Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 12 de xullo de 2016
Latitude: 59,73 graos Norte
Lonxitude: 40,58 graos Oeste
Aproximadamente a 2.876 kms do porto de saída en Vigo
Escrito a bordo por Irene, Susa e Guillermo, da Universidade de Vigo
Chega o momento da acción para os autochamados “Equipo Lodo”. O despregue de material de mostraxe invade parte da cuberta. Os máis impacientes axexan pola borda para ver como chega a draga… “Ollo! Todos con casco!”, lémbrannos sempre os mariñeiros encargados da manobra. Dependendo da quenda de traballo, Juan, Alberto, Óscar, Manuel ou Moledo izan con coidado a draga nos últimos metros ata depositala con suavidade en cuberta.
Sacamos a caixa da draga, retiramos a auga que hai sobre o sedimento e varios pares de ollos concéntranse no interior facendo que os cascos choquen. A continuación tomamos foto de ese anaco de fondo que se recolleu e introducimos catro tubos de PVC para iniciar a mostraxe. Queremos aproveitar ó máximo a cantidade de sedimento para diversos análises que faremos. Incluso o sedimento que queda entre os tubos é moi solicitado polo resto de compañeiros para sacar as dotes máis creativas e alfareiras… quizais antes do fin de campaña teñamos que montar outro taller a bordo cos excedentes!

Dous dos tubos recollidos son precintados e etiquetados para analizar en terra as propiedades físicas, a composición e para determinar a idade dos materiais. Nestes días, Mario fíxose un verdadeiro experto na precisión para o uso da cortadora de tubos, facéndolle competencia a Anxo, un dos compañeiros do equipo que tivo que quedar en terra.
Os outros dous tubos divídense a bordo en fragmentos de un centímetro de espesor. No primeiro tubo soamente se recollen os 10 primeiros centímetros de profundidade para peneirar e separar a area do fango. O que interesa é conservar a fracción area, para iso se garda nun bote e se engade unha disolución colorante co fin de diferenciar os microorganismos vivos (os cales quedan tinguidos cunha chamativa cor rosada) dos caparazóns de especímenes que viviron no pasado.
A noite nesta latitude só dura dúas horas, entre as 2.00 e as 4.00 da mañá
Para coñecer o que está a pasar na actualidade é necesario saber que pasou fai anos. Ás veces esta labor de peneirado non é cómoda, especialmente co vento e co abaneo que aumenta cando o barco toma rumbo cara a seguinte estación… obxectivo: que non voen os tamices e as mostras con eles!
No derradeiro tubo, sepáranse todas as lonchas en diferentes bolsas convenientemente etiquetadas, as cales irán destinadas a diferentes tipos de análises en terra. Neste proceso o equipo desenrolou unha coordinación espectacular, todos sabemos o que hai que facer. A estas alturas de campaña non fan falla explicacións. Guillermo corta con precisión as “galletas” de un centímetro. Xa na mesa, Susa, Víctor, Marcos, Mario e Irene subdividen a mostra para as diferentes bolsas, como unha comparsa ben sincronizada. Mentres Iván, vai e vén do mostreador á mesa mantendo o instrumental limpo e “niquelado” entre centímetros, a pesar de que a estas latitudes a auga cada vez é máis fría.

No laboratorio seco, facemos unha caracterización preliminar do material recollido. Para completar esta descrición, contamos cunha lupa binocular que nos permite observar os grans dos que está constituído a fracción area. Tamén podemos facer as primeiras identificacións e sacar fotos para ter un rexistro , así como ter unha idea xeral de como vai evolucionando o fondo nesta travesía polo Atlántico norte. Os máis inquedos achéganse fronte a pantalla do ordenador porque… Quen non sinte curiosidade de saber que é o que hai alá abaixo?
Este proceso repítese día tras día, onde cada vez se volven máis longos a medida que a travesía se dirixe cara o Norte. É raro que o solpor sexa as 2:00 AM e o mencer sexa ás 4:00 AM, o mellor que se pode facer é non mirar o reloxo e gozar da paisaxe.
Ver a entrada anterior
Somos de cores