Xoves 18 Abril 2024

Monopatinaxe, softbol e outros novos deportes olímpicos

Na hora da inauguración dos Xogos Olímpicos de Tokio, pousamos os ollos sobre eles e sobre os novos deportes que se incorporan a esta edición da competición

Nestas horas en que se están inaugurando os Xogos Olímpicos de Tokio parece un bo momento para pousar os ollos sobre eles e sobre os novos deportes que se incorporan a esta edición da competición. E terá un lingüista algo interesante que contar sobre eles?

Dalgúns, como o surf ou a escalada deportiva, ben pouco, a verdade… Os nomes que lles damos en galego son ben coñecidos, e non lle crean dúbidas a ninguén. Unicamente, apuntar que os deportistas que os practican son, respectivamente, os surfistas (non son surfeiros) e os escaladores. Pero, atención aos outros deportes porque…

Publicidade

A arte marcial de orixe xaponesa que se estrea como disciplina olímpica en Tokio é o karate (non kárate), pois inténtase reproducir aproximadamente a pronuncia do xaponés orixinal. E quen practica este deporte é un karateka.

Tamén é olímpico o béisbol —con acentuación grave—, pero só na competición masculina, pois as mulleres van competir na variedade denominada softbol —con acentuación aguda. Se pensamos en fútbol ou en voleibol é doado decatarse de que os nomes de deportes que en galego rematan en –bol oscilan entre estas dúas pronuncias.

E o novo deporte olímpico que nos falta é a monopatinaxe (nome que aconsella a Real Academia Galega para evitar a expresión inglesa skateboarding). E o deportista que o practica é un monopatinador (e non un skater).

E xa que estamos, imos rematar fixándonos tamén no nome da propia competición: podemos usar indistintamente xogos olímpicos e olimpíadas (non olimpiadas, ollo ao til no segundo -i-) para referirnos a ela (os Xogos Olímpicos ou as Olimpíadas de Tokio). Pero ademais, a segunda expresión tamén fai referencia ao ‘período de catro anos comprendido entre dúas celebracións consecutivas de xogos olímpicos’.

E o mesmo ocorre coa parella xogos paralímpicos (non paraolímpicos) / paralimpíadas (non paraolimpíadas). Podemos empregar calquera das dúas para referirnos á ‘competición deportiva internacional para persoas con discapacidade que se celebra cada catro anos na mesma sede que os xogos olímpicos, unha vez que estes finalizan’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As palabras que chegan coa calor

As altas temperaturas destes días invitan a reflexionar sobre que termos é mellor utilizar en galego para fuxir dos castelanismos

Expertos presentados en paneis

A día de hoxe, os dicionarios galegos non recollen a palabra "panel" co significado que ten en inglés, pero a súa incorporación será cuestión de tempo

Pagar as autovías con recortes de Mafalda?

A vindeira medida sobre as peaxes por circular neste tipo de estrada pon o foco sobre a cuestión do futuro sistema de pagamento: por uso, ou por viñeta?

Ciclóns no Mediterráneo: os medicanes

O quecemento global está a provocar fenómenos ata agora pouco frecuentes, como os ciclóns que se xerarán no Mediterráneo central e oriental