Desertización ou desertificación: o deserto faise ou facémolo?

As dúas palabras existen en galego pero difiren no significado, diferenciando entre o proceso natural e o inducido pola acción do home

En galego pódense empregar as dúas palabras pero non significan o mesmo. Foto: Unsplash
En galego pódense empregar as dúas palabras pero non significan o mesmo. Foto: Unsplash

Coma todos os anos, o pasado 17 de xuño a ONU conmemorou os esforzos que se desenvolven en todo o mundo para frear o avance dos desertos e da seca. Fíxoo a través do World Day to Combat Desertification and Drought, e foi esta denominación a que nos deu o tema para o apuntamento de hoxe: se queremos citala en galego debemos usar desertizacióndesertificación ou calquera das dúas?

Para atopar unha resposta temos que rastrexar uns cantos dicionarios. O Dicionario da RAG e algún outro só recollen desertizar e/ou desertización, sen facer referencia ningunha a “desertificación”, nin para indicar que significan o mesmo nin para desaconsellar o seu uso. Temos que ir a TERGAL para atopar —tamén co aval da RAG— as dúas formas, cada unha delas cun significado particular. Mentres que a desertización se define como o proceso de conversión en deserto provocado por un ‘cambio progresivo do clima’, a desertificación débese á ‘destrución da vexetación e do solo producida pola acción do home’.

Parece logo, que a recomendación para o galego é a de diferenciar os dous substantivos, segundo a man humana teña ou non un papel directo na formación do deserto. 

Esta diferenciación recoméndase tamén en fontes portuguesas ou catalás, pero outras linguas veciñas optan por ignorala, de xeito máis ou menos explícito. É explícito o castelán, pois o Diccionario da RAE trata desertizar e desertificar como sinónimos; e non o é tanto o inglés, lingua en que se discute a pertinencia da diferenciación, aínda que na práctica desertification emprégase maioritariamente para nomear calquera proceso de conversión en deserto, con independencia do axente causante).

En calquera caso, e con independencia do que se faga noutras lingua, en galego é pertinente manter a diferenciación entre desertización desertificación, así que o que a ONU celebrou o pasado 17 de xuño foi o Día Mundial de Loita contra a Desertificación e a Seca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.