Xoves 28 Marzo 2024

Descubrindo a fauna de Madeira

O arquipélago de Madeira é un lugar excepcional para a observación de especies macaronésicas. Ademais conta con numerosos endemismos. De orixe volcánica, o arquipélago consta de dúas illas habitadas, Madeira e Porto Santo, e tres illas menores non habitadas ao suroeste da capital Funchal, coñecidas como Ilhas Desertas (Ilhéu Chão, Deserta Grande, e Ilha do Bugio).


Na illa principal, a de nome Madeira, atópanse restos do primitivo e denso bosque húmido, común na Macaronesia (este termo provén do grego makárôn nêsoi, que significa ‘illas afortunadas‘). Os bosques de Laurisilva de Madeira cubrían antigamente sen interrupción case toda a illa, antes de que os colonizadores lle pegasen lume en parte (e quizais de xeito accidental), para seguidamente establecer granxas e cultivos. Actualmente, estes bosques relictos son Patrimonio da Humanidade pola Unesco desde 1999.

Publicidade

Reserva natural de Ponta de São Lourenço. Foto: G. Mucientes.
Reserva natural de Ponta de São Lourenço. Foto: G. Mucientes.

Este hábitat orixinouse no período Terciario e nas últimas glaciacións reduciuse á rexión biogeográfica de Macaronesia, que inclúe tamén aos arquipélagos de Canarias, Azores e Cabo Verde. O bosque de laurisilva atlántico aparece naquelas illas con montañas habitualmente anubradas, xeralmente nas ladeiras setentrionais entre os 600 e 1500 metros de altitude. As lauráceas son as plantas predominantes, acompañadas de fentos, salvias (Salvia spp.) e cinerarias (Cineraria spp.), así como carrouchas (Erica spp.) e fayas (Myrica faya).

Existen numerosos endemismos no arquipélago debido ao seu illamento xeográfico. Isto é especialmente notable no caso dos moluscos terrestres e sucede de forma significativa nos insectos. Os invertebrados son o grupo con maior interese na zona protexida de Ponta de São Lourenço. Na actualidade coñécense 35 especies de moluscos terrestres na zona, das cales 24 son endémicos. En Ilhéu do Desembarcadouro identificáronse 14 especies, 12 delas endémicas, e no Ilhéu do Farol 13 especies, 11 delas endémicas.

Nubes baixas entre nas montañas do interior da illa (foto: G. Mucientes)
Nubes baixas entre nas montañas do interior da illa (foto: G. Mucientes)

O número de especies de aves rexistrado no arquipélago é de 336 (Avibase, 2016). Entre as aves endémicas presentes no bosque de laurisilva atopamos o Bis Bis (Regulus ignicapillus madeirensis), o pinzón de Madeira (Fringilla coelebs madeirensis) e a pomba de Madeira *Columba trocaz). Outras especies frecuentes son o bisbita caminero (Anthus bertheloti madeirensis), o xílgaro (Carduelis carduelis parva), o pardal chillón (Petronia petronia madeirensis) e o canario (Serinus canaria canaria).

En relación á fauna propiamente mariña, cabe destacar o petrel Freira ou de Madeira (Pterodroma madeira), que é unha das aves mariñas máis ameazadas do mundo e que se atopa exclusivamente na illa de Madeira. Este petrel foi considerado extinto ata ser re-descuberto en 1969. Soamente se achega a terra durante a época de reprodución entre finais de marzo e mediados de outubro; os niños son construídos en áreas inaccesibles do macizo montañoso central de Madeira, por riba dos 1400 metros de altitude e escavados no chan formando túneles de máis de 1 metro de lonxitude. Tamén podemos observar a pardela cincenta (Calonectris diomedea borealis), o petrel de Bulwer (Bulweria bulwerii), o paíño de Madeira (Oceanodroma castro) e o carrán común (Sterna hirundo).

Os seus fondos mariños non son especialmente exuberantes a primeira vista segundo puidemos apreciar nas inmersións que realizamos no seu litoral. Unha interesante vantaxe é que se pode practicar submarinismo saíndo directamente desde terra, xa que enseguida se alcanza unha boa profundidade. É importante ter previsto o punto de saída da inmersión, debido a que a liña de costa da illa é eminentemente roca calcaria abrupta e sen praias naturais o que dificulta en gran medida un retorno seguro.

Segundo a bibliografía existente, no litoral de Madeira están catalogadas unhas 226 especies de peces (Wirtz et al., 2008), posteriomente ampliado a 766 (Carneiro et al., 2014). Na inmersións costeiras pódense contemplar especies tales como o mero (Epinephelus marginatus), mojarra (Diplodus vulgaris), bodión ou vella (Sparisoma cretense), dentón (Dentex dentex), pargo común (Pagrus pagrus), serrano imperial (Serranus atricauda), xurelo negro (Trachurus picturatus), pejeperro (Bodianus scrofa), peixe verde (Thalassoma pavo), fula negra (Abudefduf luridus), lisa (Liza aurata), boga (Boops boops), fula branca (Chromis limbata), Canthigaster capistrata, doncela (Coris *julis), pastinaca (Dasyatis centroura), abade (Mycteroperca fusca), morena negra (Muraena augusti), roncador (Pomadasys incisus), anguía xardineira marrón (Heteroconger longissimus), salpa (Sarpa salpa), rascacio de Madeira (Scorpaena maderensis), peixe trompeta atlántico (Aulostomus strigosus), barracuda (Sphyraena viridensis).

madeira3

Se nos fixamos nos invertebrados mariños, destacan as lapas (Patella piperata), cigarras (Scyllarides latus), Batzella inops, Aglaophenia pluma, ourizo diadema (Diadema antillarum), Telmatactis cricoides, verme de lume (Hermodice carunculata), Pachycerianthus dohrni, gamba limpadora (Lysmata grabhami).

madeira4

A foca monxe (Monachus monachus) está presente no arquipélago fundamentalmente nas illas Desertas, aínda que poden darse avistamentos en Madeira. A súa poboación estímase nuns 40-50 exemplares, que multiplicou por catro o seu número en 25 anos. En 1988 a poboación roldaba os seis/oito exemplares debido á persecución que sufrían para usos comerciais e, máis tarde, debido á interacción coa pesca.

As illas en xeral son lugares fascinantes onde podemos facer infinidade de preguntas evolutivas, que nos poden levar a respostas tan radicais como para cambiar a nosa forma de ver a bioloxía, e se non é así, polo menos aplacan a nosa necesidade de coñecer e observar novas especies.

Ecoloxía azul

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os centros galegos de recuperación atenderon máis de 4.000 animais no que vai de ano

A Xunta incide no grande papel que teñen estas instalacións no coidado dos animais que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural

Estes son os danos que provocan as vagas de calor na saúde animal

Expertos galegos indican que varias especies sufriron queimaduras, golpes de calor e incluso a morte derivada das altas temperaturas

As nove especies de fauna e flora ameazadas polo megaproxecto industrial de Palas de Rei

A multinacional portuguesa Altri quere construír unha fábrica de fibras téxtiles na comarca da Ulloa, nun espazo ambiental sensible e preto da Rede Natura

Por que morren as aves nos tendidos eléctricos?

As colisións contra estas instalacións eléctricas son a principal ameaza e causa de morte para varias especies ameazadas