Xoves 18 Abril 2024

Cargar un coche cun enchufe: as ‘electrolineiras’

Andan estes días os medios falando da instalación de “electrolineras rápidas” en Galicia. Por iso, parécenos que unha boa ocasión para traer aquí un texto que xa ten varios anos, pero que non perdeu vixencia: o que se centraba en analizar se electrolineira é unha palabra que que debemos aceptar ou da que debemos fuxir en galego.

Con ese nome faise referencia tanto aos puntos que fornecen electricidade para realizar recargas rápidas en vehículos eléctricos como ás infraestruturas que agrupan varios deses puntos, tal e como hoxe fan as estacións de servizo convencionais. Pero a súa presenza en galego parece deberse en boa medida á existencia previa do castelán electrolinera, se temos en conta que as palabras empregadas noutras linguas seguen unha liña totalmente diferente -e bastante paralela- (EN: charging station, FR: borne de recharge ou station de recharge, PT: ponto de carregamento, CT: punt de recàrrega).

Publicidade

Por iso, o que para o castelán se louva como unha mostra de creatividade lingüística que evita copiar termos ingleses ou franceses, para o galego é só outro exemplo de castelanismo directo (se interpretamos que electrolineira é unha tradución de electrolinera) ou indirecto (se o entendemos como unha copia do mecanismo empregado en castelán para crear a nova palabra a partir de electricidad e gasolinera).

Pero os problemas que lle atopamos a electrolineira non son só formais, senón tamén conceptuais. Cando esa palabra alude aos puntos en que se realiza a recarga de electricidade, desmóntase o paralelismo que parecía buscarse cos puntos de subministración de hidrocarburos, xa que estes reciben o nome de surtidor, non de gasolineira.

Logo do dito ata aquí, pensamos que debemos evitar o emprego de electrolineira para designar os puntos de recarga de electricidade empregados polos vehículos eléctricos. E iso tanto por razóns formais (evitar a implantación doutro castelanismo máis) como conceptuais (se queremos establecer un palalelismo coa recarga de hidrocarburos, existen mellores alternativas). No seu canto poderíase usar surtidor de electricidade, que vincula este novo dispositivo cos xa existentes nas gasolineiras actuais, ou punto de recarga, que segue mesmo padrón ca as linguas da nosa contorna.

O SNL da USC publicou unha versión previa deste texto no seu sitio web o 18/06/2010.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario