A historiografía española agochou o reino suevo”

Cranio co cabelo anudado ao estilo suevo do home de Osterby.

Por Víctor López

No ano 406 prodúcense as coñecidas como invasións bárbaras. Decenas de miles de persoas cruzan os límites fronteirizos do Imperio romano avanzando cara o sur de Europa. Son tribos procedentes de Centroeuropa asentadas durante moito tempo ao longo da fronteira co Imperio que buscan novos asentamentos. No 409, suevos, os vándalos e os alanos atravesan os Pirineos e entran en Hispania.

Publicidade

A poboación de Hispania nese momento é de 5 millóns de persoas. A pesar de ser minoría, estas tribos bárbaras intégranse con facilidade na península ibérica. Os suevos diríxense á provincia romana de Gallaecia e no 411 crean un reino independente, que vai perdurar ata o ano 585. Nese momento a Gallaecia ocupa todo o noroeste da península e os suevos, que viñan de Centroeuropa, logran facer dela un reino, o primeiro reino medieval de occidente.

Fixérono fronte a moitísimas adversidades. Ademais, foron pioneiros en moitos aspectos, abrazaron o catolicismo antes que ningún outro pobo xermánico e con eles a Gallaecia comezou a ter unha moeda propia, nacional. Sen a monarquía sueva non se pode entender o antigo reino de Galicia.

Cos suevos, Gallaecia comezou a ter unha moeda propia, nacional. Sen eles non se pode entender o antigo reino de Galicia

Jorge López Quiroga (Ourense, 1966) é historiador e arqueólogo na Universidade Autónoma de Madrid e ademáis foi comisario da exposición In Tempore Sueborum que tivo lugar en Ourense.

—Por que o Reino Suevo é tan descoñecido, cal é a causa desa manipulación que nos fixo chamar a esta época durante moitos anos, os anos escuros?

—O Reino suevo, como outras formacións políticas dese período, foi pouco estudado no pasado. Hai uns 25 anos isto cambiou e comezouse a concederlle a importancia que merece. Os motivos deste olvido eran, por un lado, que eses anos escuros eran considerados un período de decadencia, xa que as fontes textuais non son tan abundantes, e por outro, porque desde o punto de vista da arqueoloxía prestábase máis atención a outras épocas.

—Os suevos son un pobo ignorado conscientemente polos historiadores?

—Non é ignorado pola historia na caída do Imperio romano, as fontes clásicas si falaron dos suevos. Pero na construción da historiografía española deste período houbo unha intencionalidade de agochar o reino suevo, si que se fixo unha marxinación e marcouse o acento no reino visigodo obviando aos suevos. Isto foi así porque conviña políticamente. Pouco a pouco, coa volta da democracia a España, isto mudou completamente na maioría dos historiadores.  

—Xa tiñamos fake news hai anos, con relatos interesados, e incluso con desaparición de info?

—As fontes son sempre as mesmas, os textos non cambian. O que cambia é o ollo do historiador ou historiadora, e ese non é alleo ao que lle rodea. Houbo unha intencionalidade de agochar como o reino suevo era unha formación política que tivo unha relevancia única, xa que foi o primeiro reino europeo. Tratouse de minimizar a existencia dos suevos pola puxanza posterior dos godos. Calquera manual da historia de España do Reino suevo falaba unha páxina como moito.

Epígrafe de San Pedro de Rocas, segunda metade do século VI-século IX. Museo Arqueolóxico de Ourense.

—Son case dous séculos cos suevos aquí, falamos por tanto dun reino estable?

—Por suposto que si en canto á duración, aínda que tivo moitas vicisitudes. No 456 Rechila foi derrotado e Teodorico destrúe Braga. Desde ese momento pon un delegado rexio na Gallaecia. A partir de aí trátase dun reino tutelado polos godos, existindo moitos problemas á hora da sucesión. Nos suevos sempre había familias e loitas entre elas, normalmente dúas linaxes. Estas loitas internas, que tamén sucedían no reino godo, xeran moita inestabilidade política, polo que o territorio nunca vai estar controlado totalmente. A Igrexa católica vai facer de pegamento entre a maioría da aristocracia galaico romana e a minoría da elite sueva.

Jorge López Quiroga.

—Podemos falar de invasións ou migracións bárbaras ou xermánicas?

