Xoves 25 Abril 2024

Cambio de era: o sistema vai ‘blockchainizarse’

A saída a bolsa de Coinbase foi, probablemente, o fito que marca unha nova era na aceptación e regulación de cripto

Ola! Como vai todo? Hoxe retomo esta bitácora reflexionando sobre o proceso de aceptación do cripto mundo polo sistema financeiro tradicional. E, posteriormente, afondarei no evento que pode ser o fito de referencia nesta relación, a saída a bolsa de Coinbase.

Primeiro ignórante, despois rin de ti, logo atácante, entón ganas.

Publicidade

A frase, supostamente de Gandhi, é moi acaída para a relación entre o establishment e o mundo cripto. O paper de Satoshi Nakamoto e a consecuente posta en marcha da blockchain de Bitcoin non foron moi salientables para o mundo das finanzas. De feito pasaban por ser cousas de friquis da criptografía e cypherpunks. Pero en canto chegou a primeira “burbulla” na que 1 Bitcoin chegou a valer 100$ para despois derrubarse, as gargalladas e desprezos foron importantes. Pero pasou o tempo e o prezo recuperouse, a blockchain de Bitcoin seguiu a funcionar sen ningún problema 24 horas ao día durante máis de dez anos e, entón, empezou a falarse da ameaza que supoñía para o sistema actual. Daquela comezaron os comentarios ameazantes, despreciativos ou directamente as trabas para comprar ou transferir fondos propios a exchanges. Pero seguiu pasando o tempo e as cousas cambiaron, fíxate no contraste destes titulares:

Hai moitísimos mais exemplos, pero aquilo de que “se non podes co teu inimigo únete a el“, está a ser aplicado por boa parte das empresas do mundo financeiro. Tamén fóra deste: xa falamos dos movementos de Tesla comprando Bitcoin á que se sumaron moitas máis compañías.

Non todo o mundo cambiou de opinión tan rapidamente. Recentemente Charlie Munger, o número dous de Warren Buffet, o maior investidor de todos os tempos, fixo unhas simpáticas  declaracións, “Por suposto que detesto o éxito de Bitcoin. Modestamente creo que todo o seu desenvolvemento é noxento e contrario aos intereses da civilización”, dixo.

Estas declaracións mostran que ata os seus detractores asumen o éxito dunha moeda da que o propio Buffet dicía, non moito tempo atrás, que non tiña ningún valor. Os memes e reaccións non se fixeron esperar, incluída a de quen lle lembra os seus grandes investimentos en auga con azucre.

Outro bo exemplo é o banco BBVA, que investiu moi pronto en Coinbase, o que lle reportou grandes beneficios, pero que ten unha longa historia de dificultar ou directamente impedir aos seus clientes que envíen o seu propio diñeiro á empresa da que o banco é accionista. Algo que fan moitos bancos españois. E se estás preguntándote isto, a resposta é si: poden legalmente prohibirche enviar o teu diñeiro onde queiras.

Os outros grandes afectados pola disrupción de blockchain, os bancos centrais, hai tempo que están a discutir como implementar as súas propias moedas dixitais (en inglés CBDC: Central Bank Digital Currency). E, como non podía ser doutra forma, o Yuan dixital é o que parece máis avanzado. Ao principio e sen darlle moitas voltas pensei que simplemente querían poñer o adhesivo blockchain ao que están a facer agora. Pero lendo e reflexionando creo que é moi relevante o interese na cadea de bloques, xa que permite ter un sistema único, programable, auditable e confiable de contabilidade dunha divisa. Cousa que hoxe non hai nin de lonxe. Obviamente será unha criptomoeda moi diferente ás actuais e estará baixo o control das autoridades. Pero se isto non é un exemplo dunha vitoria tecnolóxica, xa non sei que pode selo.

É habitual comparar a aparición de blockchain coa aparición da internet. Hoxe parécenos común, pero cando comezou internet abríase diante nós un novo mundo que estaba nun espazo virtual (en liña) que era diferente pero empezaba a mesturase co espazo real (off line). Para acceder a ese mundo necesitamos que unha compañía de telecomunicacións nos dea acceso ao mundo en liña. De igual forma, moitas cousas que suceden na blockchain (on chain) teñen que relacionarse con outras que suceden no mundo real (off chain) e viceversa. Para iso necesitamos aos oráculos e sobre todo ás casas de cambios. A saída a bolsa de Coinbase simboliza que a peza que permite acceder ao mundo cripto foi aceptada polo sistema. Non é unha empresa que saíu a bolsa, é que o sistema se ‘blockchainiza’.

Coinbase sae á bolsa

El mercado de intercambio de criptomonedas Coinbase se dispara en su debut en bolsa

Coinbase é unha casa de cambios con probablemente a mellor reputación e relación co  establishment dos EUA. Desde hai tempo a súa estratexia consistiu en crear unha plataforma moi sinxela de usar, que só deixa operar con criptomoedas consolidadas e evita produtos que non lle gustan ao regulador como as opcións, os futuros e o apancamento en xeral. A estratexia culminou coa saída a bolsa o día 14 de abril de 2021. Pero isto non fixo máis que empezar.

