Venres 19 Abril 2024

Durme neno, durme xa, que vén a inflación e o teu salario e aforros comerá

A inflación non se cingue só á suba de prezos, e cripto non é só unha moeda descentralizada

Que vén o coco!

— Xefe, por que chamou por min? Que foi?

Publicidade

— Mira Peláez, non teño boas noticias

— É pola miña avaliación anual?

— Non, non, como cada ano o teu rendemento é impecable.

  Uff, entón agora si que estou asustado.

— Non andarei con voltas: o teu soldo vai baixar este ano un 5,5%.

— Xefe, estás de broma?

— Nin moito menos! O meu tamén vai baixar o mesmo.

— Pero que pasa? A empresa vai mal ou que?

— Para nada! A cousa vén de máis arriba, de moi arriba.

— Pensaba que non había máis arriba ca vostede na empresa.

— Así é. Pero ben, teño outra mala noticia. O número que verás na túa nómina é o mesmo de sempre.

— Entón suponse que non me vai a baixar o soldo ou non? Por que tería iso que ser malo? Agora si que xa non entendo nada!

— Pois vaia entendéndoo, Peláez; chámase inflación.

Desculpen se me poño un pouco dramático e dramatúrxico, pero a ocasión creo que o merece. O medo á inflación leva latente desde que puxeron a impresora dos cartos a facer brrr, pero agora fíxose real. A seguinte noticia é desta semana en España, e si, o número do diálogo ficticio non é casual.

Estamos a vivir momentos absolutamente desconcertantes. Hai falta de subministracións en multitude de produtos e materias primas. A loxística parece que non saíu do seu caos dos últimos meses. A enerxía está a un prezo absolutamente desatado, e subindo. Non hai man de obra suficiente en moitos países e sectores. E para saír da crise sanitaria creouse diñeiro da nada como nunca na historia. Case nada!

Por iso a continuación vou contarche o que vai suceder nos próximos meses e como seguindo tres sinxelos pasos poderás triunfar nesta complexa situación… Non, é broma! O sitio das solucións máxicas non é este, xa o sabedes, queridos lectores. Pero podedes subscribirvos e darlle ao like igualmente.

A situación é preocupante. A inflación non é un temor, é un feito. Pero estarás a pensar que un 5,5% de perda de poder adquisitivo tampouco é tan tremendo. Vivimos un shock mundial no que paramos todo e poñer a maquinaria en marcha outra vez é moi complicado. Quizá esta situación é temporal e dure un par de meses. Pois si, é posible e tamén desexable que a situación sexa temporal.

Outra opción é que a inflación dure uns cuantos anos e por tanto erosione o poder adquisitivo de forma moi importante. Os salarios poderían axustarse á inflación e xa non habería tanto problema salvo para os aforradores. Pero para subir os salarios é necesario crecemento económico. E se hai inflación e non hai crecemento económico? Pois entramos nun terreo temido por moitos economistas chamado estanflación (estancamento + inflación).

Pero non entremos en pánico aínda, o noso amigo Jack, CEO de Twitter e destacado líder da comunidade cripto ten algo que contarnos:

Se a estanflación dá calafríos, a hiperinflación dá medo racional. O exemplo típico de  hiperinflación é a Alemaña dos anos 20, na que este señor vai comprar unha barra de pan cunha carretilla de billetes no canto dun pequeno moedeiro. O que veu historicamente despois diso non foi bonito e actualmente xa asoma a patiña en Europa.

Asustado? Hoxe é o seu.

Feliz Samaín!

Inflación, domina o xogo

A inflación é o aumento xeneralizado e sostido dos prezos dos bens e servizos existentes no mercado. Cando o nivel xeral de prezos sobe, con cada unidade de moeda adquírense menos bens e servizos. É dicir, que a inflación reflicte a diminución do poder adquisitivo da moeda. Unha medida frecuente da inflación é o índice de prezos, que corresponde á porcentaxe  anualizado da variación xeral de prezos no tempo.

