Xoves 28 Marzo 2024

No minguante da lúa non sementes cousa algunha

Calquera labrego galego sabe cando hai que sementar as patacas ou as verzas, cando hai que trasfegar o viño, cando hai que cortar a leña ou cando hai que podar as froiteiras e as cepas. Por exemplo (polo menos na miña zona) as patacas seméntanse polo mes de marzo na lúa vella e cóllense polo mes de xullo na mesma lúa. As verzas seméntase tamén polo mes de febreiro na lúa vella. Para trasfegar o viño prefiren o cuarto minguante e para cortar a madeira para a lareira fano na lúa vella. Se queredes iniciarvos como labregos e non coñecedes estas normas recoméndovos unha boa páxina, da fundación Galicia Verde, chamada 365 días. Teño que dicir que en realidade eu coñezo dous tipos de labregos: os que seguen as fases da lúa e os que non, e ata o de agora non teño atopado diferencias apreciables nos resultados de cada quen.

Como bo científico propúxenme pescudar que había de certo e demostrable nesa asociación entre fases da lúa e produción agrícola. Teño que dicir que poucos estudios científicos atopei e a maioría deles correspondían a estudos feitos en países latinoamericanos. Un estudio feito en Ecuador sobre produción de chícharos atopaba maior produción nos sementados en cuarto crecente ou lúa vella. Outro estudo feito en Costa Rica sobre produción de iuca atopa vantaxes sementando en lúa nova ou cuarto crecente. Un terceiro estudio feito en Brasil sobre cultivo de leituga e brócoli amosou que sementando en cuarto crecente conseguíanse plantas de maior peso e volume. Outro estudo feito en Nicaragua sobre a produción de millo constatou maior produción sementando en cuarto crecente e lúa nova. Claro que non todos os estudios sobre a influencia da lúa deron resultados positivos. Atopei un estudio colombiano sobre produción de plátanos que non atopou diferencias significativas.

Publicidade

Luna1blogUnha vez constatado que podería haber esa influencia da lúa sobre os cultivos falta establecer hipóteses que expliquen esa asociación. Aínda que a maioría dos traballos antes mencionados aportan as súas propias explicacións, un excelente traballo que desenvolve con bastante profundidade diferentes aspectos desa asociación é un traballo publicado en Ecuador en 2012 e que fala de dúas causas fundamentais:

    • O zume: o mesmo que a auga do mar, este líquido vese afectado polas fases da lúa. O zume ascende polo talo no cuarto crecente, acumúlase nas follas na lúa vella, volve descender no cuarto minguante e acumúlase nas raíces e partes baixas na lúa nova. Se podas unha árbore en cuarto minguante sangrará menos e cicatrizará antes (hai menos zume na parte alta). Pola contra un enxerto debería de facerse en cuarto crecente cando hai mais zume.
    • A luminosidade: é evidente que na lúa vella hai mais luz e iso afecta tanto ao crecemento vexetativo da planta, como a proliferación de insectos, vermes e demais (hainos que prefiren a escuridade e outros a luz). Tamén se fala da penetración da luz no chan. Así xustifican por exemplo que as leitugas deban sementarse en cuarto minguante, para que xerminen con pouca luz, o que parece repercutir en que despois teñan menos tendencia a “saírse” (subir a flor e facerse inservibles).

Despois de adicar un par de semanas a investigar sobre este tema sigo sen ter unha opinión clara. Non conseguín atopar un estudo serio, concluínte, publicado nunha revista de primeiro nivel e referenciado amplamente que constate esa relación entre fases da lúa e tarefas agrícolas. Pero tamén debo dicir que a miña incrédula opinión inicial ten mudado un pouco … parece que algo hai, aínda que non poda afirmar exactamente o que. Sen ser un experto no tema, a miña opinión é que hai evidencias de que a lúa inflúe en moitas tarefas agrícolas, pero coido tamén que esa influencia é tan feble que o seu efecto é case desprezable fronte a outros condicionantes: estado do solo, temperatura, humidade, etc.

Para finalizar quero mencionar un interesante estudo feito por uns alumnos do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña no que estudaron o crecemento de plantas de asubiote (albahaca) sementado nas catros fases lunares. E para manter o suspense non digo mais, invítovos a que o leades. Só vos digo que … as cousas non son o que parecen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

A Lúa non ten ceo

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de “E se estivésemos equivocados? E se a Terra...

Un equipo de Vigo busca solucións para colonizar a Lúa

Xunto con investigadores de Oviedo, realizaron ensaios nas covas volcánicas de Lanzarote pola sús analoxía coas cavidades lunares

Os vermes que ameazan os cultivos multiplícanse en Galicia: a praga que ninguén esperaba

O crecemento desmesurado desta poboación vén provocado polas altas temperaturas e a humidade entre o final do verán e o inicio do outono