Xoves 28 Marzo 2024

Unha perigosa planta invasora chamada toxo

Hai agora tres anos, unha reportaxe do informativo colombiano Noticias Caracol cruzou o Atlántico e sorprendeu en Galicia. Falaba dunha planta que se converteu nunha “gran invasora” no país. Entre outros termos, definíase a esta especie como “inimiga da vida” e dicíase que “agride páramos, arrasa campos e invade as nosas cordilleiras”, sendo “unha das depredadoras máis agresivas da natureza“.

O particular do asunto é que a especie que se menciona é o toxo de toda a vida, que na primavera tingue Galicia de cor amarela coas súas chorimas. No noso país, este arbusto convive en relativa harmonía co resto da flora e está fondamente enraizado na nosa cultura popular. Non en tanto, noutros lugares do planeta, a súa presenza non é tan benvida.

Publicidade

O Ulex europaeus supón un grave problema medioambiental en vastas zonas de América e Oceanía. É tal a súa proliferación que o Grupo Especialista en Especies Invasivas (ISSG), dependente da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), incluíu ao toxo arnal entre as 100 peores especies invasoras do mundo.

Entre os efectos que causa nas zonas invasoras, a IUCN subliña a súa “tenacidade“, cualificándoa de “extremadamente competitiva“. Engade que “altera as condicións do solo, fixando nitróxeno e acidificando o terreo; e incrementa o risco de incendios debido ás súas follas e sementes altamente inflamables”.

No caso de Colombia, algúns expertos mencionan que o “retamo espinoso“, tal e como o chaman no país suramericano, chegou alí desde Europa a mediados do século XX durante a construción dun encoro que abastece ao sur de Bogotá. Os construtores pretendían frear a erosión a través da plantación do toxo, pero o seu crecemento descontrolouse.

O toxo puxo en perigo o hábitat dunha planta nativa dos Andes

En Colombia, o problema medioambiental é especialmente grave no Páramo de Sumapaz, un rico ecosistema montañoso situado nos Andes setentrionais. Aquí medran, paseniño, as plantas do xénero Espeletia, coñecidas como “monxe das alturas“, uns emblemáticos arbustos da cordilleira andina. Fronte a elas, o toxo medra rapidamente e pon en perigo a supervivencia desa planta nativa.

Tamén en Estados Unidos, Nova Zelanda, Australia ou Chile hai unha ampla preocupación co toxo. No país chileno chámano “espinillo alemán“, debido a que foi introducido polos colonos xermanos a comezos do século XIX para cercar as súas vivendas.

En Galicia, do mesmo xeito que en gran parte de Europa Central e Occidental, o toxo está considerado como unha especie autóctona. Non en tanto, segundo o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, o goberno español mantén medidas de control en Canarias, onde si está considerada como alóctona e xerou bastantes problemas con especies nativas.

4 COMENTÁRIOS

  1. Teño un compañeiro que viaxou de turismo a Nova Zelanda e contou que alí viu os toxos mais grandes que nunca vira!…
    Alí a consideran invasiva e teñen un grave problema con ela, a levaron os colonos para facer o mesmo que se facía aquí, a cama do gando, e se descontrolou por completo…
    Pasa como con a mimosa eiquí!…

  2. Pois se en Oceanìa lles parece que o toxo é unha especie invasora, eu pregúntome se non é mais invasor o eucalipto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.