Os cíclidos son especies moi aprezadas en acuariofilia.

De verdade teñen os peixes ‘memoria de peixe’?

O biólogo Antonio Figueras analiza neste novo artigo o mito de que os peixes non poden almacenar recordos

Moito empregamos a expresión “memoria de peixe” para referirnos á nosa mala memoria ou á dos demais. De feito Dory, da película Buscando a Nemo, sofre un trastorno de perdida da memoria a curto prazo, coñecido médicamente como amnesia anterógrada, que é a incapacidade de lembrar información recente ou formar novos recordos. Pero… teñen ou non teñen memoria os peixes?

Cremos que os peixes teñen unha capacidade de memoria de só 30 segundos, pero científicos canadenses demostraron que isto está lonxe da realidade porque, de feito, estes animais poden lembrar o contexto e diversas asociacións ata 12 días despois.

Os peixes revelaron ter memoria a longo prazo.

Estas investigacións leváronse a cabo con cíclidos, unha familia de peixes de grande éxito evolutivo, maiormente de auga doce, e moi atractivos para a Acuariofilia e para o estudo da evolución de especies, porque evolucionaron moi rapidamente un gran número de especies moi relacionadas, pero con características morfolóxicas moi diversas dentro dos grandes lagos de Africa.

En xeral, os cíclidos teñen fama de agresivos e territoriais. Aínda que hai especies que se saltan esta norma, a gran maioría posúen certo grao de agresividade cara a outros peixes que penetren no seu territorio. Segundo as especies, hainas con territorio permanente, con territorio só en época de cría, ou totalmente gregarios.

Os machos da mesma especie non adoitan aceptarse. Tenden a formar parellas que manteñen para sempre, ou haréns (máis dinámicos). No experimento, cada peixe foi adestrado para entrar nunha zona concreta do acuario para recibir un premio de comida, con cada sesión de adestramento cunha duración duns 20 minutos.

O tempo de atención do peixe foi maior que o dos humanos.

Despois de tres días, deron aos peixes un tempo de descanso de 12 días e logo se lles reintroduxo na súa área de adestramento e gravaron os seus movementos. Os investigadores viron que os cíclidos amosaron unha clara preferencia pola área asociada coa recompensa de comida, o que suxire que lembraron as experiencias anteriores do adestramento.

Os investigadores responsables do traballo conclúen que, para os peixes que viven en estado salvaxe, a capacidade de asociar lugares coa comida podería ser vital para a súa supervivencia. Os peixes que lembran onde se atopa a comida teñen unha vantaxe evolutiva sobre aqueles que non. Se son capaces de lembrar que certa área contén os alimentos sen a ameaza dun depredador, lograrán volver a esa zona.

Os cíclidos silvestres teñen unha dieta variada que inclúe pequenos peixes, insectos e plantas. Pénsase que aprenden a asociar localizacións coa súa fonte preferida de alimentos.

O investigador elixiu os cíclidos para o seu estudo debido a que moitos donos destas mascotas considéranos moi intelixentes. Un deles mesmo lle confesou que cría que o peixe «vía a televisión con el». Ademais os peixes, non só son capaces de lembrar un lugar concreto, senón que tamén memorizan formas, cores, sons e mesmo a cara dos seus coidadores. Noutros experimentos que demostran que, ademais dunha gran memoria, teñen un tempo de atención, sen distraccións, de nove segundos, un segundo por enriba do dos seres humanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.