(Inflación na Wikipedia)

A inflación está intimamente relacionada coa cantidade de diñeiro que existe. Se creamos novo diñeiro da nada ou abaratamos moito o custo de pedir un crédito, a teoría di que debería subir o prezo das cousas, isto é, inflación. Pero en economía dúas mais dúas raramente son catro. Nos últimos anos creouse moito diñeiro da nada e os tipos de interese están en zona negativa, e os prezos non subiron en exceso. Por que? Non o sei. Hai quen pensa que nos últimos anos foi a bolsa a que sufriu unha gran inflación e non tanto a economía “de rúa”.

E nestas chega unha pandemia que para o mundo e xera un custo xigantesco. A solución foi imprimir aínda máis diñeiro. Paréceme complicado facer un xuízo severo sobre a toma desta e outras decisións neste contexto por razóns evidentes. Ademais non achega gran cousa. A cuestión é que metemos máis leña ao lume e empeza a facer calor.

Os Simpsons volven facelo: o billete dun trillón de dólares podería ser unha realidade.
Os Simpsons volven facelo: o billete dun trillón de dólares podería ser unha realidade.
A moeda de platino dun trillón de dólares concíbese como un truco para evitar o teito de gasto.
A moeda de platino dun trillón de dólares concíbese como un truco para evitar o teito de gasto.

Aínda sendo por cuestións técnicas de legalidade estadounidense, a posibilidade de que exista unha moeda dun trillón de dólares como sucedía no famoso capítulo dos Simpsons é outro simpático capricho do destino. A impresión de diñeiro feita moeda. Será a icona desta época como a carretilla de billetes da Alemaña dos anos 20? Espero que non.

Que podo facer?

Pois tendo claro que non hai solucións máxicas, a resposta a este escenario é tan fácil de enunciar como difícil de realizar. Reducir a cantidade de moeda que atesouramos e intercambiala por activos valiosos, é dicir, cambiar aforro por investimento. O ouro é o típico activo que tende a manter o seu valor, lembra o Gold to-Decent-Suit ratio, pero hai moitos máis. Ao final o importante é comprender a diferenza entre valor e prezo, e buscar o primeiro.

Outra forma máis agresiva de protexerse da inflación é mediante o apancamento. Se un crédito hipotecario ten un custo aproximado do 1% e asumimos que o activo non se deprecia e por tanto segue á inflación do 5%, estamos a obter un 4% de desconto anual en números brutos. O problema é que o apancamento é unha arma de dobre fío e ademais o fío está moi afiado.

Deste tema falan sen andrómenas estes pesos pesados do emprendemento e de cripto en España. Creo que atoparás unha interesante relación con esta edición do blogue.

Cripto e a inflación

Como sabes, Bitcoin e blockchain nacen como unha alternativa ao sistema económico e monetario. E a día de hoxe son considerados un activo que eventualmente podería ser unha protección contra a inflación, á vez que un activo sumamente volátil. Pero a cousa vai alén dun simple activo alternativo de investimento. É en certo xeito unha impugnación do sistema.

Recomendo moito este fío do imprescindible Raoul Paul en Twitter. Non fala de inflación, pero si de como estamos diante dun gran cambio na historia nun sentido moi profundo e do papel que xoga o mundo cripto. Tes que lelo, en serio.

O problema da inflación, ademais de toda a perda de calidade de vida que poida supoñer para as persoas que a sofren, reflicte unha perda de confianza na moeda e nas institucións que a xestionan. Non creo que iso sexa algo bo, pero polo menos temos unha alternativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Comadre’, elixida Palabra Galega do Ano 2022

A gañadora conseguiu máis do dobre de votos que 'candorca', a segunda clasificada, con 'ecocidio' en terceiro posto

‘Candorca’, ‘ecocidio’, ‘comadre’, ‘inflación’, ‘autoestima’ e ‘resiliencia’ optan a Palabra do Ano

A votación temática promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié permanecerá aberta ata o 25 de decembro

A historia da creación dun NFT galego

Nos últimos anos xurdiron algunhas experiencias pioneiras cos NFT en galego pero... Cal foi a primeira?