Sábado 20 Abril 2024

O coronavirus non parará nas cidades, e por iso temos que calmarnos e coidarnos

A emerxencia sanitaria e social que Galicia afronta co SARS-CoV-2 leva a mirar tamén cara as zonas que non están no foco mediático

Todo está indo moi rápido. As informacións e as conversas de 48 ou 72 horas atrás xa parecen dun tempo moi afastado. A sucesión de cifras, as decisións políticas sen precedentes e o impacto social e económico que esta crise vai ter abócanos a un escenario inédito. Non cabe dúbida que se superará, máis pronto ca tarde, pero nunha sociedade acostumada a buscar a transcendencia ata nos actos máis insignificantes, custa albiscar a relevancia dos días que están por vir. Por iso é máis necesaria, se cadra, a calma, a responsabilidade e a solidariedade.

O pánico non é bo compañeiro de viaxe, mais resulta complicado que non apareza nestes momentos. Nas últimas horas, co aumento do número de persoas afectadas pola Covid-19, as vilas e os pequenos municipios e aldeas de Galicia están nunha fase crítica que debe ser asumida e transmitida con calma e sen alarmas. Ata o de agora, os datos difundidos aos medios polas autoridades sanitarias en Galicia, ao repartilos por sete áreas de xestión co nome de cada unha das sete principais cidades,  levaban a instaurar unha sensación de “falsa seguridade” a medida que nos afastabamos dos grandes núcleos urbanos. Pero non é así, xa que estas áreas (A Coruña-Cee; Santiago e Barbanza; Ferrol; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; Vigo, e Lugo, A Mariña e Monforte) abranguen todo o territorio galego. E como tal, tamén poden xurdir casos.

Publicidade

Nos últimos días, tanto nas redes sociais como nas rúas de Galicia antes do confinamento, comezaron a circular boatos, rumores e algunha certeza. O matrimonio, o grupo do instituto ou os traballadores que volven dunha viaxe a zonas de transmisión comunitaria. Os estudantes, os emigrantes ou os turistas que, por imprudencia (seguro que todos cometemos algunha imprudencia, maior ou menor, nestes últimos sete días) chegaron desde outras comunidades. E nas últimas horas o marcador comeza a correr na Costa da Morte, no Salnés ou na Mariña de Lugo, como se o SARS-CoV-2 acabara de chegar alí. E non, posiblemente xa leva varios días propagándose, mentres todos nós, algúns máis ca outros, coma sempre, eramos imprudentes. Por iso o recomendable é non alarmarse e seguir as recomendacións que nos fan chegar as autoridades.

As cifras que lemos sobre persoas afectadas (máis do 80% deles con síntomas leves e mesmo sen eles, lembrémolo, aínda que igualmente transmisores) comezan a afastarse da magnitude real do problema. Antes que ter un contador de afectados, o importante agora é atender aos que de verdade o precisan. Esta é a razón pola que case todo o mundo está lendo isto desde as súas casas. E precisamente por iso, por estar na casa, vaise frear o máximo posible a crise, porque por agora aínda non se conseguiu viaxar no tempo, e moito que xa pasou non se pode arranxar. Outras persoas, as encargadas de que o mérito da gran maioría consista en quedar na casa (repoñedoras, caixeiras, transportistas, limpadoras, farmacéuticas, enfermeiras, médicas, informáticas, funcionarias, etc., e desculpas se esquezo alguén) farán o posible para que sigamos en pé. Haberá tempo para reflexionar, corrixir e aprender.

As fotografías que abren os xornais, como a gran maioría dos días normais, son as das grandes cidades. Pero a realidade, como todos os días, segue adiante tamén no resto das vilas e aldeas de Galicia. Os traballadores e traballadoras antes citados, os concellos, as entidades veciñais e moitas persoas de forma individual, a través das redes de proximidade tecidas durante xeracións, están pendentes dos seus, moitos deles vulnerables. Conseguirano, como o conseguiron tantas veces antes, con menos axudas ca outros. Pero o coronavirus non mira o DNI, nin está máis cómodo nas cidades. Simplemente avanza mentres que non o paren. E aínda que mañá volvamos discutir, hoxe temos que axudarnos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204