https://www.gciencia.com/medioambiental/a-extincion-sen-remedio-da-pita-do-monte-en-galicia/
Libélula da especie 'Macromia splendens', en perigo de extinción en Galicia. Foto: Genaro da Silva.

Biodiversidade en Galicia: conta atrás cara ao non retorno?

A gran maioría de especies ameazadas en Galicia segue sen ter un plan de protección, nun contexto preocupante a nivel global

Hai unha especie á que xa non lle fai falta un plan de protección en Galicia: a pita do monte (Tetrao urogallus) está extinguida oficialmente no país desde o ano 2005. A presión á que foi sometida coa caza (“el tiro más prestigioso”, que justifica todos los desplazamientos”, dixo sobre ela Manuel Fraga, que cazou un exemplar que aínda se conserva desecado nun albergue dos Ancares) reduciu a súa presenza a escasos lugares da cornixa cantábrica. É o exemplo de que ás veces xa non é posible chegar a tempo.

E o tempo é ouro nun momento no que os informes científicos advirten dunha nova gran extinción de especies no planeta. A presión antrópica e o cambio global asociado a ela, así como o impacto das especies exóticas invasoras, están achicando o hábitat e a forma de vida de centos de miles de taxóns. Galicia tampouco é allea. E o reloxo segue contando cara atrás.

En 2007 a Xunta de Galicia presentou o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, un documento que tiña o obxectivo de mellorar a situación dos seres vivos que se atopaban nunha situación comprometida no territorio. Eran, e son, case 200, que se dividiron en dúas categorías: en perigo de extinción, no caso daquelas “cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causais da súa actual situación seguen actuando”; e vulnerables, as que “corren o risco de pasar á categoría anterior (perigo de extinción) nun futuro inmediato se os factores adversos que actúan sobre eles non son corrixidos”. Entre elas hai, en maior número, liques, algas, plantas e fentos, aínda que tamén aves, peixes, artrópodos, réptiles ou moluscos.

Exemplar de píllara.
Exemplar de píllara das dunas, unha das tres únicas especies con plan de protección en Galicia.

Destas definicións dedúcese que cómpre rapidez e eficiencia para evitar o avance deses “factores adversos“. Pois ben. Pasaron 12 anos desde a aprobación do catálogo. De case 200 especies, só 3, só o 1,5% (píllara das dunas, sapococoncho común e escribenta das canaveiras) contan co seu plan para paliar a súa posible desaparición. O proxecto para o oso pardo está nalgún labirinto do que aínda non saíu. E o resto, o 98,5% das especies ameazadas en Galicia (aínda que a lei contempla plans integrais que agrupen a protección de taxóns semellantes) seguen sen estar protexidas, alén dun nome nunha lista e mínimas medidas de precaución no medio natural. A este ritmo, tal e como teñen denunciado voces como Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), precisaríanse case 1.800 anos para protexelas a todas.

O 98,5% das especies ameazadas en Galicia aínda non conta con plan de protección

Fontes coñecedores da situación indican que pouco despois da publicación do Catálogo, arredor de 2010, estaban redactados numerosos plans de protección, pero case todos seguen nun caixón. Uns plans pagados cos recursos de todos, pero xa quedaron obsoletos, segundo estas mesmas fontes, pola carencia de datos actualizados. Outras entidades, como Adega, denuncian do mesmo xeito as eivas na conservación do territorio, cunha das menores porcentaxes de superficie protexida a nivel estatal.

E non só iso. Alén das especies que xa aparecen na listaxe, hai outras que se atopan igualmente nunha situación complicada. É o caso dalgunhas plantas emblemáticas, como a camariña, tal e como denunciou hai pouco a propia SGHN. Esmorece, pero nin sequera está no papel.

En febreiro de 2017, o propio presidente da Xunta anunciou o “obxectivo de que de aquí a 2020, 45 especies catalogadas como ameazadas ou vulnerables en Galicia teñan aprobado un plan de recuperación ou de conservación”. Pasaron case dous anos e medio e non hai noticias. Neste lapso de tempo, GCiencia contactou en varias ocasións coa Consellería de Medio Ambiente, sen ter obtido resposta ata o momento.

Así como a Xunta usou a consellería encargada da conservación da natureza como unha plataforma política para as eleccións municipais, é posible que por fin en 2020, ano electoral, cheguen os agardados plans de protección. O problema é que as especies en perigo non entenden de ciclos electorais, e pode que se chegue demasiado tarde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.