Venres 29 Marzo 2024

As ‘cripto’ cousas polo seu nome

Criptomoedas, tokens, blockchain, capitalización de mercado, token non funxible... E se poñemos un pouco de orde nos conceptos do mundo cripto?

Se falar dunha tecnoloxía tan nova e disruptiva como a blockchain é complicado, meter termos en inglés que nin sequera existían pouco tempo atrás, ou non eran case coñecidos, é xa o salto triplo mortal cara atrás. Non me gusta ser pedante coas palabras, pero si me gusta matizar os termos porque creo que axudan moito a comprender os conceptos. Ademais con esta lista poderás comprender mellor as informacións Así que hoxe quero aclarar algúns termos para que as cousas cripto non sexan tan “Stranger Tthings”.

Criptomoneda (Cryptocurrency)

É unha moeda ou divisa creada grazas á criptografía, como Bitcoin. É un termo impreciso porque aínda que todas as criptomoedas son intercambiables, o seu obxectivo non é necesariamente ser unha moeda. Por ese motivo hai quen fala de criptoactivos.

Publicidade

Altcoin

Poderíase traducir como moedas alternativas, e fai referencia ás moedas que non son nin a líder indiscutible (Bitcoin) nin a líder dos smart contracts (Ethereum).

Token

Poderíase traducir como ficha, como as do póker ou as atraccións da feira. É unha forma de ser conscientes de que falamos de fichas intercambiables que representan ou teñen un certo valor. Úsase frecuentemente como sinónimo de criptomoeda, ás veces ten máis sentido porque lle quita o peso ao termo ‘moeda’. Calquera pode crear os seus propios tokens, por exemplo Ethereum permite grazas a ERC20 crear tokens facilmente.

Token funxible

Son a maioría dos tokens que podes ver en coinmarketcap. Refírese a que son intercambiables e idénticos. Un bitcoin dá igual que sexa o primeiro que se creou ou o último, ten o mesmo valor. De igual forma que un billete de 10 euros dá igual o ano no que foi impreso.

Token non Funxible (NFT)

Son tokens únicos que representan un ben concreto, por exemplo a propiedade dunha imaxe dixital. Recentemente está a haber moito furor con eles, así que vos recomendo este artigo de Cristina Carrascosa.

Tokenización

Proceso de transformar un activo real nun dixital, por exemplo unha asociación podería repartir tokens aos seus asociados e usalos para facer votacións ou acceder a dereitos. Ou un sistema que asigna un NFT ao creador dunha canción asociándolle certos dereitos, por exemplo unha porcentaxe por cada reprodución. A gran vantaxe da tokenización é que se fan nun lugar neutral e inalterable como é unha blockchain. Aquí un exemplo real de  tokenización en España.

Tokenomics

Son as regras económicas dun token. Por exemplo, que cantidade de tokens existen agora (current supply), cantos existirán no futuro como máximo (total supply), como se toman as decisións do token (gobernanza), e moito máis.

Ticker

É o nome abreviado e único dun token. Por exemplo de Ethereum é ETH, de Cardano é ADA. A idea é que ao ser único se alguén di que ten 2 ETH e 5 ADA, todo o mundo sabe a que  criptomoedas se está a referir.

Prezo

As criptomoedas, ao ser intercambiables, teñen un prezo en cada momento e en cada mercado. Pode pasar que Binance teña un prezo e Coinbase outro. Pero a diferenza seguramente non será significativa. Porque, de selo, haberá persoas que compren no mercado barato e vendan no caro, o que equilibrará o prezo. É o que se coñece como arbitrage.

Capitalización de mercado (Market cap)

É a principal dimensión do prezo dunha criptomoeda. Calcúlase multiplicando o prezo dun token pola cantidade de tokens que existen actualmente.

Blockchain

É unha cadea de bloques, cada bloque garda información ou código. A novidade é que a cadea está gardada e actualízase en moitísimos computadores á vez, impedindo que ninguén poida censurala ou cambiala de forma unilateral.

Contrato intelixente (Smart contract)

É un código que se executa na blockchain e que, por tanto, sabemos que é incensurable.

Protocolo

Utilízase moitas veces como sinónimo dun servizo ofrecido nun contrato intelixente. Creo que fai referencia a unha das cousas máis importantes do mundo blockchain: non é necesario pedir permiso para utilizar un protocolo pero si para utilizar un servizo, os famosos termos e condicións do servizo.

Oráculo

É o sistema encargado de introducir información verídica na blockchain. Chainlink é un proxecto que se encarga disto descentralizando a veracidade da información que se introduce na blockchain.

Staking

É o depósito de fondos nunha conta allea en base a unhas normas. Por exemplo, facer staking en Uniswap permite recibir unha porcentaxe das comisións que recada a plataforma.

Yield farming

É o proceso de buscar os rendementos (yield) máis altos que ofrecen os diferentes proxectos de Staking. É posible facelo manualmente, pero o proxecto Yearn Finance permite automatizar a procura do mellor rendemento. Tamén hai quen usa o termo se o protocolo ofrece unha recompensa con tokens do propio proxecto. Nos dous casos é a procura de rendementos ao depositar criptos.

Descentralización

É a idea clave de todo este movemento, que ninguén teña a posibilidade de censurar, parar ou tomar decisións que afecten os sistemas.

Existen moitísimos máis termos a definir, pero con estes xa podemos comprender frases tan enrevesadas como esta.

O protocolo Uniswap vai sacar a terceira versión do seu smart contract; aínda non se saben as novidades desta versión pero é posible que utilicen o seu token (ticker UNI) como forma de recompensar ás persoas que fan staking, facendo máis atractivo o yield farming. Actualmente  Uniswap é a oitava criptomoeda por capitalización de mercado, superando recentemente a Chainlink, que é un oráculo descentralizado.

Se quedaches con ganas de máis, déixoche a ligazón a The crypto encyclopedia con máis termos. Tamén podes usar os comentarios para matizar algunha palabra ou comentar cales botas de menos na lista.

A idea da entrada de hoxe é a de tentar facer o mundo cripto un pouco menos críptico, e que sexa máis accesible comprender páxinas como coinmarketcap.com, das que se pode extraer información moi valiosa, por exemplo para analizar novos proxectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da creación dun NFT galego

Nos últimos anos xurdiron algunhas experiencias pioneiras cos NFT en galego pero... Cal foi a primeira?

Durme neno, durme xa, que vén a inflación e o teu salario e aforros comerá

A inflación non se cingue só á suba de prezos, e cripto non é só unha moeda descentralizada

Cambio de era: o sistema vai ‘blockchainizarse’

A saída a bolsa de Coinbase foi, probablemente, o fito que marca unha nova era na aceptación e regulación de cripto