Os termos que a erupción de La Palma saca á superficie

Estamos oíndo e lendo unha chea de expresións relacionadas con vulcanoloxía coas que tivemos que familiarizarnos a fume de carozo

volcán La Palma
Una casa ameazada pola coada en La Palma. / Alfonso Escalero (I Love the World)

Desde este domingo pola tarde estamos oíndo e lendo seguido unha chea de termos e expresións relacionadas con vulcanoloxía coas que tivemos que familiarizarnos a fume de carozo se queriamos entender as informacións sobre a erupción do Cumbre Vieja, na illa de La Palma.

Antes da propia erupción aprendemos o que era un enxame sísmico, esa sucesión de pequenos tremores que anunciaba a propia erupción. Cando esta chegou, descubrimos que era de tipo estromboliano (e que tamén podía haber erupcións hawaianas, vulcanianas, peleanasplinianas e ultraplinianas), e que a nube de fume que viamos nas nosas pantallas era un pirocúmulo, un tipo de nube que xa descubriramos vinculada aos incendios forestais.

Contáronnos tamén que a erupción tiña un nivel 2 no índice de explosividade volcánica, unha escala con graos desde o 0 ata o 8, e que ese nivel viña determinado polas características da propia erupción, a altura da columna eruptiva e o volume de material expulsado. Só por comparar, á erupción do volcán da illa de Krakatoa, en 1883, asignóuselle un índice 6.

Cando o magma comezou a xurdir desde as bocas (xa 9) do volcán, pasando a ser lava, aprendemos o que eran os piroclastos e os diferentes nomes que se lle dan en función do seu tamaño: cinza volcánica, se non superan os 2 mm de diámetro; lapilli, entre os 2 e os 64 mm; e bombas volcánicas, se son meirandes. E puidemos ver como as coadas comezaban a fluír monte abaixo arrasando todo ao seu paso.

No momento de escribirmos isto, estamos pendentes de cando a lava vai chegar ao mar e dos efectos que o dióxido de xofre poida provocar, como a chuvia ácida que hipoteticamente podería provocar o contacto deste gas coa auga das nubes.

Xa vedes canta vulcanoloxía aprendemos no que vai de semana… e moito me temo que nos quedan unhas semanas máis de ir descubrindo máis conceptos relacionados coas erupcións volcánicas. Oxalá fose por curiosidade científica e non por unha catástrofe natural coma esta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.