Un panteón á altura dun reino

Capela das Reliquias e Panteón Real, no Museo da Catedral de Santiago.

Por María Piñeiro

É difícil conter a apertura das portas da Capela das Reliquias/Panteón Real, no Museo da Catedral, desde primeira hora da mañá. Probablemente non sexa a sala que máis chama a atención ás visitas, pero a historia da cidade de Santiago de Compostela non sería a mesma sen a súa existencia. Nese emprazamento descansan desde o ano 1535 dous reis e dúas raíñas como resultado do apoio que a dinastía borgoñoa ofrecera ao culto do apóstolo catro séculos antes.

Publicidade

Pero a relación entre a monarquía e a Igrexa nace no momento mesmo do descubrimento dos restos de Santiago, como explica Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico do Museo da Catedral. “Os panteóns reais son sempre lugares de memoria vinculados a unha familia poderosa ou dinastía. Pero o caso da Catedral de Santiago é particular porque esta relación cos reis vén desde a súa orixe. De feito, Santiago non sería o que é sen o seu apoio desde o descubrimento dos restos do apóstolo no século IX”, afirma.

Yzquierdo aputna: “Afonso II será o primeiro peregrino de Compostela dando inicio a unha relación de intereses conxuntos da Igrexa e dos reis de cada momento, dos asturianos e dos de Galicia e de León. Apoiaron esta sé porque se creaba un foco relixioso cristián importante nun lugar determinado nunha época conflitiva. A partir dese momento a monarquía vai apoiar este lugar como catedral nacional e a dinastía de Borgoña vai ter interese en potencialo porque vai vir enterrarse aquí”.

Privilexios dos monarcas

Os monarcas mostrarán o seu apoio a Santiago con privilexios, terras e importantes ofrendas. Todo será recollido no chamado Tombo A, un cartulario de excepcional valor histórico no que aparecen, cronoloxicamente e encabezadas pola miniatura de cada un dos reis, cada unha das doazóns. O Tombo A foi mandado realizar por Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago, ao seu scriptorium, responsable tamén do Códice Calixtino sobre a tradición xacobea e da Historia Compostelá na que se relata o seu episcopado e se enxalza a súa figura. “É como un rexistro dos títulos de propiedade. Non podemos esquecer que os reis eran o sustento económico da catedral”, subliña Yzquierdo Peiró.

O lugar incerto dos primeiros enterramentos

E será xustamente na época de Xelmírez, a de maior esplendor da Galicia medieval, cando se enterre na catedral no ano 1107 Raimundo de Borgoña, esposo de Dona Urraca e Conde de Galicia. Coa catedral en plena construción, descoñécese onde estaba situada exactamente a súa tumba e como era. Unha das posibilidades é que se atopase na antiga Capela de San Lourenzo, hoxe de Santa Catarina, no extremo norte do transepto ou moi preto, ás portas da catedral xa que as disposicións eclesiásticas do momento prohibían este tipo de enterramentos dentro do recinto. 

A época de Xelmírez é a de maior esplendor da Galicia medieval, cando en 1107 se enterre na catedral a Raimundo de Borgoña, esposo de Dona Urraca e Conde de Galicia

Tamén puido acontecer o mesmo coa raíña Berenguela, esposa de Afonso VII. Coroado en Compostela por Xelmírez en 1111 con só seis anos de idade, o novo rei de Galicia concede toda unha serie de privilexios á catedral para o seu enterramento e o da súa familia ao carón do seu pai, Raimundo de Borgoña. “É nese momento cando nace a idea de que a catedral sexa o lugar de enterramento da dinastía dos Borgoña aínda que ao final, por distintas circunstancias, Afonso VII non se enterre aquí. Pero en 1149 cando morre a súa muller en León, manda ao arcebispo de Compostela sucesor de Xelmírez, Pedro Elías, que a traia á catedral de Santiago”, relata o director do museo. 

Ramón Yzquierdo Peiró, no Panteón Real.

Será o fillo de Berenguela de Barcelona e Afonso VII, Fernando II, quen establece no ano 1180 unha fundación para o seu enterramento na catedral retomando así o desexo do seu pai. “Este pode ser considerado o momento onde institucionalmente nace o Panteón Real”sinala Ramón Yzquierdo, Doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Fernando II morrerá só oito anos máis tarde, despois dunha visita á catedral para admirar o avance das obras do Pórtico da Gloria do Mestre Mateo. Os seus restos serán trasladados a Santiago polo seu fillo Afonso VIII, IX segundo a historiografía tradicional española, quen se encontra enterrado tamén ao seu carón no panteón. 

“Os panteóns reais están sempre vinculados a unha familia poderosa. Pero a Catedral de Santiago é particular, a súa relación cos reis vén desde a súa orixe”

Ramón Yzquierdo Peiró, director técnico do Museo da Catedral.

