O inverno achégase, e esta vez pode ser moi real

Galicia, como toda a contorna, afronta semanas e meses decisivos para conter a pandemia e evitar as graves consecuencias sociais e económicas

O posible aumento da incidencia da Covid-19 ante o inverno provoca unha enorme incerteza na sociedade.
O posible aumento da incidencia da Covid-19 ante o inverno provoca unha enorme incerteza na sociedade.

Coa chegada do outono, despois da paréntese colectiva que a sociedade decidiu tomar durante o verán no hemisferio norte, aumentan os sinais que apuntan que o pesadelo vivido na primavera pode regresar. A inacción para conter o aumento da Covid-19 en boa parte de España na temporada estival, coa irresponsabilidade conxunta da meirande parte dos gobernos, mais tamén de parte da cidadanía, provocou que hoxe en día os niveis de transmisión sexan suficientemente preocupantes como para afrontar con moita incerteza os meses que veñen. Esta mesma semana, na orde que decretaba a prohibición en Galicia das reunións de máis de 10 persoas, a Consellería de Sanidade xa advertía que o obxectivo é o de  “enfrontar os vindeiros meses na mellor situación epidemiolóxica posible”, pois “é previsible un aumento da incidencia de casos nos meses vindeiros debido a que a poboación estará máis tempo en ambientes pechados que favorecen a transmisión”.

Porque esta incerteza é, unha vez máis, o peor dos medos. A avalancha de estudos que desde as primeiras semanas da pandemia foron achegando algúns trazos sobre o SARS-CoV-2, a súa transmisión e a pegada que deixa no organismo aínda están, por agora, levedando á espera de novas evidencias que só o tempo e a ciencia poderán achegar. Nin o sol nin a calor reduciron a transmisión, como se dixo, senón o contrario: á ilusión pos-confinamento, coa xente redescubrindo o aire libre e a natureza e reencontrándose cos seus achegados, sucedeuna un novo precipicio, que parecía doer menos pola dureza da primeira caída. Mais pouco a pouco a ferida vai collendo peor pinta. Do mesmo xeito, pouco se sabe da duración da inmunidade, por motivos obvios (a enfermidade comezou a detectarse en decembro de 2019), ao tempo que se comeza a falar de posibles reinfeccións.

A arela global pola vacina, ou vacinas, que poidan ser eficaces e seguras, é obxecto dunha retransmisión en tempo real. Neste escenario, calquera acontecemento inesperado, pero habitual, como a suspensión temporal dun ensaio, é escrutada como un penalti dubidoso nun partido de fútbol. Chegará, porque os esforzos non teñen precedentes, pero resulta temerario, por agora, lanzar datas ao aire que pronto entrarán no tempo de desconto.

A nova escalada de medidas de contención do virus avanza un outono e inverno moi complicados. Por agora, segundo os indicadores manexados por Goberno español e Xunta de Galicia, o sistema sanitario galego ten unha das menores ocupacións por Covid-19 das comunidades autónomas. No futuro estudaranse as razóns polas cales Galicia, tanto na primeira como nesta segunda onda, parece amosar un menor impacto desta pandemia. Mais a comparación co resto de España achega unha imaxe incompleta; sendo menos mala, a incidencia segue sendo alta, o que obriga, como avanzaba Sanidade, a prepararse para o que vén na mellor situación epidemiolóxica posible.

Porque Galicia, do mesmo xeito que presenta unhas características que poden dificultar o avance da epidemia (ausencia de redes de transporte público masificadas, dispersión poboacional, situación periférica), atópase cunha sociedade avellentada que, en caso de infección, ten unha maior porcentaxe de persoas vulnerables.

Ata o de agora, sobre todo despois das eleccións de xullo, dá a sensación de que no debate político autonómico se mantén un maior grao cordialidade e colaboración, dentro das lóxicas discrepancias. E iso axuda a que as medidas de control da pandemia (ás veces das máis estritas que se teñen tomado en España, como os peches na Mariña ou Ourense) sexan aceptadas pola gran maioría da sociedade.  O barullo amplificado de Madrid, a veces convertido en cuestión de Estado, parece afortunadamente lonxe.

Os grupos de risco

Para moitas persoas, probablemente para a maioría das que conviven nesta sociedade, os meses que pasaron, e os que están por vir, van marcar boa parte das súas vidas. Alén do risco sanitario, os ERTE, o aprazamento de numerosos proxectos profesionais e persoais (cando non o peche de moitas empresas), ou as dificultades no acceso á sanidade e a educación, manteranse como unha lousa nos vindeiros meses. Hai uns días, nunha entrevista, a viróloga Margarita del Val insistía en que a mocidade era un grupo de risco non tanto no sanitario, senón no económico, polo “futuro durísimo” que afrontarán se a pandemia non se contén e a actividade volve sufrir un parón.

Así como a crise económica iniciada no 2008 botou por terra os plans de futuro dunha xeración, a pandemia supón un novo golpe. O Foro Económico de Galicia apuntaba esta semana que os rebrotes e as restricións derivadas deles retrasan a recuperación económica do país. De novo, aínda que as perspectivas son mellores que para o resto de España, tamén é certo que o impacto no territorio estatal parece que vai ser un dos peores da UE. E máis: as consecuencias da pandemia no eido laboral afectaron en maior medida ás persoas máis vulnerables: asalariados temporais, xente nova e con menor nivel educativo, coas conseguintes dificultades engadidas.

Diante da incerteza, parece conveniente fortalecer as virtudes que poden facer avanzar a cada pobo. A unidade e a colaboración fronte aos vicios da exaltación e a irresponsabilidade que se observan en latitudes próximas poden ser esas virtudes que marquen a diferencia. Poden salvarse vidas de forma directa, evitando un gran número de infeccións, pero tamén evitar os falecementos indirectos polo colapso sanitario, e mellorar moitas outras vidas que non serían golpeadas tan duramente pola pandemia e as súas consecuencias. Se os representantes da cidadanía dan exemplo e actúan fronte ao desafío da pandemia, é máis probable que todas e cada unha das persoas poñan o seu gran de area para cortar, na medida do posible, a transmisión do coronavirus. Achégase o inverno, e pode ser moi real, pero tamén estamos a tempo de superalo, e que a primavera de 2021 comece a sepultar o pesadelo da do 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.