-19 poderíase aplicar, non sen risco, permitindo que o virus se propague en poboacións de baixo risco, é dicir, poboacións máis novas, ata o punto en que suficientes persoas contraesen o virus e desenvolvesen unha inmunidade suficiente para protexer ás poboacións de alto risco, como os adultos maiores.

Con todo, como subliñan os autores da carta, un defecto deste enfoque é que se descoñece a durabilidade da inmunidade á Covid-19 despois dunha infección. Neste intre da pandemia, os investigadores non puideron demostrar de maneira concluínte que os anticorpos de Covid-19 ofrezan unha protección duradeira.

Para complicar a situación os brotes recentes de Covid-19 relacionáronse con poboacións máis novas, incluídas aquelas que son asintomáticas para a enfermidade. A investigación demostrou que os picos nos casos dentro das poboacións maiores aumentan pouco despois, o que indica que a enfermidade se transmite rapidamente entre os dous grupos. Os autores da carta tamén din que manter illadas entre si ás poboacións de baixo risco e de alto risco é practicamente imposible.

Os autores coinciden en que sen unha comprensión completa de como a Covid-19 afecta a diferentes poboacións, depender da inmunidade colectiva podería conducir a picos grandes e duradeiros en novos casos, unha carga excesiva para os sistemas de atención médica, desaceleración económica e potencialmente miles de mortes.

Suecia foi noticia ao principio da pandemia por adoptar un enfoque máis laxo na xestión da Covid-19. Non confinaron e non animaron a usar máscaras. Os funcionarios suecos parecían apostar por lograr rápidamente a inmunidade colectiva. Suecia sufriu unha das taxas de morte máis altas de calquera nación europea e o seu enfoque foi criticado por funcionarios de saúde de todo o mundo.

Os expertos que asinaron esta carta están de acordo unanimemente en que a inmunidade colectiva é un enfoque perigoso e pouco confiable para controlar a Covid-19. Argumentan que as medidas de protección como o uso de máscaras, a restrición do tamaño das reunións persoais, así como as probas, o rastrexo de contactos e o illamento de casos positivos ofrecen a mellor esperanza de controlar o virus ata que haxa unha vacina dispoñible.

“A evidencia é moi clara: controlar a propagación comunitaria de Covid-19 é o mellor xeito de protexer as nosas sociedades e economías ata que cheguen vacinas e terapias seguras e efectivas nos vindeiros meses”, conclúen. “Non podemos permitirnos distraccións que socaven unha resposta eficaz; é fundamental que actuemos con urxencia baseándonos na evidencia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.