A historia de Coinbase é moi prototípica do emprendemento nos EUA. Un enxeñeiro de alto nivel chamado Brian Armstrong descobre o mundo cripto en 2010 e queda fascinado. Empeza a descubrir o difícil que é comprar e vender Bitcoin naquela época e decide empezar a programar unha aplicación web para facelo fácil. Armstrong traballaba na xa prometedora compañía Airbnb como enxeñeiro informático na parte de detección de fraudes. Así que decide dedicar o tempo libre á súa idea. Aos poucos vai tomando forma e coñecendo o mundo cripto en profundidade. Cun prototipo funcional decide enviar a súa idea á hoxe mítica incubadora de startups Y Combinator. Acéptano e invisten 150.000$ en Coinbase, o que propicia o seu abandono de Airbnb. Recentemente en Y Combinator sacaron un recomendable artigo contando o que lles chamou a atención de Brian e a súa idea. Tamén se poden consultar as diapositivas de presentación da idea, como a que ves a continuación.

Brian era consciente que necesitaba un compañeiro para esta aventura así que se puxo a buscalo. É como ligar, dicía, así que comezou poñendo un comentario no conocidísimo foro de emprendedores Hackernews e Reddit. Máis de 50 “citas” despois atopou á Fred Ehrsam, con experiencia como trader en Goldman Sachs e coñecementos técnicos. Ambos convertéronse nos fundadores de Coinbase e tamén en compañeiros de piso.

Left to right: Fred Ehrsam and Brian Armstrong

Pois xa estaría. Idea, equipo, plan, financiamento… Pois non! Obviamente a idea de ser a porta de acceso á Bitcoin está estreitamente ligada á adopción desta. Pero entre 2014 e 2017 o mundo cripto estaba morto e estigmatizado. Todo o mundo lle dicia a Brian que era unha mala idea, que Bitcoin era para traficantes, que iso nunca o terían en conta outras empresas, que estaba a desperdiciar a oportunidade de traballar nunha empresa tan potente como Airbnb. Chega 2017, o rexurdimento das criptomoedas. Prezos multiplicados por 10 e unha atención e adopción extraordinaria. Ese estourido era unha grande oportunidade para consolidarse. Pero case os leva por diante. A enorme cantidade de usuarios e operacións que tiñan que realizar levou a problemas técnicos en momentos críticos. A pesar dos erros ese ano conseguiron converterse na casa de cambios máis confiable.

A principios de 2018 Bitcoin toca teito e entramos no criptoinverno. De feito, no inesquecible marzo de 2020, debido ao shock da pandemia, Bitcoin chega aos 4000$, a quinta parte do alcanzado en 2017. Pero durante este tempo Coinbase segue mellorando, implementando novidades e sobre todo preparándose para saír a bolsa. Si, o que parecía unha tolemia inicialmente, comeza a tomar forma en momentos difíciles das criptomonedas. Pero novamente chega outra explosión en 2021, momento no que estaba planeada oferta pública de venda (IPO en inglés). Os astros volvían estar aliñados. Números meteóricos e saída a bolsa.

Con máis de 50 millóns de usuarios, que lles xeraron no primeiro trimestre de 2021 arredor de 1.800 millóns de dólares practicamente só de comisións. Si, só de comisións por intercambio. Imaxina o que poden facer coa grande cantidade de servizos que se lle poden engadir a un exchange. O contraste cos bancos tradicionais é tremendo, e máis cando coincide no tempo con despedimentos masivos en España. Como ademais a sorte futura de Coinbase está relacionada co mundo cripto, algúns investidores tradicionais que prefiren non entrar on chain ven Coinbase como un investimento indirecto nas criptomoedas.

Así que a saída a bolsa prevíase chea de FOMO. E así foi, empezou a cotizar a $328 a acción e co paso dos días foi caendo o prezo ata os $263. Os IPOs son momentos chave porque a compañía pasa de ter investidores privados a investidores públicos. Ou o que é o mesmo, a someterse a que calquera poida comprar e vender accións. De feito os primeiros días filtrouse que parte do equipo vendera grandísimas cantidades de accións, claramente un  mal sinal. Aínda que posteriormente matizouse moito esta información.

Como conclusión non podo máis que volver á comparación co xurdimento da internet. Estaremos diante dun Amazon que se come o comercio mundial? É dicir, será Coinbase un  devorador de bancos tradicionais? Ou será un Yahoo con grandes perspectivas que se frustran por novos competidores que os melloran? Será un Terra que queda arrasado na nova burbulla “.com”? Pode ser Coinbase o punto de inflexión a unha nova era cripto ou o principio da burbulla? Todo son dúbidas porque teño a sensación de estar diante dun cambio de época.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da creación dun NFT galego

Nos últimos anos xurdiron algunhas experiencias pioneiras cos NFT en galego pero... Cal foi a primeira?

Durme neno, durme xa, que vén a inflación e o teu salario e aforros comerá

A inflación non se cingue só á suba de prezos, e cripto non é só unha moeda descentralizada

Cromos dixitais ou revolución na propiedade? Así son os NFTs

Chámanlle tokens non funxibles (NFTs) e son a gran sensación neste intenso ano 2021 no mundo cripto