Venres 19 Abril 2024

Levar máscara: pode producir unha vacinación artesanal?

O biólogo Antonio Figueras, do CSIC en Vigo, analiza a capacidade das máscaras para a 'variolación' e os estudos que apuntan a unha protección inmunitaria

A medida que o SARS-CoV-2 continúa a súa propagación, é posible que un dos alicerces do control da pandemia Covid-19 – o uso universal de máscaras – poida axudar a reducir a gravidade da enfermidade e garantir que unha maior proporción de novas infeccións sexan asintomáticas. Se esta hipótese é corroborada, o uso universal de máscaras podería converterse nunha forma de variolación que xeraría inmunidade e, por tanto, retardaría a propagación do virus, mentres esperamos unha vacina.

Unha razón importante para o uso de máscaras por toda a poboación manifestouse en marzo de 2020, cando comezaron a circular informes que describían as altas taxas de diseminación viral do SARS-CoV-2 polo nariz e a boca dos pacientes que son presintomáticos ou asintomáticos con taxas de liberación do virus equivalente aos dos pacientes sintomáticos.

Publicidade

O uso universal de máscaras semellaba ser unha forma posible de previr a transmisión de persoas infectadas asintomáticas. Os Centros para o Control de Enfermidades e Prevención (CDC), recomendaron o 3 de abril de 2020 que a poboación usará cubertas de tea para a cara en áreas con altos índices de transmisión comunitaria: unha recomendación que se seguiu de xeito desigual en moitas partes do mundo e que en España foi inexplicablemente desaconsellada desde o Ministerio de Sanidade.

A evidencia relacionada con outros virus respiratorios indica que o uso de máscaras tamén pode protexer ao usuario de infectarse, ao bloquear a entrada de partículas virais no nariz e a boca.

Imagen de previsualización de YouTube

Investigacións epidemiolóxicas realizadas en todo o mundo, especialmente nos países asiáticos que durante a pandemia de SARS de 2003 se afixeron ao uso de máscaras por toda a poboación, suxeriron que hai unha forte relación entre o uso de máscaras e o control dunha pandemia. Datos recentes de Boston amosan que as infeccións por SARS-CoV-2 diminuíron entre os sanitarios despois de que se implementou o uso universal de máscaras en hospitais municipais a finais de marzo 2020.

Datos virolóxicos, epidemiolóxicos e ecolóxicos recentes levaron a hipóteses de que o uso de máscaras tamén pode reducir a gravidade da enfermidade entre as persoas que se infectan. Esta posibilidade é consistente cunha longa serie de evidencias sobre a patoxénese viral, que sostén que a gravidade da enfermidade é proporcional ao inóculo viral recibido.

Desde 1938, os investigadores exploraron, principalmente en animais modelo, o concepto da dose letal dun virus – ou a dose á que morre o 50% dos hóspedes expostos (LD50). Con infeccións virais nas que as respostas inmunitarias do hóspede xogan un papel predominante na patoxénese viral, como o SARS-CoV-2, as doses altas de inóculo viral poden exceder e xerar unha resposta inmune innata descontrolada (a tormenta de citoquinas), aumentando a gravidade de enfermidade. A dexametasona mellora os resultados na infección grave por COVID-19 ao controlar os mediadores inflamatorios aínda que non limita os danos aos pulmóns. Nun modelo de hámster sirio infectado con SARS-CoV-2 as doses máis altas de virus administrado conduciron a manifestacións máis graves da Covid-19.

Se o inóculo viral é importante para determinar a gravidade da infección por SARS-CoV-2, unha razón hipotética adicional para usar máscaras sería reducir o inóculo viral ao que o usuario está exposto e o consecuente impacto clínico da enfermidade. Xa que as máscaras poden filtrar algunhas pingas que conteñen virus (a eficacia depende do tipo de máscara), o emprego das mesmas podería reducir o inóculo que inhala unha persoa exposta. Se esta teoría se confirmase, o uso poboacional das máscaras, podería contribuír a incrementar a proporción de infeccións por SARS-CoV-2 que son asintomáticas.