—Os únicos países que falan de invasións son España, Italia, Portugal e Francia, porque estes pobos veñen de fóra. En Alemaña ou Inglaterra refírense a movementos migratorios. A comezos dos século V, cando chegan os suevos, vándalos e alanos á península ibérica, levaban migrando xa desde o seculo I. A tendencia lóxica da humanidade é a migración continua. Non hai identidades étnicas pechadas, como promulgaban os nazis. O exército romano do século IV era bárbaro, entendendo por bárbaros aos estranxeiros. É un termo máis neutro que xermano, que recorda máis á idea da raza aria. Estes pobos nunca tiveron intención de invadir a península ibérica. A súa expansión foi causada pola ausencia de poder do imperio romano, que estaba nos seus anos previos á caída.

—Como foi a relación dos suevos cos habitantes da Gallaecia?

—Se tomamos como referencia a crónica de Hidacio de Chaves, bispo e historiador, que era un membro desa aristrocracia galaico romano e límico, segundo a súa versión, nos inicios non tiveron unha relación moi fluida cos suevos. Non houbo un cambio radical, pero si unha relación de conflito e de enfrontamentos.

“Só España, Italia, Portugal e Francia falan de invasións. En Alemaña ou Inglaterra refírense a movementos migratorios”

Jorge López Quiroga, historiador

—Como de fiables eran as crónicas de Hidacio, porque el chega a contar cousas como que hai unha época terrible de fame entre o 409 e o 410 no que as nais mataban aos seus fillos de fame para logo cocelos elas mesmas e comelos…

—El era un dos máximos opositores ao poder suevo e de feito prendérono. Pero estas cousas que contaba son textos literais que se atopan noutros textos antigos como a Biblia, que serven para describir acontecementos. Para Hidacio os suevos estaban nas antípodas do mundo que el quería. Son citas que el da que a arqueoloxía non ten comprobadas, pero máis que como unha noticia falsa podemos interpretalo como unha licencia literaria. Para el os suevos eran a fin do mundo.

—Rechiario foi o primeiro monarca en converterse ao catolicismo e acuñar moeda co seu nome. Reinou desde o 448 ao 456 e mantivo a dobre capitalidade Mérida-Braga. Coa conversión ao catolicismo podemos dicir que Rechiario é o primeiro rei suevo galego?

—Si no sentido da Gallaecia. Non era nin a Galicia actual nin o Portugal actual, pero si era un rei suevo galaico romano. Podemos falar de reino independente, de autonomía política, iso foi o primero en facelo. Non podemos falar de estado como nación porque ese concepto aínda non existía, pero o reino suevo configura por primeira vez en todo occidente a forma política que vai ser a característica de toda a Idade Media e Moderna ata que chegan os estados nacións.

—San Martiño de Dume é considerado o Apóstolo dos suevos, como de importante é a súa figura para o desenvolvemento dun reino suevo galego?

-É un personaxe fundamental sen o que non podemos explicar o reino suevo da segunda metade do século sexto. Politicamente foi moi influente en oposición ao poder godo. A conversión do rei Teodomiro ao catolicismo foi obra súa. Se o seu reinado é coñecido por algún documento en particular, sería sen dúbida pola Divisio Theodemiri, tamén coñecida como a Parrochiale suevorum. Utilízase parroquia como un gran territorio cunha igrexa principal. Tamén se lle atribúe a envaxelización e cristianización do mundo rural, que deixasen de facer cultos ás divinidades paganas. Moitas aldeas hoxe en día seguen a  facer culto ás fontes e ás pedras, pero con el isto muda pola implatación dunha ortodoxia máis forte.

—Como é o final do reino suevo a mans dos visigodos no 585?

—Leovixildo loita primeiro contra o seu irmán por unha identidade, e no momento en que finiquita no levante co imperio bizantino, só quedaban na península por conquistar para os godos o norte e o noroeste. Leovixildo lanza unhas campañas militares para dominar a Gallaecia e no 585 pasa a ser unha provincia administrativamente do reino godo, Tui vai ter unha relevancia importante a partir dese momento, e queda integrada no reino godo de Toledo. Isto foi o que ficou na historiografía española como se houbese un destino de unificación da península e o que fixo que se deixase de falar dos suevos. Por pouco tempo foi o seu dominio, porque no 711, coa entrada dos musulmáns, muda de novo a situación política. 


BBR1. Un reino agochado

Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022