Pero a monarquía galaico-leonesa xa tiña desde mediados do século XI o seu propio panteón na Colexiata de San Isidoro en León, a capital do reino. Un intento de Fernando I, de orixe navarro-castelán, e Dona Sancha que o mandaron construír para lexitimar, desde o punto de vista dinástico, o seu reinado. Un feito que chama a atención de historiadores como Anselmo López Carreira, autor dalgúns dos mellores libros da historia da Galicia medieval. “Probablemente xorde un novo panteón polo ascenso vertixinoso que a partir de Xelmírez coñece Santiago xa que vai pasar de ser unha sé episcopal a converterse en arcebispal e metropolitana. Posiblemente a intención dos monarcas que están alí enterrados foi a de transformar Compostela no gran centro relixioso dos reis , e van conseguilo”, explica.

“Posiblemente a intención dos monarcas alí enterrados foi transformar Compostela no gran centro relixioso dos reis, e van conseguilo”

Anselmo López Carreira, autor

Os diferentes traslados da Capela dos Reis de Compostela serían a orixe da perda de memoria e confusións que hoxe subliñan os historiadores no actual panteón da catedral establecido no século XVI na antiga sé do cabido, a sala capitular do momento. Á dúbida de se o xacente de Raimundo de Borgoña pertence en realidade ao Infante Fernando Afonso, fillo de Afonso IX e morto prematuramente en 1214, súmase o posible intercambio entre os restos dos reis que están hoxe alí sepultados. 

Anselmo López Carreira.

Dúas figuras máis, a de Xoana de Castro e a de Pedro Froilaz, Conde de Traba e titor de Afonso VII, completan o Panteón Real de Compostela. Dúas incorporacións sobre as que se descoñece o seu percorrido anterior na catedral. “Xoana de Castro, que utiliza o título de raíña de Castela aínda que o seu matrimonio con Pedro I durase só un día, falece en 1374 e puido chegar ao panteón actual desde a capela funeraria que a súa familia xa tiña na catedral. O Conde de Traba que morreu en 1126 e foi enterrado tamén na catedral como agradecemento ás súas doazóns, chegou aquí oitocentos anos despois, en 1926”, explica o director do museo catedralicio. 

Coa catedral xa rematada e unha capela con dous reis enterrados, Compostela deixa de ter interese para os monarcas por razóns políticas. “No ano 1230 sobe ao trono Fernando III e o peso da monarquía trasládase a Castela dando inicio a un proceso de progresiva ou pretendida substitución de Santiago por Toledo. Interrómpese entón esta liña dinástica dos Borgoña no panteón de Compostela e os monarcas descansarán en Toledo onde xa estaba Afonso VII”, asegura Anselmo López.

Afonso IX, segundo a historiografía tradicional, ou VIII de Galicia e León.

A mediados do século XVI a Capela dos Reis cederá espazo á Capela das Reliquias da catedral. Un incendio na primeira metade do século pasado forzará unha nova reforma na que se puideron perder aínda máis elementos iconográficos do panteón. Reliquias e sartegos seguen compartindo hoxe o espazo. 

O esquecemento ao que se viu condenado durante séculos fixo que o espazo do Panteón Real permanecese incluso pechado nas últimas décadas ata o 2003. Nese ano, abríronse finalmente as portas ao público grazas ao empeño da sociedade e a posible boa sintonía nese momento entre asociacións e responsables do patrimonio da catedral. 

O esquecemento ao que se viu condenado durante séculos fixo que o espazo do Panteón Real permanecese incluso pechado nas últimas décadas ata o 2003

Unha liña na que avanza o director do museo, Ramón Yzquierdo Peiró, quen afirma estar xa traballando nun proxecto coa Deputación da Coruña “para mellorar a museoloxía e museografía deste espazo para poder contar toda esta historia que agora pasa inadvertida, que non se está a explicar”.

Un obxectivo no que coincide, sen dúbida, o historiador Anselmo López. “Hai unha grande necesidade de recuperar o coñecemento que temos de nós mesmos pero non só por erudición, tamén polo cultivo da autoestima que temos que ter como sociedade. Para moita xente saber que en Santiago hai un panteón real onde hai reis que se titulaban reis de Galicia e dúas imaxes de raíñas é importante e alimenta a estima”, asegura López Carreira quen insiste, para finalizar, en que a herdanza de coñecementos que as xeracións futuras van recibir é resultado daqueles bens que estamos agora construíndo. “E isto é unha responsabilidade enorme”, conclúe.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9.- Fortificacións en réplica
BRR10. A lírica trovadoresca galega
BRR11. De cando se escribía só en galego
BRR12. Doma e castración do galego.

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022