O xeito máis obvio de evitar á sociedade os efectos devastadores de Covid-19 é promover medidas para reducir tanto a transmisión como gravidade da enfermidade. Pero o SARS-CoV-2 é altamente transmisible, e non pode conterse só pola vixilancia de persoas *sintomáticas, e é difícil de erradicar, como se está a comprobar en países que implementaron inicialmente estritas medidas de control.

Imagen de previsualización de YouTube

As esperanzas das vacinas baséanse non só na prevención de infeccións: a maioría dos ensaios de vacinas inclúen un resultado secundario que é diminuír a gravidade da enfermidade, xa que aumenta a proporción de casos nos que a enfermidade sexa leve ou asintomática sería unha vitoria para a saúde pública. O uso de universal de máscaras parece reducir a taxa de novas infeccións; ao reducir o inóculo viral, tamén pode aumentar a proporción de persoas infectadas que permanecen asintomáticas.

A variolación era un proceso mediante o cal as persoas que eran susceptibles á varíola foron inoculados con material extraído dunha vesícula dun persoa con vexigas, coa intención de causar unha infección leve e inmunidade posterior.

“Salváronse moitas vidas grazas á variolación. Con todo, a práctica presentaba serios perigos, pois a varíola existía e reaparecía; a variolación aínda que estendida, non era xeral, e, polo tanto, non cubría a totalidade da poboación e como riscos importantes podemos sinalar o feito de que, en ocasións, as persoas varioladas enfermaban gravemente de vexigas, pois o produto inoculado era pus extraído dunha pústula recente e ademais era factible a transmisión doutras enfermidades durante a variolación ao ser o acto de home a home.”

Foi preciso atopar outro procedemento que inmunizase con seguridade e que non fose perigoso, así se iniciou o estudo das vacinas

A comunidade científica estivo aclarando durante algún tempo os compoñentes da resposta inmune adaptativa ao SARS-CoV-2 e a insuficiencia dos estudos de seroprevalencia baseados en anticorpos para estimar o nivel de células T e memoria B máis duradeiras.

Nas últimas semanas xurdiron datos prometedores que suxiren que unha forte inmunidade mediada por células é o resultado dunha infección por SARS-CoV-2, mesmo leve ou asintomática, polo que calquera estratexia de saúde pública que poida reducir a gravidade da enfermidade tamén debería aumentar a inmunidade de toda a poboación.

A variolación practicouse só ata ata a aparición da vacina, que finalmente erradicou as vexigas

A pesar das preocupacións sobre a seguridade, a distribución mundial e eventual aceptación, o mundo ten grandes esperanzas en conseguir unha vacina contra o SARS-CoV-2 e, a principios de setembro de 2020, había 34 candidatos en avaliación clínica, con centos máis en desenvolvemento.

Con todo, mentres esperamos os resultados dos ensaios de vacinas, calquera medida de saúde que poida aumentar a proporción de asintomáticos pode facer que a infección sexa menos mortal e aumentar a inmunidade de toda a poboación sen manifestacións graves nin mortes. A reinfección por SARS-CoV-2 parece ser rara, a pesar de máis de 8 meses de circulación en todo o mundo e como suxire un modelo de macaco.

Para probar a hipótese de que o uso de máscaras por toda a poboación é unha estratexia eficaz, necesitamos máis estudos que comparen a taxa de asintomáticos en áreas con e sen uso universal de máscaras.

En última instancia, combater a pandemia implicará reducir tanto as taxas de transmisión como a gravidade da enfermidade. A evidencia suxire que o uso de máscaras por toda a poboación podería beneficiar ambos os aspectos.

Aquí podes consultar un importante estudo sobre a capacidade da máscara para a variolación, publicado polo New England Medical Journal

1 comentario

  1. Pero como vas a contaxiar unha enfermedade respiratoria se non tés síntomas e non tés carga viral . E totalmente pseudo científico isto que din .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade