Xoves 28 Marzo 2024

Andar co lobo na orella

“En galego, ao falarmos de lobos podemos estarnos referindo a dúas realidades moi diferentes, tanto que ata as pronuncias dunha e doutra son distintas. Quen hoxe nos interesa aquí non é o mamífero carnívoro da familia dos cánidos (que debe lerse con -o- pechado), senón a ‘porción arredondada e saínte de diversos órganos’,(pronúnciese con -o- aberto), especialmente cando se manexa no ámbito da anatomía.”

Nesta disciplina adoita definirse un lobo (LA: lobus;1 EN: lobe; PT: lobo; ES: lóbulo) como ‘cada unha das partes máis ou menos diferenciadas anatomicamente nas que se divide un órgano, principalmente o fígado, o cerebro e o pulmón’; e coñecese como lóbulo (LA: lobulus; EN: lobule: PT: lóbulo; ES: lobulillo) o ‘lobo pequeno ou a subdivisión dun lobo’.

Publicidade

O feito de que lóbulo nomee conceptos diferentes en castelán e galego vai provocar que atopemos contradicións á hora de nomear algúns termos anatómicos nos nosos dicionarios. E iso a pesar de que a presenza do latín podía facilitar a aplicación sistemática dun criterio á vez etimolóxico e harmonizador.

Así, mentres que o Diccionario galego de termos médicos (DGTM) fala de lobo cadrado, lobo cerebral, lobo cuadrilátero, lobo frontal, lobo límbico, lobo parietal ou lobo temporal (todos eles designados en latín como lobus), o Dicionario de psicoloxía e educación, editado pola Xunta de Galicia na mesma colección ca o anterior, fala neses mesmos casos de lóbulos.

Tampouco hai unanimidade á hora de determinar o nome que debe recibir a ‘porción inferior carnosa da orella’: lobo, como afirma o DGTM? Ou lóbulo, tal e como propoñen o Diccionario da Real Academia Galega e o Dicionario castelán-galego da mesma entidade?.

Na nosa opinión, débese intentar manter a correspondencia coas formas latinas, dado o seu carácter de lingua franca internacional á hora de designar conceptos anatómicos. Pero ademais, seguindo de preto o latín estamos harmonizándonos coas linguas do noso contorno, xa que todas elas -quitado o castelán- aplican en xeral esa mesma correspondencia coa fonte latina.

Por iso, propomos o emprego de lobo para os termos coñecidos como lobus en latín científico (os xa citados lobo cadrado, lobo cerebral, lobo cuadrilátero, lobo frontal, lobo límbico, lobo parietal, lobo temporal… E lóbulo cando corresponda con lobulus en latín (lóbulo do epidídimo, lóbulo hepático, lóbulo central do cerebelo, lóbulo semilunar2…).
E que facer coas nosas orellas? Pois vendo que o nome latino é lobulus auriculae, a forma galega máis acaída para nós é lóbulo; a pesar de nesta ocasión nin o inglés -que opta por lobe (earlobe) e non por lobule– nin o castelán (lóbulo no canto do esperable lobulillo) manteñen esa correspondencia etimolóxica.
[1] Incluímos o latín entre as linguas das que ofrecemos información xa que en Anatomía (igual ca en Bioloxía) as nomenclaturas internacionais úsana como vehículo neutro co que elaborar unha denominación única para cada concepto.
[2] Esta denominación e a anterior aparecían no DGTM como “lobos“, pero ao corresponderen ao lobulus centralis e o lobulus semilunaris latinos, pensamos que se deben recomendar formas con “lóbulo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos