Venres 19 Abril 2024

Restaurar, rehabilitar, recuperar ou reconstruír un ecosistema?

Xusto Rodríguez explica os matices e diferenzas entre algúns termos vinculados ao Día Mundial do Medio Ambiente, que ás veces se empregan de forma imprecisa

Despois de dous anos de hibernación, moitos pensariades que a parada era xa unha defunción (✝RIP). Pero levabamos tempo pensando en resucitar esta sección, e o Día Mundial do Medio Ambiente deste ano pareceunos unha boa ocasión: que se elixise como tema a restauración de ecosistemas, xusto cando pensabamos en “restaurar” Un idioma preciso, era unha coincidencia merecente de ser aproveitada.

Por iso, nesta primeira precisión “resucitada” fixarémonos nuns cantos termos vinculados a esa conmemoración, que ás veces se empregan de forma imprecisa. Imos alá:

Publicidade

  • O máis ambicioso deles é a restauración ecolóxica. Chámaselle así ao proceso de asistencia á recuperación dun ecosistema degradado, danado ou destruído por accións externas, que busca devolvelo integralmente ao seu estado previo á degradación. Tamén se lle chama, por veces, restauración de ecosistemas, pero outros especialistas reservan esta denominación para as actuacións de recuperación que atenden máis á achega de servizos ecosistémicos ca á propia restauración integral.Esta restauración pode ser activa, se hai intervención humana directa para orientala e acelerala (replantando especies, por exemplo), ou pasiva, cando a intervención se limita a eliminar os elementos que causaron a degradación, e deixa despois que o ecosistema se recupere por si mesmo.
  • A rehabilitación ecolóxica ou rehabilitación de ecosistemas é un proceso menos ambicioso. Non aspira a devolverlle a un ecosistema as características previas á degradación, pero intentar recuperar ao máximo a súa funcionalidade, produtividade e os servizos ambientais que pode producir. Por ese motivo, permítense intervencións como a introdución de especies inexistentes no ecosistema previo, que non terían cabida nunha restauración.
  • Se os terreos estan tan degradados que non é posible recuperar nin a estrutura nin a funcionalidade do ecosistema orixinal, adoita poñerse en marcha unha recuperación de terreos: un conxunto de prácticas que aspiran a devolverlles a eses espazos valor para a natureza ou a agricultura aínda que sexa a niveis modestos. Cando se actúa sobre espazos industriais ou mineiros, sobre entulleiras, ou cando se converte un vertedoiro nun parque, vemos actuacións deste tipo.
  • Por último, se o ecosistema debe ser reconstruído na súa totalidade, ou se se tomou a decisión estratéxica de instalar un ecosistema totalmente diferente do preexistente, do que falamos é dunha reconstrución ecolóxica ou creación de ecosistemas, como cando se crea un lago nunha antiga explotación mineira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así era o castelo de Rocha Forte: reconstrúen en 3D a maior fortaleza medieval de Galicia

Unha empresa galega crea unha imaxe virtual do recinto, construído no século XIII e destruído durante as revoltas irmandiñas

Desertización ou desertificación: o deserto faise ou facémolo?

As dúas palabras existen en galego pero difiren no significado, diferenciando entre o proceso natural e o inducido pola acción do home

O “solraio”, un tiburón de fóra cun nome de fóra

Unha exemplar desta especie de tiburón de augas profundas foi avistado por primeira vez en augas galegas a semana pasada

As “guerras xurídicas”, ou cando os xuíces fan política

O anglicismo "lawfare" fai referencia ao uso ilexítimo que os poderes xudiciais fan do sistema legal, mais en galego non se debe empregar ese termo