Venres 19 Abril 2024

Aforamentos de políticos, de leiras… e de teatros?

“Entrada libre ata completar o aforamento”

Así remataba un convite a un acto, que me chegou hai poucos días á caixa de correo electrónico. Eu tiña claro que o aforamento é unha prerrogativa que se lles concede a determinados cargos públicos que lles permite ser encausados e procesados por tribunais diferentes -previamente sinalados- aos que lles corresponderían se fosen tratados como cidadáns comúns. Pero non me soaba que en galego se usase para referirse á ‘cantidade de persoas que poden acceder legalmente a un recinto’, tal e como se facía nesa mensaxe.

Publicidade

Unha consulta rápida ao dicionario confirmou a miña intuición: os significados de aforar e de aforamento (aforo xa nin aparece) remiten só a cuestións relacionadas coa historia política (outorgar foros a un lugar) ou económica (dar ou tomar a foro unha propiedade). Xa que logo, precisamos unha palabra galega que substitúa a aforamento en contextos coma o do convite inicial.

A palabra que estamos buscando é cabida (ou tamén capacidade), definida pola Academia Galega como ‘espazo interior dun recipiente ou continente, dun local etc., considerado en función do que pode conter nel’. A definición pode parecer pouco precisa, pero o exemplo que a acompaña (Este cine ten cabida para duascentas persoas.) aclara todas as dúbidas.

Por iso, deixemos os aforamentos para os textos de historia ou para as informacións de tribunais, e lembrémonos de empregar fórmulas como Entrada libre ata completar a capacidade ou Entrada libre ata completar a cabida cando fagamos anuncios de conferencias, actuacións e eventos semellantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Así era Castro Valente: a fotografía láser recrea a muralla da gran fortaleza medieval galega

Un estudo da USC usa as novas tecnoloxías para ampliar información sobre o xacemento de 10 hectáreas situado entre Padrón e A Estrada

O meteorito que brillou como cincuenta lúas cheas xa pode visitarse en Santiago

Tratouse dun asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa que chocou contra a atmosfera a 15 Km/s

Unha tese galega demostra a viabilidade de reutilizar restos vinícolas e pesqueiros no país

Antonio Cortés avaliou a sustentabilidade das estratexias de valorización de residuos orgánicos, alén de estudar a ecoeficiencia dos procesos