Venres 19 Abril 2024

Precisións refornadas 1: o mix enerxético

A suba do recibo da luz fixo que volvésemos oír falar do mix enerxético: que alternativas temos no galego para designar este concepto?

Co texto de hai un par de semanas sobre as variantes da COVID-19 superamos un fito importante: chegamos ás 200 publicacións en distintos medios (Canalciencia.com, O Cartafol, aquí en GCiencia, no propio web do Servizo de Normalización Lingüística ou ata en libro).

E parécenos que unha boa forma de conmemoralo é recuperando durante as vindeiras semanas textos xa publicados, pero que gañan de novo interese por trataren termos ou expresións que volven aparecer nos medios de comunicación ou na conversa pública.

Publicidade

E como a suba do recibo da luz que xa temos enriba fixo que volvésemos oír falar do mix enerxético, aquí quitamos do forno este texto de 2014, fresco coma o primeiro día.

Cócteles de enerxías: “energy mix”

A expresión mix enerxético designa o ‘conxunto das fontes primarias (carbón, petróleo, gas, nuclear, hidroeléctrica, eólica, solar…), coa súa ponderación relativa, empregadas nun momento determinado para a produción enerxética nun determinado espazo xeopolítico (estado, rexión…)’. É, xa que logo, unha fotografía que sinala as fontes que se usan e a porcentaxe que cada unha delas representa sobre o total.

Desde o punto de vista lingüístico, a expresión constrúese como un híbrido de calco (que nos debería levar a “mestura enerxética” ou “combinación enerxética”) e de importación directa da forma inglesa (energy mix), mecanismo tamén empregado noutras linguas europeas (mix de energía ou mix energético en castelán, mix energétique en francés, ou mix energético en portugués). Pero en todos estes idiomas podemos atopar recomendacións que invitan a prescindir dos híbridos e potenciar o emprego de alternativas que exclúen a importación do mix inglés, como combinación energética, surtido energético ou matriz energética en castelán, bouquet énergétique en francés ou cabaz energético en portugués.

Tendo en conta iso, parece que en galego debería optarse por un camiño paralelo, evitando o emprego de de mix enerxético e substituíndoo por algunha das denominacións alternativas que se documentan nas fontes reais (cesta enerxética, combinación enerxética, mestura enerxética…).

De ter que elixir unha delas, esta sería cesta enerxética, xa que o uso de cesta co valor metafórico de ‘conxunto e cantidade de produtos que son consumidos por parte de X nun momento determinado’ ten plena vitalidade en expresións como cesta da compra.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Baterías con selo galego: así serán as futuras tomas de corrente transportables

Os equipos enerxéticos de Enercraft están fabricados con electrónica feita en Galicia

EEUU confirma o logro da fusión nuclear: “Simulamos unha estrela. Fixemos historia”

O Departamento de Enerxía dos EE.UU. logra, por primeira vez, que unha proba de fusión nuclear consiga producir máis enerxía da que consome

A UVigo aplica un plan de medidas urxentes para reducir ata un 30% o consumo enerxético actual

A xestión da calefacción e da climatización e o axuste da iluminación son accións prioritarias

As palabras que chegan coa calor

As altas temperaturas destes días invitan a reflexionar sobre que termos é mellor utilizar en galego para fuxir dos castelanismos