Martes 19 Marzo 2024

A industria da vida

Nunha terra xenerosa en recursos naturais como Galicia, tanto en terra coma en mar, non pode ser casualidade o desenvolvemento de empresas, grupos de investigación e centros públicos que fan das ciencias da vida o seu campo de desenvolvemento. Máis estraño é que ata 2010 ningún esforzo lograse xuntalos nun proxecto común para pensar e actuar en conxunto. Ese ano naceu Bioga, o cluster tecnolóxico empresarial da biotecnoloxía galega, que dende entón non parou de crecer. É posiblemente o máis claro expoñente da importancia dun sector que aglutina xa o 60% da produción científica galega, aínda que envorcada en máis dun 90% ao mercado internacional.

Carme Pampín
Carme Pampín.

2014, Ano da Biotecnoloxía en España, foino tamén o da consolidación de Bioga, que exerceu de anfitriona no principal evento internacional do sector, BioSpain, celebrado en setembro en Santiago, e que ingresou nas súas filas outro xigante como Zeltia. Son xa 45 as empresas asociadas, que facturan cada ano 56 millóns de euros e dan traballo a medio millar de persoas, un 60% delas titulados universitarios e doutores. “O obxectivo é posicionarnos como referente en Galicia e no Estado, e creo que o estamos conseguindo”, asegura a súa presidenta, Carme Pampín.

Publicidade

Nacida como herdeira dunha Plataforma da Biotecnoloxía que non chegou a callar, os seus promotores pronto foron conscientes da existencia de suficiente masa crítica para promover unha asociación que parte da industria pero que tamén une a universidades, spin-offs, centros de investigación, fundacións hospitalarias e organismos públicos. En Bioga están representadas todas as grandes cores da biotecnoloxía: o vermello, que se aplica en procesos médicos; a branca ou industrial; a verde, relacionada cos procesos agrícolas, e a azul, dos ambientes mariños e acuáticos. O 34% dos seus socios están vinculados á investigación, o 23% ao sector agroalimentario e o 20% á saúde. O resto traballa en ámbitos como a nanobiotecnoloxía, a industria farmacéutica ou o medio.

As ciencias da vida xeran xa o 60% da produción científica de Galicia

Co Campus Vida, Zeltia e Lonza Biologics Porriño como puntas de lanza, o cluster deixou de ser unha agrupación incipiente para exhibir o seu indiscutible potencial. Con todo, a gran maioría das empresas do Cluster Tecnolóxico e Empresarial dás Ciencias dá Vida, nome oficial de Bioga, son compañías de pequeno formato que se dedican dunha forma ou doutra a aplicacións tecnolóxicas que, mediante a utilización de sistemas biolóxicos e organismos vivos ou os seus derivados, crean ou modifican produtos ou procesos para usos específicos. É esa a definición que se consensuou á biotecnoloxía no Convenio sobre Diversidade Biolóxica de 1992.

O cluster ofrece un panorama fiel da diversidade de campos que abranguen as empresas do sector en Galicia. Algunhas desenvolven servizos que serven para o diagnóstico e tratamento de enfermidades (Ebiotec), outras dedícanse a investigar e producir ingredientes funcionais como os probióticos (Bialactis), hai produtos que preveñen enfermidades ou pragas en cultivos agrícolas (Deroceras) e algunhas que se especializaron en recursos humanos (In Out Consulting).

Lonza
Instalacións de Lonza Biologics Porriño. / Lonza

AMSlab, xurdida no campus de Lugo, da Universidade de Santiago, fai análise de produtos por espectometría de masas, e diversificouse cara aos sectores téxtil, alimentario e farmacéutico. É a empresa de referencia nos controis de calidade de Inditex. O produto estrela de Nanogap son nanopartículas metálicas de ouro e prata con aplicacións en electrónica e materiais. E o de Biovía, un dispositivo que permite medir a contaminación a través do mofo.

A partir de Bioga nacen outras asociacións como CosmetInnova, a unión de cinco empresas galegas para desenvolver produtos de cosmética de maior actividade biolóxica e efectos beneficiosos a partir de especies vexetais. Aí está Hifas dáTerra, que cultiva cogomelos para obter produtos de biomedicina. O Glecex, primeira empresa española dedicada á separación e illamento de antioxidantes producidos polas plantas para aplicalos á industria farmacéutica, agroalimentaria e cosmética. “Esperamos obter o primeiro axente preservante con certificado ecolóxico”, avanza José Manuel López Vilariño, un dos seus creadores.

“O que tratamos de facer con todo este potencial é dinamizar o sector e romper as barreiras que nos estaban limitando”, explica a presidenta do cluster. Facémolo con actividades de networking, financiamento e formación. Algunhas que se converteron en todo un acontecemento para o sector, como BioSpeed Dating, Bio Investor Day, Bioalmorzos ou os premiosBioga, que se entrega, este 12 de decembro en Lonza Biologics, gañadora do premio á Empresa Más Competitiva en 2013.

Todo este mosaico de pequenas e grandes, de empresas e centros de investigación, de terra e mar, de medicina e de agricultura, de pública e privado, é o que debuxa un sector galego que se situou xa entre os cinco primeiros de España. Natural como Galicia e diverso como a vida mesma.

logo_MINECO_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres biotecnolóxicas galegas lideradas por mulleres captan un millón de euros

Celtarys Research, Libera Bio e BFlow obteñen por primeira vez nun mismo ano o apoio do programa NEOTEC, unha axuda pública "moi competitiva"

Un proxecto galego estudará a eficacia de novas moléculas para o tratamento do pé diabético

Os chamados degradadores de proteínas poden favorecer a correcta cicatrización e o adecuado peche de feridas

Unha xestora galega de capital privado, novo membro de DATAlife

Noso Capital é unha entidade galega que naceu en setembro de 2020 e aposta polo investimento en pequenas e medianas empresas

A biotecnoloxía galega exhibe os seus avances en Biospain 2021

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis) promove a participación de representantes da comunidade no evento