Outra de anglicismos superfluos: o ‘networking’

Os dicionarios e entidades galegas non se pronunciaron ao respecto, pero o máis aconsellable é empregar "tecer redes" ou "facer contactos"

Un grupo de traballadores tendo unha reunión de networking

Moito gustan os anglicismos no mundo do emprendedorismo! Comezas a ler textos ou a escoitar profesionais e das en bater con freelanceCEOcoworkingstartup… e non sei cantas máis. E non só en galego, que ata a Real Academia Española tivo que advertir sobre o uso invasivo e superfluo desa tecnoxerga!

Hoxe imos engadir á lista anterior outro concepto que como vén envolto no inglés, soa a novidade; pero que xa non o é tanto cando se lle quita ese envoltorio. Falamos do networking, que enche carteisxornadas e outros eventos.

Nos dicionarios ingleses explican que é “the process of trying to meet new people who might be useful to you in your job, often through social activities”, é dicir, tentar establecer relación con persoas que poidan ser proveitosas desde un punto de vista profesional, especialmente usando actividades sociais. Nada moi diferente do que se coñecía como facer contactos ou tecer redes antes de que o inglés colonizase a fala empresarial, non si?

Iso mesmo pensan nas outras linguas románicas, que tamén recomendan evitar a palabra inglesa e substituíla por formas propias. En castelán, apostan por hacer contactos; en portugués, por contatos ou fazer contatos; en francés, por réseautage e en catalán, por treball en xarxa ou fer xarxa.

En galego, nin os dicionarios nin as entidades que se ocupan destas cuestións se pronunciaron polo de agora sobre este anglicismo. Pero cos argumentos que fomos poñendo enriba da mesa (non é un concepto novo, xa había nomes para el en galego, os idiomas próximos a nós están intentando evitalo…) parece que o razoable sería intentar coutalo.

Por iso, a nosa recomendación é evitar networking e empregar no seu lugar tecer redes, xerar redes ou facer contactos, adaptando estas formas se é necesario para que encaixen mellor nas frases en que intentan substituír o anglicismo. Así, poderiamos substituír “unha intensa xornada de formación e networking” por “unha intensa xornada de formación e xeración de redes”.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.